De lecturas.

"Sapos e sereas" de Ana Cabaleiro.



Cando de nenos nos contaban historias de sapos que se convertían en príncipes, daqueles aos que se lles entregaba unha princesa por ter matado ao dragón, da carapuchiña e o lobo, das sereas de Ulises, dos Reis de Oriente... soñabamos cun mundo de ficción feliz e marabilloso; xa ao medrar descubrimos que "os camiños están trillados", que a procura dun final feliz é infructuosa e a amargura e a dor da perda, de non ter conquistado o que se nos prometeu na infancia dos contos é a sensación que paira sobre os relatos deste libro de Ana Cabaleiro.

As mulleres protagonistas das historias de "Sapos e sereas" reais ou míticas,  buscan a felicidade e só atopan a crúa realidade dos desexos insatisfeitos.

Catro relatos e un epílogo , o mundo da realidade misturado co mundo simbólico dos personaxes dos contos tradicionais e do imaxinario galego (sereas, xacias, lobos...) á par das mulleres biblícas (Eva, Judit, Mª Madalena) e os mitos do cinema coma Groucho Marx, todos eles modelos primixenios que se nos ofrecen cando aprendemos a camiñar pola vida, a orar.

Cunha estrutura ben traballada nos propios relatos e na cohesión dos mesmos no libro, catro historias cun final "infeliz"?. A linguaxe coidadosamente escollida, as figuras retóricas (metáforas, símbolos, personificacións...), a adxectivación precisa axudan ao desfrute estético da lectura.

Un mundo feiticeiro, enganoso, mentireiro rodea ás mulleres protagonistas, ás sereas, o amor que todo o convirte en crueldade, aparencias, inxustizas... pouco equilibrio entre os sapos e as sereas... 
e serán elas os sapos e eles as sereas?

Unha obra narrativa chea de simbolismo; a lectura vainos aportando paso a paso as chaves para resolver o quebracabezas, a imaxe final e frustrante da nosa realidade cotiá, do mundo das protagonistas destas fermosas historias. 




"Ceiba de luz" de Manuel Lourenzo González.




O premio Jules Verne 2017  acadouno o escritor Manuel Lourenxo coa novela Ceiba de Luz. "A ceiba é unha das árbores máis senlleiras da selva amazónica, considerada sagrada en moitas culturas indíxenas de América do Sur. 

Ceiba de luz é un achado de aventuras, de filosofía, dos mundos que xiran da man de dezaoito mozos e mozas científicos que parten na procura dun tesouro: a propia orixe,a identidade mesma, o ouro agochado na selva amazónica.

"Unha figura humana en crequenas na que se recoñeceo estilo da arte indíxena da América precolombina" e un narrador experimentado condúcennos nunha expedición ao corazón mesmo do Perú , a unha antiga civilización e a moitos segredos.

Un protagonista colectivo conformado por personaxes ben definidos aos que imos coñecendo polo que din, por como actuan e que nos depararán moitas sorpresas.

A acción, a procura do mito, a supervivencia, os descubrimentos pairan na novela facéndonos "pasmar" entre dous mundos ( o do comezo e o do final, o sentido do ser humano, a orixe). Os sentimentos, amor, medo, ciumes, avareza, traizón... todo ten cabida en Ceiba de luz.

A novela apórtanos desfrute da lectura, dos misterios e enigmas ao tempo que nos fai reflexionar, mirar cara a dentro, plantexarnos preguntas... será esta obra moi do gusto de lectores amantes das pesquisas históricas, da filosofía, da acción, da procura dunha explicación dos mundos e dos entes que os habitamos.

Unha linguaxe moi rica e coidada, un relato áxil fan que nos sintamos transportados a escenarios nos que se mistura a realidade e a fantasía, que soñemos descubertas e que coma "as arañas construamos trampas para nos procurar alimento".

Unha narrativa multixénero, realista, histórica, fantástica, de aventuras...,xa que logo, compracerá a un abano variado de lectores.







"A arte de trobar"de Santiago Lopo.




O premio Xerais  deste ano 2017 xa é un imprescindible para levar a aula e a través da ficción presentarlles aos nosos rapacese rapazas a nosa lírica medieval. Mistura de novela histórica, de aventurase de  marco literario, novela galega, de tradición galega pero que se desnvolve fóra das nosas fronteiras ( do sur de Francia á Galicia pasando por Castela e Cantabria).

Unha boa dose de acción que nos introduce na historia, nas aventuras e coa literatura medieval de marco para relatarnos a historia de tres personaxes: Elvira, Guillaume e Guy que alternan as súas vidas superpoñéndose capítulo a capítulo: unha trobairitz occitana, un dominico inquisidor e un nobre flamengo nigromante, no século XIII e no camiño de Santiago.

Un aventureiro percorrido pola historia convulsa de confrontacións relixiosas, persecucións e herexías, as ciencias ocultistas e a loita polo diñeiro, polo poder (o da terra e o do ceo) nun fermoso marco de cantigas e xograres, provenzais e galegos... a arte de trobar que viaxa ata nós para ser testemuño do esplendor da lírica medieval galego-portuguesa, e a provenzal xa en declive.



A mestura de personaxes históricos e ficticios, a literatura, a música, unha profecía sobre o futuro da cultura galega, o ambiente das cortes medievais, as trobairitz e o seu papel na cultura, o poder do latín e as linguas "vulgares".... e moitos temas máis acompáñannos na lectura desta fermosa novela.



  
                                                     ( Imprecindíveis para levar a aula.)




 "Os nenos da varíola"de María Solar.


O noso primeiro contacto coa narrativa de Maía Solar foi coa lectura de "As meigas de Lupa" e agora compartimos a súa última novela, coma di a editorial "sen dúbida, estamos diante da novela máis ambiciosa e lograda" da autora. 

O triángulo de personaxes principais, Ezequiel, o doutor Posse e Isabel Zendal (os dous últimos baseados en personaxes reais) lévannos a través dos preámbulos da preparación da "Real expedición filantrópica da varíola"comandada polo doutor
Balmis en 1803.

O rexistro novelado dunha epopeia que axudou a que no 1980 a OMS declarara a Terra "zona cero" da varíola, unha enfermidade que no século XIX sentiuse coma unha "peste" que levaba por diante aos máis febles, nenos e mulleres, homes das clases sociais máis desfavorecidas (coma os nosos protagonistas) que non podían acceder á atención médica. 

María Solar recolle en palabras, as dramáticas historias dos nosos orfos do século XIX, a soidade e a falta de amor destes nenos abondonados no hospicio, "pola fame ou pola deshonra", que vivían 
" amoreados, mal vestidos, mal nutridos, cheos de piollos e enfermidades contaxiosas", nenos que nos van lembrar aos personaxes de Dickens pero que son de noso, galegos, do hospicio de A Coruña:"de cada cen expósitos, entre  setenta e oito non chegaban a facer os dez anos de vida" .

A crúa realidade do XIX que se transforma nunha espreranza, poder ser os transportes "vivos" da vacina da varíola e salvar ao Novo Mundo.

E a biblioteca que vai servir de refuxio ao noso protagonista: "O despacho era en realidade a biblioteca do hospital. Despacho e biblioteca, todo xunto. Un lugar de reflexión, repouso, estudo e escrita que compartían os médicos", a formación e a oportunidade de saír dun mundo de penurias.

Pois unha noveliña que nos vai falar dos verdadeiros heroes, os que ante as inclemencias do mundo, no nome da ciencia, da caridade e da humanidade van salvar aos seus conxéneres.

Unha fermosa historia de amor pola humanidade esta coa que nos María Solar.



Resultado de imaxes para a ferida do vento"A ferida do vento" de Antón Riveiro Coello // "Vento ferido" Carlos                  Casares.

                " O xudas riu e dixo: "Son un can". Pasaba unha muller e o Xudas pediulle unha peseta. A muller deulla. O rapaz mirouna e ladroulle: "Guau, guau!" (...) Tronaba (...). Mirou para o ceo. Dixo: "Son un can".

                                    Levantouse o vento.

                     O verán tocaba ao seu fin."                                            

                                                                           Vento ferido. Carlos Casares.

Antón volve a Xinzo para pasar as vacacións de verán tras estar o trimestre interno en León; corre o ano 1978 e Antón ten 15anos, está desexando encontrarse coa súa moza Gabriela coa que apenas compartiu uns días coma mozo dela mais o que lle espera no pobo non son boas noticias...

Unha novela de formación e aprendizaxe, o amor, a morte, o erotismo e o desexo agardan a Antón no seu pobo, a súa familia, os amigos e os conveciños esperan polo "doutor... que quere ser artista" con novas que farán que Antón reflexione, sinta, viva... o que non esperaba.

Unha novela coral na que o avó de Antón e a especial listaxe dos seus amigos, "feridos polo vento": O Tiroliro, O Marcelino, O Demetrio, O Catapiro, O Manequín... achégannos con respecto e agarimo, a todos aqueles seres especiais que nalgún momento da súa vida foron "feridos polo vento" que os levou fóra da chamada "normalidade".

A cotidianidade da vida no pobo, os personaxes de calquera pobo, que rodean a estes actores distintos e especiais e entre todos eles O fillo do mestre don Paco, o escritor Carlos Casares, homenaxado e creado personaxe na novela. Son numerosas ás referencias á primeira obra de Carlos Casares "Vento ferido" e os contactos entre personaxes e ambientes.

As historias da normalidade fronte á diversidade, personaxes recreados que nos fan deslizarnos pola historia con pracer e  agarimo, sentírmonos un máis dos habitantes de Xinzo, compartirmos as súas festas, os costumes, as preocupacións e os sentires.

Unha novela esta que nos deixará cun agradable sabor e fará que desexemos coñecer máis sobre o escritor Carlos Casares e ler a súa primeira obra "Vento Ferido".

                    "Sentiu os labios dela que se pousaban nos seus. Foi como un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.

Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del."

                                                                          Vento ferido. Carlos Casares.



“Todo canto fomos” de Xosé Monteagudo.
14660813801464004645todo_canto_fomosTodo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias, poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.
Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar  sociedade galega actual.
Trátase pois dunha novela de aprendizaxe para o personaxe do “escritor” que vai descubrindo a historia fragmentaria da súa familia e para o lector que vai pescudando da súa man as orixes e formación da súa identidade como galego.
Localizada en Pontevedra, polas súas rúas e cafeterías móvense personaxes históricos coma Bóveda, Castelao, Antón Losada e non é dificil imaxinalos ao noso carón nos faladoiros do Café Moderno ou saudalos nas escadas da Deputación.
Non podemos pois deixar de gozar da lectura destas páxinas que sen dúbida nos achegan ao que é máis de noso.
Podería ser un fermoso agasallo nestas datas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario