28 de agosto de 2019

"CONTA NOVE ESTRELAS" Andrea Maceiras lévanos de viaxe interestelar máis alá da Galaxia.


"Conta nove estrelas" novela gañadora do premio Lazarillo 2018, sorprende e engailoa: aventúranos a través das estrelas e planetas da Galaxia Oma, fainos vivir unha tenra e fermosa historia e como xa é frecuente con outras novelas da autora, namóranos coa súa escrita.

Un gran equipo conduce a nosa aventura intergaláctica: Quepi, unha curiosa rapariga co pelo cor turquesa, distinta, con moita sensibilidade e estrañas facultades, un bobó divertido, famento e diferente, un irmán protector e piloto de naves espaciais, Udai, van atraparnos na súa pequena pero intensa odisea na procura dun mundo marabilloso, que nos ensinará que na diversidade pode estar a orixe  dese mundo. Nunha paisaxe caracterizada con fermosas e relaxantes cores, a luz dos soles, os lagos e as rusgalias...

"Por unha vez na miña vida podería ser útil!" cavilou. " E así deixaría de ser a nena monstruosa e torpe coa que todos teñen que cargar!" Estes pensamentos de Quepi a moza protagonista amósannos como se poden sentir todos e todas, aqueles e aquelas que son diferentes, a súa baixa autoestima e esta aventura demostrará que na diversidade hai riqueza e encanto, hai beleza e bo corazón; 
" Por nada do Universo deixaría pasar a oportunidade de ser, por unha vez o diferente"  asegura Udai.

Esta novela contén todos os elementos dun periplo intergaláctico: Aventuras, naves espaciais, acción, moitas estrelas, aprendizaxe, divertimento, viaxes, concurso de talentos, tenrura e moita cor... turquesa,  que nos atrapan na lectura sempre co bo facer e crear de Andrea Maceiras.

Animádevos a coller un billete para esta viaxe a través das estrelas, con Quepi, con Udai e con Bobó, camiño da diversidade e dos sentimentos.