27 de novembro de 2016

Encontro lector en Librería Paz


club-de-anxos-7-copy


 No día de onte os alumnos e alumnas do club de lectura de 4º de ESO C e D e a súa coordinadora tivemos o pracer de ter o noso encontro lector co escritor e editor Francisco Castro para compartir ideas e comentarios sobre o seu libro "Tes ata as dez" e nesta ocasión mudamos de espazo e fomos ata o delicioso marco da Librería Paz. Rodeados de libros, falamos co escritor da súa obra, dos personaxes, da trama, do marco histórico mais tamén da vida, da situación das mulleres na sociedade (na franquista da novela e na actual) e da importancia da lectura para aprender a pensar.

club-de-anxos-12-crop-copyclub-de-anxos-2-copy


Os chic@s puideron compartir co autor as súas opinións sobre a obra e aclarar moitas preguntas arredor da mesma. As  respostas de Francisco Castro foron densas, amables e soubo achegarse ás inquedanzas dos adolescentes, aconsellalos e compartir con eles. 







Logo do encontro, grazas a amabilidade de Librería Paz, puidemos visitar os fondos de Banda Deseñada e Manga, literatura fantástica e literatura xuvenil, curioseamos, falamos de lecturas, ulimos e tocamos os libros ... un pracer facelo en boa compañía.

 Encontro lector na Libreria Paz on PhotoPeach



Fotografías de Helena, Librería Paz.

Reproducimos agora un artigo do autor sobre a novela:

O FRAGMENTO MÁIS CITADO DE ‘TES ATA AS 10’

FRANCISCO CASTRO·

XOVES, 16 DE MARZO DE 2017

En todas as novelas hai un fragmento que, polo que sexa, ás lectoras e lectores lles gusta especialmente. Este que aquí vos deixo é sen dúbida o máis citado, fotografado, compartido... É un dos textos que Toni, o protagonista da novela, atopa e que escribiu seu pai.
 
“As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber –téñoo oído así un cento de veces- murmurios que provocan furados no medio do peito polo que vai entrar, e aniñar, un monte de delicia.
Dicía Wittgenstein que as palabras son figuras da realidade. Dicía Nietzche que se queriamos entender algo había que investigar a orixe das palabras que usamos para nomear as cousas. Sei que as dúas ideas son certas. Nacemos, e o que nos chega do exterior son, ademais de tactos, sabores e sensacións térmicas, palabras, fonemas que aínda non comprendemos -hai quen pasa pola vida e nunca os comprende-, pero arrolan ou desesperan. Namorándonos das palabras. Lemos libros procurando as palabras que nos leven a mundos máis afastados, ao País das Marabillas de Alicia. Algúns náufragos constrúen illas de palabras e aí son os Reis Magos do universo, bufóns e poetas, cíclopes dun só ollo feito de semánticas que saen quen sabe de onde. Palabras, verbas, as miñas, nesta fala de ceo, salitre, chuchameles, alacráns, montañas, leite de vaca, preamar, lueiro, fentos, aloumiños, corazón, pel, poros, mamilas, chocolate, beixos ás agachadas nun bar que ese serán abriu só para ti e para min. Coas palabras dígoo todo. Coas palabras doulle corda ao reloxo do planeta. Coas palabras sento nas nubes, mergúllome no teu escote e navégasme entre as coxas. Palabras. Estou feito de palabras. Morarei e morrerei dentro delas, ben tapado, espero, por unha ortogramática corpórea de pel amada.”

22 de novembro de 2016

Sesión de contacontos na biblioteca.

sa7 No día de onte, os alumnos e alumnas de 1º de ESO D ,  recibimos a visita do mestre Carlos Núñez que nos relatou  tres historias relacionadas co medo e coa visita da morte,  para encadralas no proxecto que co tema central do Samaín  estamos realizando durante este mes.
 "As historias falaban dos mortos, das almas que se reunían  coas familias e da resurección dos mortos" ( Gabriel  Fariña)
 " Na primeira historia falounos dun neno que conducía un  carro cando un can se cruza no seu camiño, manobra para  esquivalo e dáse un golpe na cabeza; chámao a morte e el escusáse xa que di que non foi avisado... pasaron os anos e a morte volveu... pero os avisos xa eran claros ( o pelo cano, as dores no lombo, a mala vista...) e non puido librarse dela" (Aina Francisco).
" O segundo conto trata sobre como Manolo Losada e a súa dona tiveron medo unha noite ao ver  un home colgado ao outro lado do camiño e ao mencer viron  que era un pantalón colgado nunha árbore" (Emilio Lois).
"Na terceira historia había un neno chamado Xosé que apareceu morto e foron entón enterralo; coma o río desbordara tiveron que dar volta por un camiño máis longo e sentiron uns golpes no ataúde e cando o abriron... Xosé saíu correndo de alí"  (Clara Castro).
Os rapaces e rapazas que asistiron valoraron a proposta : " Pareceume unha actividade  útil e interesante: Gustaríame facer máis actividades coma esta ao longo do trimestre porque aprendín cousasnovas relacionadas co Samaín e os mortos" ( Teresa González).

20161121_175815

Agradecemos ao mestre Carlos Núñez a súa  colaboración e esperamos que volva de novo á biblioteca do Sánchez Cantón.


28 de outubro de 2016

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de lectura durante o curso 2015/2016

Non fixen estatísticas pero botando unha ollada sinto unha gran ledicia (o nome propio e o común) ao comprobar que teñen máis peso as obras de autores galegos en galego (a calidade terá moito que ver) e que autores da literatura universal son lidos en galego (grazas aos tradutores/as e ás editoriais que apostan por estas); tamén constato que a nosa literatura, a galega, está viva nos clubs de lectura galegos (as obras escollidas son novidosas e moi actuais) polo que os nosos rapaces e rapazas coñecen as obras dos clásicos como o gran Neira Vilas ou o querido Agustín Fernández Paz e as dos autores e autoras que se consagrarán no futuro... ( non dámos nomes para non desmerecer a ningún/ningunha deles/delas)... E todo grazas ao marabilloso proxecto dos Clubs de lectura das Bibliotecas Escolares Galegas, e das axudas para mercar os libros e de quen deseña, regula e apoia este proxecto.
50_titulos_2

19 de outubro de 2016

Recibimos no club de 4º de ESO D ao MESTRE Anxo González Guerra.

Esta mañána a nosa sesión de club estivo felizmente compartida co mestre Anxo González Guerra que enriqueceu o noso encontro arredor de Europa Expres de Andrea Maceiras; falamos de viaxes para desfrutar e para formarse, de premios de narrativa e de xurados.
Achegouse tamén a profesora Pilar Fernández Herráiz para acompañarnos nesta viaxe de interrrail por Europa.p61019-191926
Xa que ambos, o profesor Anxo e máis eu (a profesora Anxos) tivemos a sorte de formar parte do xurado dos premios Xerais hai dous anos, explicámoslles ao membros do club como se realiza a selección de obras e ensinámoslles o libreto de Europa Express.
Falamos de Andrea Maceiras, da súa traxectoria coma autora novel ata a actualidade e iso levounos a reflexionar sobre a gran calidade literaria das mulleres escritoras galegas co referente de Ledicia Costas e o seu premio nacional e ao entrañable Agustín Fernández Paz; fíxose tamén referencia ás traducións das súas obras e á calidade, recoñecida mundialmente, da LIX galega.
Boa  conversa en inmellorable compañía e un doce biscoito para recuperar forzas antes de continuar a mañá de clases.
Grazas por compartir lecturas con nós Anxo González Guerra.

18 de outubro de 2016

De dragóns, gárgolas e igrexas ( Club de 1º de ESO SC)

Esta mañá quedamos na biblio para compartir opinións sobre as primeiras lecturas de Dragal, comemos "conguitos" e tras unhas primeiras impresións, Emilio conduciunos coas súas palabras á Idade Media, aos dragóns e ás igrexas, as loitas polo poder, os dragóns bos e os dragóns malos... a proposta de Gonzalo de quedar o domingo e ir percorrer igrexas buscando dragóns de pedra... vaia que está dando moito de si esta novela de Elena Gallego.
Os membros do club teñen boas perspectivas sobre o futuro goce da lectura: a ver que nos contan dentro de quince días e... a ver cantos dragóns de pedra atoparon nas igrexas de Pontevedra.
Para abrir boca deixamos aquí o enlace a un artigo de José Benito García Iglesias sobre as gárgolas da basílica de Santa María:
"Concibiron as gárgolas como seres monstruosos e mostráronllos aos fieis como vixiantes que desde as alturas podían observar a todos os membros da comunidade, amedrentalos e recordarlles constantemente o destino tráxico da súa alma, o que lles esperaba si desviábanse do bo camiño, recordábanlle a necesidade de seguir os preceptos relixiosos e así librarse do inferno."
Resultado de imaxes para gargolas de Santa Maria de pontevedra

13 de outubro de 2016

Presentamos ao club de lectura de 4º de ESO D (Sala de lectura SC)


p61013-112953-1

Esta mañá tivemos a presentación do club de lectura de 4º D na que os "conguitos" e "Europa Express" de Andrea Maceiras  foron os nosos convidados. Un pequeno "pero selecto grupo" de 4º D realizou o seu primeiro contacto cun club de lectura; explicamos o funcionamento, asinamos o contrato e pasamos a presentar a nosa primeira lectura.
p61013-114848


Falamos un pouquiño da obra para non desvelar nada da trama, comentamos que foi a obra gañadora do premio Jules Verne do 2015 e pactamos lectura ata o mércores próximo, e agora a leeerrr e gozar da obra.

5 de outubro de 2016

Presentamos ao club de lectura de 4º da ESO C (Sala de lectura SC)

Esta mañá tivemos cheo, 15 rapaces e rapazas de 4º da ESO C (Sección bilingüe), sen experiencia en club de lectura, xuntámonos para iniciar unha nova andaina lectora coa obra narrativa de Francisco Castro "Tes ata as dez" como convidada.


Falamos de clubs lectores, organizacións, compromisos, contratos e desfrutes; comemos boliñas de chocolate (non quedou nin unha) e presentamos a nosa novela para este trimestre: intriga, amor, internet, aventuras, memoria histórica... con Vigo e A Coruña de fondo e como non, os agradecementos ao CPI Progreso (Catoira) e ao IES  de Poio polo préstamo dos libros que imos ler.
Recollida de datos e a comezar... pactamos ler 14 capítulos para a próxima sesión, a ver como nos vai.

20161005_11531520161005_115306

4 de outubro de 2016

Presentamos ao club de lectura de 1º de ESO (Sala de lectura SC)

20161004_113814

Esta mañá no recreo tivemos o primeiro encontro co alumnado de 1º de ESO, 15 rapaces e rapazas que se estreaban por vez primeira nisto das prácticas lectoras compartidas.

Espereinos con impaciencia cos libros xa preparados sobre a mesa e á súa chegada todo foi unha exploxión de enerxías e de vida, miraron o libro, o contrato e con bo ánimo comezamos a sesión; expliqueilles como funciona o club, os seus compromisos e as prestacións que recibirían e todos recolleron o seu contrato para asinar na casa, por eles e por seus pais.
Xa centrados en "Dragal" , pactada lectura para a próxima sesión, pediron comezar xa a ler, cando nos decatamos que ao noso arredor había tres rapazas escoitando con interés e ao convidalas fuxiron asustadas !!!!
20161004_114954
E xa tocou o timbre e marcharon todos e todas felices con cadanseu libro na man...
20161004_115042

1 de outubro de 2016

Comezamos unha nova andaina nos clubs de lectura.

A partir desta semana comezamos un novo curso lector; tres grupos de clubs de lectura inician a súa andaina dentro da modalidade "Narrativa en galego":
sala-de-lectura


Un grupo de 4º de ESO C formado por 15 participantes que no actual trimestre van ler "Tes ata as dez" de Francisco Castro.
  • Un grupo de 4º de ESO D integrado por 10 participantes e que no primeiro trimestre van ler "Europa Express" de Andrea Maceiras.
  • Un grupo de 1º de ESO D formado por 14 participantes que neste trimestre van ler: "Dragal" de Helena Gallego Abad.

Desexámoslles un camiño cheo de felices lecturas a todos e todas.