Amosando publicacións coa etiqueta Eva Mejuto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eva Mejuto. Amosar todas as publicacións

24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO .


Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

 

 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.


Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.




 

 Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade.




16 de febreiro de 2018

TRANSformando o mundo en 22 SEGUNDOS con EVA MEJUTO

22 Segundos tarda o vídeo do protagonista desta novela en subirse á Rede e 22 segundos tarda a súa autora, Eva Mejuto en "abrir a caixa das treboadas" fronte a esta viaxe cara a propia identidade de xénero.

" Hai persoas que nunca serán quen de captar nada que saia do rego" e o berro que nos transmite esta obra quere chegar a todos e todas nós e máis a eles, aos do rego; un libro que busca axudar a identificarnos a mirarnos cara adentro coma Alex,o protagonista.

Esta novela que consta dunha introdución e 22 segundos-capítulos breves (cal esceas teatrais) os que favorecen a axilidade dun estilo narrativo rápido no que predomina o diálogo ( moi a gusto dos e das adolescentes, como as imaxes dos vídeos en internet).

A mensaxe é o obxectivo primordial da obra: axudar-difundir-comprender cunha linguaxe literaria que está moi preto da linguaxe xornalística, combinando un narrador protagonista en primeira persoa coa omnisciencia.

Co progreso da trama, Alex crece e cada vez fai máis visible a súa identidade de xénero, para si mesmo e para os que o rodean. Unha chea de subtemas relacionados co asunto principal: o futbol e as nenas, cadaquen que escolla os seus xoguetes, os comics... compoñen os ingredientes para que a receita sexa  DO SABOR E GUSTO DE TODOS E TODAS.

Recibir a Eva Mefuto no noso insti acompañada de Canela Cafuné, as súas cancións, as súas reflexións e voces, axudáronnos a facer un alto no camiño, a mirarnos cara adentro e ver a mirada dos outros e das outras, a aprender a respectar e a querer un poco máis aos e ás que son distintos da maioría,  aos que son e desexan sentirse e ser tratados como un e unha máis, axudánronnos a TRANSformar un pouco este mundo. 







11 de maio de 2017

TRANSformando o mundo: "22 segundos" de Eva Mejuto (presentación da obra e testemuño de Marcos Ceive).







Esta mañá tivemos unha actividade na biblioteca que nos ensinou o muito que aínda ten que mudar este mundo no que convivimos,  que serviu para reflexionar sobre a intolerancia, constatar que nos rodea (mesmo ás veces sen que sexamos conscientes dela) e que busca que espertemos e reaccionemos en contra. 

Todos tiñamos escoitado nos medios de comunicación sobre as persoas "TRANS" pero hoxe da man das palabras escritas por EVA MEJUTO, autora do libro "22 SEGUNDOS" e co testemuño de MARCOS CEIVE que vive en primeira persoa esa intolerancia da que falabamos, hoxe sentimos e vivimos con eles como sofre unha persoa que nace nun corpo diferente á súa identidade sexual; fomos Alex (protagonista de "22 segundos"), fomos Marcos e fixemos nosas as súas cicatrices.

" Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro. Comezou a transpirar unha suor fría que lle escorregou polas costas ata o van. Xa non había marcha atrás. Estaba decidido. (...) Eh... Mmm... Non sei por onde empezar. Polo principio, que diría o avó. Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Moito máis que falarlle a xente coñecida. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo."



Eva e Marcos aportáronnos toda información para coñecer como debemos actuar e tratar ás persoas TRANS, como sensibilizarnos coa súa opción, aprendemos a respectar e non mirar ao outro lado ante a intolerancia.

" Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación. Moitas e moitos quedaron no camiño e outros marcharon, cambiaron de lugar para viviren unha nova vida, empezando de cero. Eu non quero fuxir a ningún sitio, quero vivir coa miña xente, no meu barrio, no meu país."


Agradecemos a Eva e a Marcos a súa xenerosidade ao compartir a súa intimidade connosco, ao Concello de Pontevedra que posibilitou este encontro e a tod@s os presentes porque sabemos que desde hoxe imos ser máis respectuosos e tolerantes.

Marcos, Eva,  a porta do noso club de lectura sempre estará aberta para que nos acompañedes e que nos axudedes a transformar o mundo.



Recomendámosvos a lectura da obra "22 segundos" de Eva Mejuto; de seguro que tod@s os lectores do noso club de lectura xa están desexando ter a lectura nas mans. 

(Fotografías de Beatriz Ciscar)