11 de maio de 2017

TRANSformando o mundo: "22 segundos" de Eva Mejuto (presentación da obra e testemuño de Marcos Ceive).







Esta mañá tivemos unha actividade na biblioteca que nos ensinou o muito que aínda ten que mudar este mundo no que convivimos,  que serviu para reflexionar sobre a intolerancia, constatar que nos rodea (mesmo ás veces sen que sexamos conscientes dela) e que busca que espertemos e reaccionemos en contra. 

Todos tiñamos escoitado nos medios de comunicación sobre as persoas "TRANS" pero hoxe da man das palabras escritas por EVA MEJUTO, autora do libro "22 SEGUNDOS" e co testemuño de MARCOS CEIVE que vive en primeira persoa esa intolerancia da que falabamos, hoxe sentimos e vivimos con eles como sofre unha persoa que nace nun corpo diferente á súa identidade sexual; fomos Alex (protagonista de "22 segundos"), fomos Marcos e fixemos nosas as súas cicatrices.

" Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro. Comezou a transpirar unha suor fría que lle escorregou polas costas ata o van. Xa non había marcha atrás. Estaba decidido. (...) Eh... Mmm... Non sei por onde empezar. Polo principio, que diría o avó. Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Moito máis que falarlle a xente coñecida. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo."



Eva e Marcos aportáronnos toda información para coñecer como debemos actuar e tratar ás persoas TRANS, como sensibilizarnos coa súa opción, aprendemos a respectar e non mirar ao outro lado ante a intolerancia.

Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación. Moitas e moitos quedaron no camiño e outros marcharon, cambiaron de lugar para viviren unha nova vida, empezando de cero. Eu non quero fuxir a ningún sitio, quero vivir coa miña xente, no meu barrio, no meu país."


Agradecemos a Eva e a Marcos a súa xenerosidade ao compartir a súa intimidade connosco, ao Concello de Pontevedra que posibilitou este encontro e a tod@s os presentes porque sabemos que desde hoxe imos ser máis respectuosos e tolerantes.

Marcos, Eva,  a porta do noso club de lectura sempre estará aberta para que nos acompañedes e que nos axudedes a transformar o mundo.



Recomendámosvos a lectura da obra "22 segundos" de Eva Mejuto; de seguro que tod@s os lectores do noso club de lectura xa están desexando ter a lectura nas mans. 

(Fotografías de Beatriz Ciscar)


5 de maio de 2017

Roteiro "Rúas literarias de Pontevedra".

No marco do noso proxecto de aula-biblioteca, interdisciplinar (lingua galega e matemáticas) "Rúas literarias de Pontevedra" de 4º de ESO; despois de longas xornadas de traballo desde comezo de curso ( VII fases con diversas tarefas relacionadas coa escrita,  a literatura e as matemáticas, seguindo o método de aprendizaxe ABP e  tendo como un dos obxectivos a alfabetización mediática e informacional do alumnado) , estreamos o noso roteiro literario en primicia e versión reducida (pois só durará 30 minutos e comprenderá unicamente as rúas do centro da cidade),  colaborando co Servizo de Normalización Lingüística do noso Concello e coa cadea de radio Onda Cero para celebrar o "Ben veñas Maio".



O evento será o martes día 8 de maio ás 17.30, durará 30 minutos e o percorrido comezará na rúa Castelao, para continuar polas rúas Uxío Novoneyra, Filgueira Valverde, Amado Carballo, Antón Vilar Ponte e rematar na rúa Álvaro Cunqueiro (no caso de chegar o tempo será na coñecida como praza dos músicos), todos escritores moi significativos da literatura galega dos séculos XX e XXI (materia estudo no currículo de 4º de ESO).No noso percorrido estaremos acompañados pola xornalista Susana Pedreira.


Por parte do noso centro participaremos as profesoras coordinadoras do proxecto, tres alumnos de 4º C e tres alumnos de 4º D.

A ver como nos resulta a estrea, pois o 31 de maio realizaremos o roteiro completo, todo o alumnado e teremos como broche de ouro a presentación do poemario "Terraza" de Fran Alonso e unha acción poética no parque das Palmeiras.

Audio do roteirona aula virtual:
https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanchezcanton/aulavirtual2/mod/forum/discuss.php?d=9072


Ligazón ao audio en ONDA CERO:
http://www.ondacero.es/emisoras/galicia/pontevedra/pontevedra-en-la-onda_20170510591309950cf2a1da4826eca5.html