Amosando publicacións coa etiqueta fina casalderrey. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fina casalderrey. Amosar todas as publicacións

26 de abril de 2018

"Querido Tomás" Cinefórum con Uxía Blanco e Fina Casalderrey.


O martes pasado participamos nunha actividade de cinefórum a partir do visionado da curtametraxe "Querido Tomás" dirixido por Uxía Blanco (a nosa querida "Sempre Xonxa" e que tamén participa coma actriz) con guión de Fina Casalderrey (a nosa benquerida narradora e mestra, que tamén participa coma actriz).

A curta é unha adaptación a partir do texto da novela Querido Tomás de Xosé Neira Vilas (que tamén participa coma actor) e trata o tema da emigración coa visión dos que aquí quedaron.



A curtametraxe realizada cun orzamento moi precario recibiu, no Festival Internacional de Cinema Independiente de Braga (Bragacine), o premio á mellor interpretación.

En palabras da guionista "Das cartas de Teresa sácase a vida das súas palabras. Hai que quedar coa esencia da novela e renunciar a feitos que acontecen nela para adaptar a obra á duración da curtametraxe".

Unha excelente adaptación que soubo plasmar na pantalla a fermosura da historia e a riqueza expresiva da linguaxe de Neira Vilas.

Todos e todas saímos encantados da experiencia e desexando que a historia continuase.

Esta actividade está enmarcada dentro da programación do Salón do Libro.







4 de marzo de 2017

Lecturas interdisciplinares: Icía quere salvar o mundo.


Como xa comentamos,  arredor da lectura deste obriña de Fina Casalderrey, imos completar a lectura con datos e actividades que ían implicar a outras materias: sociais, plástica, bioloxía...

Xa lemos que os nosos protagonistas realizan unha visita ao Parlamento de Galiza coa súa escola e que a partir daí xurde unha gran idea na cabeciña da nosa Icía...


A profesora Mª Luísa Aldao de Sociais foi a encargada de relacionar o libro co tema de "O Parlamento de Galiza" falándonos de:
  •  Historia do Antigo Reino de Galiza, o concepto de nación, o Estatuto de Autonomía de Galiza e o seu Parlamento(presentación anexa): 

  • Explicounos o funcionamento do Parlamento, o Pleno e a representación do pobo.
  • E a participación cidadá no Parlamento: 

Grazas a Luísa pola súa colaboración cos clubs de lectura.

Na seguinte sesión teremos o encontro con Carmen Pernas, a ilustradora do libro.

17 de xaneiro de 2017

Primeira sesión de "Icía quere cambiar o mundo"


20170117_114604




















Con grande ilusión recibiron os nosos alumnos e alumnas do club de lectura de 1º de ESO o libro de lectura deste trimestre "Icía quere cambiar o mundo" de Fina Casalderrey, unha lectura na que imos ter moitos colaboradores: A profe Carmen Pernas ilustradora do libro, o profe Germán que vai levar a parte de medio ambiente e bioloxía, a profe Luísa que se ocupará da formación sociopolítica, a profe Rosa que se ocupará das medicións matemáticas e a profe Anxos que coordinará a lectura e ocuparase do asesoramento lingüístico e literario.