Sala de visitas

 

Os nomes con historia visitaron a aula de 4º de ESO C:

"Os pilotos", "as xoubiñas", "o lalalá", o "chora polo molido"  ... 

visitaron a aula de 4º de ESO.

Dentro do proxecto dos alcumes que estamos a desenvolver en 4º de ESO, esta mañá recibimos, con moito agarimo, a tres mulleres do barrio de San Roque (no cal se sitúa o noso intituto- pese ao gran descoñecemento do noso alumnado- e nun xeito de recuperar a nosa historia e linguaxe inmediata, o noso patrimonio histórico e inmaterial) que recuperaron para todos nós as formas e historias dos nosos alcumes.


E como os alcumes son nomes con historias  relatáronnos contos, lendas, costumes, e ideosincrasia da nosa parroquia, a MEMORIA VIVA, nestas encantadoras mulleres que dicían que "viñan facer un exame de galego" CANDO REALMENTE VIÑAN FACER UN AGASALLO DOS MÁIS FERMOSOS... compartir coa rapazada o noso Patrimonio , transmitir palabras, valores, formas de vida (que o alumnado xa non coñece) e alcumes e significados que nos van servir para o noso proxecto.


Unha clase con MEMORIA, con ilusión, con realidade... o que elas aportan  e o que nós recollemos e de seguro transmitiremos ás xeracións vindeiras, a transmisión oral, boca a orella... recoller e valorar os nomes, sobrenomes e nomes con historias... OS ALCUMES.



 Xanciño o Neto, fillo de Xan e Francisca, vivía na Ribeira das Corbaceiras nunha casiña fronte ao mar, enriba dun peirao, como todas, coa súa familia que tiña por alcume Os Capitáns. Todo o mundo tiña o seu alcume no Arrabaldo.
Xan do Arrabaldo Rafael Fontoira Surís.".  "





ANTÓN RIVEIRO COELLO: " Detrás dun escritor ten que haber un lector, por iso é importante que leades os libros que vos recomendan"

Esta mañá recibimos no noso instituto ao grande escritor Antón Riveiro Coello que veu falarnos da súa última obra publicada "A ferida do vento".


O alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato (entre o que se encontraba o alumnado do noso club de lectura) participaron neste encontro co autor no que literalmente "destriparon" a novela, conxugando durante hora e media o xogo da ficción e da realidade.

O autor foi acollido coa valoración que da obra fixeron os nos@s chic@s do club de lectura e a continuación falounos da súa xuventude e de como da man da súa parella foi entrando no mundo da escrita.

Relatounos anécdotas curiosas coma que gañou o seu primeiro premio literario baixo a identidade dun amigo seu, os seus comezos na literatura: "Son os demais os que deciden o que escribimos; Hai que ter algo de inocencia para querer cambiar o mundo coa escrita". 
Para Riveiro Coello "O escritor traballa con material sensible coma a memoria ou os sentimentos ... a súa inspiración pode vir dun comentario trivial".






Centrados xa en "A ferida do vento"falounos dos personaxes reais que se atopaban detrás de Antón, de Gabriela ou dos "TOLIÑOS" (" Eran toliños que andaban pola miña vida...que teñen un rostro en Xinzo") e tamén de personañes inventados coma Demetrio que acabaron tendo un referente real.
Falamos de Carlos Casares e da súa presenza na obra.

Finalmente o escritor amablemente prestouse a asinar os exemplares da súa obra que alumnado e profesorado lle achegaron e formouse unha colaaaaa que atendeu con paciencia.





Grazas Riveiro Coello polo agasallo da túa presenza, das túas palabras e da túa escrita.





Visitounos Conchi Cochón (SNL do Concello de Pontevedra).

No marco do noso proxecto " Rúas literarias en Pontevedra, séculos XX/XXI" recibimos na nosa biblioteca a visita de Conchi Cochón, Técnica de NL e ex-alumna do Sánchez Cantón.

Conchi explicounos que é e como funciona un Servizo de NL, cales son os seus obxectivos e a quen se dirixen; presentounos campañas de NL dirixidas aos adolescentes coma Youtubeiros ou aos máis pequenos coma APEGO, falamos das Noites abertas en Pontevedra e do Club de debate.

Relacionado co noso proxecto de rúas e literatura explicounos como se realiza a escolla dos nomes das rúas, a quen lle corresponden as decisións e a teor diso como desde o Concello de Pontevedra se favorece que todos os nomes das nosas rúas estean en galego e servan para visibilizar aos nosos escritores e persoeiros. Compartimos con ela algunha das nosas conclusións a partir do proxecto coma a case inapreciable presenza das mulleres escritoras nos nomes das nosas rúas e ela falounos do proxecto "Chamámonos así" coa fin de perservar e recuperar a microtoponimia da nosa zona nos nomes das rúas das zonas non urbanizadas e de nova construción do concello coa fin de conservar a memoria do territorio antigo, por exemplo "espincelo" un fitotopónimo descoñecido que serve para nomear unha planta pequena que debeu de crecer abondosamente no lugar noutrora.

E postos a falar de toponimia  presentounos o traballo de recuperación e conservación dos topónimos tradicionais e a páxina web que o recolle para que poidamos botar man del cando o precisemos.

Unha marabillosa xornada para reflexionar sobre o que é de noso, como protexelo e valoralo, porque se perdemos o propio perderemos parte da nosa riqueza e da nosa identidade.

Grazas a Conchi Cochón pola súa amabilidade e o seu entusiasmo ao compartilo connosco. Grazas ao profe Anxo por apoiarnos nestas iniciativas de achegar a nosa realidade á aula.









Ningún comentario:

Publicar un comentario