Sentimentos e emocións cunha linguaxe ao servizo da beleza da palabra (o pouso da poeta), transmítenos Helena Villar Janeiro nestes catro relatos que teñen coma fío condutor o tema do primeiro amor (ese que a contratapa do libro define coma "amores que nos acompañarán na memoria para o resto das nosa vidas... Porque todos amamos").
Seique vai ser un libriño que vai "namorar", literalmente, á nosa rapazada polo tema (moi na liña das preferencias da adolescencia) mais tamén pola fermosura da palabra (coidada, escollida, colorida...) e polo encadre: o contexto das historias que nos relata a autora; Marrakhech e a praza de Jamaa al Fana para a historia de Iamal e Shama, o camiño de Santiago que favorece o encontro de Alicia e Jacques (Galahaz), Compostela e as vacacións de Nadal coma marco para o diario de Chus e o seu amoriño por Gustavo, e unha tenda benéfica para axudar a Fuco e a Maía na man de Loxa e Xelo e o seu soñado primeiro bico.
Fermosas historias de namorar nas que destacamos a mestría da presentación das mesmas e a lírica da linguaxe, a adxectivación, o colorismo que arroupan as palabras, a inocencia do amor primeiro e o achegamento á literatura e á cultura propia, de noso, tan alonxada hoxe en día da nosa rapazada.
Valores coma o respecto ás tradicións e aos maiores, a solidariedade, a aprendizaxe dos idiomas que achegan e a cultura, o esforzo e a superación, pairan nestes fermosos relatos que de certo vannos conquistar e namorar por vez primeira.
Realmente unha lectura gorentosa que crea imaxes que axudan ao desfrute da beleza das historias e do tratamento da palabra.