Páxinas

17 de maio de 2021

SIBILA de Rosa Aneiros.

 


Esta nova entrega de Rosa Aneiros para adultos, desde hai case dez anos sen publicar para este tramo de idade, achéganos a un mundo de ficción, o da Illa que pode semellar situarnos no futuro mais as claves que a definen ben poderían ser dun presente; como ben se di na contracapa da novela nela todo é ou non é, coma nun xogo de espellos que refliten a ficción á par que refliten a realidade,o mundo cotiá dos seres que habitan a Illa, a súa natureza e o seu mundo interior, o da protagonista, Sibila e a dos outros e outras.

O vento, a tempestade, a choiva, os lóstregos... son omnipresentes, expresan a ímpeto, a forza dos elementos e expresan as desacougantes vidas interiores e íntimas dos personaxes, a natureza que se revolve contra os feitos, contra a memoria, contra os medos, as xenreiras e as vontades.

Con Sibila coñecemos, nun imparable adiante e atrás, pensamentos, sentimentos, desexos, frustacións... os da protagonista e os das personaxes e vaise tecendo pouco a pouco a historia como unha tea, coma se dun quebracabezas ao que lle faltan pezas se tratase e que só se completará na parte final da novela. Con Sibila tiramos do fío do vestido de Amalia, comeremos o pan da fornada de Fina, veremos os lenzos de Aldara... envolveitos no urdido, da trama de Sibila.

Ornamentada a prosa con fragmentos moi líricos e descritivos que nos presentan os ambientes arrequecendo a linguaxe da novela, cunha chea de topónimos que reivindican a importancia do espazo na obra, os alcumes que identifican ou esconden as identidades, cun léxico moi saboroso, a lectura de Sibila envólvenos desde o comezo polo espazo case mítico que se nos presenta, pola forza interna dos personaxes e polo insospeitado dos acontecementos.

Unha novela intensa e suxerente que provoca no lector meditacións e inquedanzas arredor da idea do mundo que estamos a construír, que favorece a reflexión e a deliberación arredor do futuro da humanidade, da ética, do estado do benestar para todos e todas os que habitamos este mundo, Sibila, ambas, a novela e a a personaxe, incitará aos lectores e lectoras a meditar sobre a nosa condición de humanos ou inhumanos.