6 de decembro de 2020

VELENO DE TINTA IMPRESA de Xosé A. Neira Cruz.

 


 

Con este título tan suxerente, unha tinta impresa (a do xornal) que cativa e namora coma un veleno facéndose imprescindible e enchendo as horas vitais de Elvira Morales (a protagonista desta novela), chéganos esta nova publicación de Xosé A, Neira Cruz.

A medio camiño entre a crónica ( que non é porque non relata os feitos cronoloxicamente, de feito conta a historia en flash back ), a novela histórica (un retrato dunha época, dunha sociedade, dunha cidade – A Coruña- a principios do século XX, un mes de 1909), a obra literaria e xornalística (cunha importante aportación de datos – sobre o desenvolvemento da prensa e sobre o proceso de publicación da mesma- moi ben documentados, xa que logo está escrita por un xornalista) navega esta nova publicación do narrador.

Ao longo dun mes, cun tratamento temporal orixinal - comezo no remate da historia ( un capítulo), unha vista atrás (varios capítulos), unha nova incrusión no final (un capítulo) para regresar logo ao pasado (varios capítulos) e definitivamente ao final (un capítulo)- Neira Cruz relátanos a historia de Eva Morales, muller que reivindica o seu dereito a exercer unha profesión que ama, a de xornalista, nun mundo de homes nos comezos do século XX. Un contexto social e histórico moi realista: a oposición feminina dunha sociedade rancia, freando á liberación da muller, as reivindicacións das rapazas novas, estudiadas e feministas de ideoloxía, grandes e sonados personaxes da época compoñen un cadro moi completo de como respiraba e bulía a sociedade coruñesa dos primeiros anos do século XX.

Moi interesante resulta a descrición detallada do funcionamento estrutural e mecánico dun xornal da época, o emprego dos primeiros linotipos, a chegada das noticias á redacción, as probas de edición, a publicación, horas e horas emocionantes para Elvira e a súa compañeira Herminia; o traballo de recollida das novas, as entrevistas ( a quen, o porqué, o como, o cando, o onde... moi na liña das características dos textos xornalísticos) son os fíos que van tecendo a historia da protagonista.

Esta novela que recibiu o premio Ánxel Fole de Narración Curta 2019, é unha clara homenaxe aos homes e mulleres (destacadamente as mulleres) que a principios de século publicaban os xornais con moito esforzo e dedicación, que de certo amaban o seu traballo (o veleno) que pintaron con palabras e tinta o cadro social e a crónica de sucesos dun momento histórico.

 

A obra ten tamén o valor engadido de que polas súas páxinas camiñan personaxes de moita sona no momento como Emilia Pardo Bazán, o Príncipe Alberto de Mónaco, Carolina Otero “ A bela Otero”, Filomena Dato, a familia de Rosalía... que daquela tiñan presenza na crónica social, literaria e cultural da cidade.

(A escritora Marga do Val recolle na súa obra Carolina Otero os amores entre a Bella Otero e Alberto de Mónaco (pax. 107) biografía da artista que sería de moi interesante lectura para contextualizar a de Neira Cruz, ambas en clave feminina). 

 
 

Unha novela moi ao gusto dos amantes da historia dos medios de comunicación en papel, da crónica social e das curiosidades sociais, de lectura rápida e doada que nos traslada a un mundo moi ben retratado.



5 de decembro de 2020

"A MEMORIA DOS PAXAROS" de Teresa González Costa.

 


 

Simbolismo, mitoloxía e defensa do medio ambiente están moi presentes nesta novela de Teresa González da que de certo vai desfrutar un público xuvenil, que logo de lela, sentirase moito máis concienciado dos problemas que o noso habitat natural ten que afrontar hoxe en día para sobrevivir, e sobre todo os paxaros que son os protagonistas realmente desta narración.

Esta obra ten todos os elementos precisos para conquistar á nosa rapazada: unha historia de paxaros e humanos en clave mitolóxica, unha ficción mesturada coa realidade arredor da contaminación que pouco a pouco, inexorablemente, fai desaparecer día a día moitas especies avícolas que poboan o mundo natural.

Celeste, o seu amigo Marcos e un enigmático rapaz sen nome serán os encargados, xunto coas aves, de salvar ao pobo dos primeiros dun desastre ecolóxico que moito nos vai lembrar a recente catástrofe do Prestige nas nosas costas, cando o chapapote o inundou todo provocando a morte de animais mariños, aves... e da cal aínda non nos recuperamos.

Unha novela de lendas, de narracións orais, de acción, que nos vai pór en alerta de novo (cando xa esqueciamos o berro do “Nunca Máis”) para levantarnos e loitar pola conservación das especies e dos espazos naturais tan marabillosos do noso país.

A recuperación da MEMORIA “en feminino” tamén está presente nesta obra, a conservación da tradición oral transmitida de “nais a fillas” xeración a xeración; neste caso é a nai de Celeste a que lle vai narrando historias, “a memoria dos paxaros”, e a moza vai gardar coma un tesouro estas lendas, estes mitos cando a nai xa non a acompañe.

29 de novembro de 2020

"Velloucas e minchas" de Lorena Conde.


 

O terceiro Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil foi concedido por un xurado lector, sen dúbida, á novela de Lorena Conde, Velloucas e minchas que agora publica a editorial Cuarto de Inverno con ilustracións na portada de Blanca Vila.

A trama, unha aventura de verán moi achegada á nosa realidade, unha fermosa e tenra aventura que transcorre durante a visita que Sofía lle fai nas vacacións á súa avoa.

As nosas superheroínas nesta historia son as “velloucas” (a avoa, Lita e Gloria) e as “minchas” (Sofía -quen narra a historia xunto a un narrador omnisciente- Gabri e Antón), un gran equipo para loitar contra as inxustizas, para loitar pola igualdade e a inclusividade.

A lectura da novela transmite valores moi positivos: a solidariedade, a amizade, a importancia da familia, a inclusividade, a diversidade sexual, á volta ao mundo rural, a substantibilidade a través da agricultura, o desfrute das festas -tan de noso- como punto de encontro da veciñanza... e a omnipresenza do humor, a ironía, o gusto retranqueiro tan galego apoiado na linguaxe polos ditos, as frases feitas moi ao uso do galego cotián.

Desde o comezo sentimos empatía por Sofía (no “desterro” polo “suceso”...) mais a autora pon en valor a grandeza da terceira idade coas ricas personaxes da avoa e de Lita e Gloria, da terceira idade pero activas, acordes cos tempos (conectadas a interné, ao móbil), respectuosas e amables, agarimosas coa rapazada.

Os acontecementos encadéanse cun ritmo rápido que se nos inxecta en vea e non permite que abandonemos a lectura: personaxes novos, accións, acontecementos... vannos enganchando para coñecer máis en profundidade á sociedade de Veigamoa, os bos e os malos, os diversos, os tolerantes... e pouco a pouco, os lectores xa nos sentimos máis da vila, no seu día a día, mesmo bailando ao son da música das orquestras na verbena ou na sesión vermú das festas de verán.

A posta en valor das personaxes da terceira idade (que me achegaron de novo á marabillosa Rorita, a bisavoa de Clara en SuperUlex de Susana Aríns) á súa sabedoría, a calor e a tenrura que transmiten estas personaxes femininas que pensabamos perdidas e que gratamente volven estar presentes na historias da literatura xuvenil, que se visibilizan na actualidade e na modernidade, nas súas palabras, afeccións e modos de vivir, son fundamentais para recuperar un grupo socialmente... “esquecido”, “abandonado”, “minusvalorado”?

E a linguaxe, as escollas léxicas, os xiros, os ditos e frases feitas, as onomatopeias enriquecen a historia dándolle un ritmo áxil, vivo, coloquial nos diálogos e conversas dos personaxes pero moi rico na súa selección e uso, espontánea e ao tempo divertida.

Un pracer poder achegarse e gozar desta novela de Lorena Conde, moi recomendável de certo.

 Superrecomendable para un club de lectura a partir de 12 anos.



26 de outubro de 2020

As xeografías en verso de Alba Cid: "Atlas"


 Os ciclos poético-xeográficos estruturan Atlas, poemario primeiro de Alba Cid, un percorrido polos seis continentes (europeo, africano, americano, asiático, de Oceanía e Ártico) e un ensaio/ -s ("a tersura conta unha historia de ambicións delicadas") son as partes que o compoñen. Os lugares, a flora, as tradicións, os animais, a memoria... acompáñánnos nesta singradura en verso arredor do mundo sen abandonar o pouso e a visión dos elementos propiamente galega.

Musicalidade e sonoridade das palabras e dos sons, a voz poética lírica, descritiva e narradora ao tempo (das imaxes, das paisaxes, das cores, das sensacións, dos sons) pairan nos versos e acompáñannos nesta pracenteira viaxe polos ciclos xeográficos. Os tupiláns, as camelias, as garzas, as barcas, as pinturas en teas de araña, as columnas de palabras ("para recibir cargas, protexer o trenzado dos nervios, relatar en espiral..."), as cartas de nevegación ("todas as cousas se desprazan")... son eixes e motivos da nosa viaxe por Atlas.

As historias apócrifas, a memoria e os sentimentos arroupan o eu lírico do poemario, a lectura dos versos  transmite harmonía, suxire movemento, delicadeza;en Atlas fálanos a historia, a cultura, a natureza, os antergos e a sabedoría cal pinceladas dunha pintura, notas dunha partitura en palabras que incitan a ser admiradas e gozadas.

As referencias culturais en xeral e as literarias en particular deixan a súa pegada profunda nos poemas de Alba Cid, camiños bordados con palabras que nos conducen polo mapa do corpo ( "levo garzas simetricamente opostas sobre o peito") cara o noso destino lector: o desfrute dos versos de Atlas.


24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO .


Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

 

 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.


Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.




 

 Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade.




11 de outubro de 2020

"SuperUlex", a superoína toxo. Susana Sanches Aríns.

 


 

( A muller toxo; Toxo, nome científico: Ulex europaeus

Clara, a nosa SuperUlex (defínese a si mesma coma “Cardo. Tojo . Distante. Soberba”), vén de reincorporarse ao seu instituto (Liceo) tras recuperarse dunha leucemia que lle deixou unhas secuelas moi curiosas, uns superpoderes ( hipersensibilidade na pel, unhas forzas extraordinarias, un cabelo “ingovernável e crespo”) que van facer dela unha “superoína”.

Clara escribe en cadernos a súa vida, ela mora con a súa nai, a súa tía Susa e a súa especial e marabillosa bisavô Rorita ( confidente e unha das personaxes máis potentes da novela), nun mundo de mulleres; cando ela descobre os seus superpoderes decide utilizalos para combater a favor das boas causas: loitar contra os abusos e os acosos dos maus compañeiros, axudar aos animais confinados ou protexer o medioambiente... conxuntamente coa súa banda de compañeiros e compañeiras, a tropa fandanga. Porén ela tamén está á procura da súa identidade, do sentido da heroicidade: “ ... a heroicidade é exercer a dintinçao no reino da uniformidade...”

“ As superoínas também dubidam”

Mais esta novela de Susana Aríns non queda nos feitos, na superficie, senón que profundiza no día a día da protagonista, da súa familia, das súas amizades, nos seus sentimentos, as súas inseguridades, nas transformacións dos seus corpos e mentes adolescentes. Cunha gran sensibilidade, a autora nárranos por medio de pequenos capítulos, frases curtas e directas de doada lectura as aventuras do cotiá vividas pola rapazada da ESO do instituto de Clara, o choque entre os enfoques do mundo dos adultos e os puntos de vista dos e das adolescentes ( en moitos casos máis claros e xustos cós dos adultos)...

Destaca a descrición do mundo dos e das adolescentes polo que din, polo que pensan, polo que fan, a visión dos profes e do mundo estudantil, as súas mensaxes son claras e directas , pódense contrastar os personaxes positivos fronte aos negativos, nunha narración en 1ª persoa que enriquece moito o texto.

Unha novela dos superheroes da vida cotiá que deparará máis dunha sorpresa ao lector ou lectora, que se le con fluidez e pracer; unha obra narrativa esta da que gozaredes coa lectura, comentarédela entre vós, arredor da cal debateredes, mesmo vos posicionaredes os lectores e as lectoras xuvenís, de certo que non vos deixará indiferentes, que vos conmovorá e llela recomendaredes aos vosos e vosas colegas. Unha novela na que atopamos as pegadas da autora de LIX portuguesa Ana Pessoa e unha edición moi coidada coma a que xa nos teñen afeitas os editores de Cuarto de Inverno.


 

30 de agosto de 2020

Notas de lectura sobre "Dentro da literatura" de Suso de Toro

 Este ensaio é unha obra de autor, unha reflexión aberta e íntima sobre o acto literario e o proceso de creación do mesmo.

Partindo da propia experiencia, o autor fainos reflexionar sobre o proceso, sobre todas as facianas e ámbitos da creación literaria, desde a elaboración do texto ata a creación literaria efectiva nas mans do lector. Cunha linguaxe áxil, clara, sen conceptos literarios, pero con prácticas literarias é unha obra divulgativa da que desfrutará calquera amante da literatura sen precisar dunha formación específica nin especializada sobre o tema.

Suso de Toro achéganos á figura do autor, creador, do editor, do lector..., aos canons e ás diferentes valoracións da arte literaria nos distintos tempos e na historia da literatura. Mediante exemplificacións sobre a vida, obra e apreciacións literarias de grandes autores da literatura universal, pon sobre a mesa temas tan interesantes como o uso dunha lingua determinada para a creación literaria, o pouso literario da tradición.

O oficio do escritor, a súa carreira literaria, o peso da aceptación da súa obra pola crítica fan deste libriño (fermosamente editado) un estudo á man de calquera lector namorado dos libros e do mundo literario


Aprende Banda deseñada con Fiz de Kiko da Silva.

 

Esta obra de Banda Deseñada combina unha historia gráfica cun manual de aprendizaxe e dun xeito moi ameno e ao tempo rigoroso, ofrece ao lector un produto moi específico e ao tempo achegado a todo tipo de lectores.

O comic está moi ben estruturado, nas súas partes ou bloque temáticos combinándoas coa calidade do deseño das historias ao que Kiko xa nos ten afeitos.
Dobre importancia ten a mistura do xénero didáctico co xénero artístico ao tempo que pon en relevancia unha arte que, según Kiko nos ensina neste libro, por de curta idade foi considerada por moitos críticos coma unha arte menor.

Certamente aprendemos e desfrutamos mentres acompañamos a Fiz nas súas aventuras e podemos asegurar que despois de ler esta “historieta” estamos máis preparados para gozar, interpretar e valorar outras obras de BD.

"Un manual de comic en formato comic" do que gozarán lectores de todas as idades, imprescindible para atopalo na bibliotecas escolares para que a nosa rapazada “se enganche” a esta arte da Banda Deseñada.

Destaca pois polo seus valores artísticos, valores divulgativos e o desfrute na compaña de Fiz.

 

7 de abril de 2020

OS DÍAS FELICES DE BENVIDO SEIXAS de Eduard Velasco.



Bienvenido Seixas vive nun chalet en A Caeira, barrio residencial de Pontevedra e posúe un piso na Praza de A Ferrería, el non traballa, vive de rendas e o seu tempo transcorre do chalet ao iate, das copas á praia e ás festas cos amigos.

Mariña é unha intelectual, activista que serve copas nunha asociación sociocultural e ten unha ideoloxía política e social que rexeita a calquera que leve unha vida distendida, vanal e relaxada como Bienvenido.

Esta novela xoga cos estereotipos, coa esaxeración dos mesmos, cuns toques de comicidade e ao tempo de lirismo moi ben fiados.
 
Os azares da vida fan que os seus camiños se crucen e comecen unha relación; pero pode ser posible unha relación entre dous personaxes tan dispares?

Cunha posta en escea que ten moito de cinematográfica, moito de enredo e de comedia, o lector vaise deixando levar polas aventuras de Bienvenido, polos seus esforzos para conservar o amor de Mariña.

  
Situacións curiosas, divertidas das que o protagonista vai saíndo por casualidades e que van enredando a Mariña, e ao tempo a Bienvenido, nun mundo de ficción que ten moito do postureo tan frecuente na nosa sociedade, ese rol que asumimos no noso día a día e que en moitas ocasións non ten nada que ver coa nosa maneira real de ser e sentir a vida.

 
Unha prosa fluída e rica que nos leva e conquista ao longo desta historia que páxina a páxina vai roubando sorrisos no lector.




                                                             (A Caeira)

6 de abril de 2020

"OS CAMIÑOS DO VENTO" de Xavier Estévez.



Galicia é terra de vento e "os camiños do vento" traen ata nós a dous pequenos fuxindo da guerra, do medo, da fame, da soidade. 

Noutros tempos os galegos e as galegas fomos polo mundo buscando unha vida mellor, agora son outros e outras os que chegan ata nós desde os confíns do mundo, e debemos ser solidarios, acollelos con amistade e cariño;  esta é a mensaxe que nos transmite esta novela de Xavier Estévez a través do relato que nos narran, alternativamente, dous mozos galegos, Lucas e Sara.

Non podemos vivir illados, as fronteiras rómpense e desaparecen e unha chea de persoas percorren os camiños coa esperanza e o medo nos seus rostros; Yaram e Aisha atravesan media Europa ata a fin do mundo, Galicia, e nun porto de mar innomeado(que podería ser calquera pequena vila costeira galega) procuran unha vida en liberdade.

Unha novela para lectores a partir de 11 anos pero que pode ser lida por todos e todas pola fermosa historia de vida que relata, unha lección de solidariedade, un retrato da nosa realidade de cada día, un realidade que é para moitos e moitas moi cruel e a quen non lle podemos dar a espalda.

Destaca nesta novela a delicadeza no tratamento do tema, a riqueza no punto de vista grazas á alternancia de narradores (Lucas e Sara), ambos en primeira persoa e protagonistas, a contrución duns personaxes (Yaran e Aisha, as familias, o profesor...) moi verosímiles e cos que desde o comezo da novela sentimos empatía, a caracterización dos ambientes (no porto, na escola, nas casas).

Unha historia de lectura áxil, cunha linguaxe coidada e sen complicacións.

Un relato do noso mundo do século XXI, do bo e do malo, unha reflexión sobre a solidariedade e o acollemento, que nos vai axudar a escoller o noso propio camiño, porque como se di na novela "A vida enteira é unha viaxe. Unha aventura" e non sabemos onde nos levarán "os camiños do vento".