24 de setembro de 2017

CURSO ESCOLAR 2017/18: Arroupad@s coas palabras de Mª Victoria Moreno.


O noso proxecto lector vai estar arroupado este curso pola escritora Mª Victoria Moreno: a lectura das súas novelas e a investigacións sobre a súa vida e obra.

As Letras Galegas 2018 van estar adicadas a esta gran muller que viviu, creou, foi docente...  soñou nas rúas da nosa cidade.

22 de xuño de 2017

Avaliándonos

X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA



Aquí estamos, mergullándonos na grande festa da lectura que se celebrou en Compostela co gallo do décimo aniversario do programa de clubs de lectura, a X XORNADA DE CLUBS DE LECTURA.


Relatarémosvos un pouquiño do que fixemos e das actividades nas que participamos:
O noso submariño partiu de Pontevedra cunha pequena representación de todos os nosos clubs (Nubes de palabras) do IES Sánchez Cantón. Iamos un pouco nerviosos por que Alberto Freire de 1º ESO ía participar ante un auditorio de 1200 persoas (mocidade, profes e profas, asesores, mesmo políticos) conxuntamente con outras catro rapazas e da man de Óscar López nun obradoiro sobre como realizar un programa sobre libros. Levabamos preparada a nosa parte da tarefa grazas ao traballo da rapazadado club de 4º ESO C; foi unha magnífica experiencia e cónstanos que Alberto frotou na "nube de palabras" durante toda a xornada.


Rematada esta experiencia lectora, separámonos para asistir aos distintos obradoiros que se nos ofertaron: manga, dobraxe, grafitti, banda deseñada... que ilusionados estabamos cando nos reencontramos e canto nos tivemos que contar:



Un xantar de película... camións de burguers, ensaladas, churrasco, polbo, empanada... para repoñer forzas que aínda nos esperaban moitas emocións lectoras.
Retomamos as sesións co encontro de clubs de lectura, correspondeunos reunirnos con clubs de Catoira, Ferrol, Sarria, Ourense e Mos; tras unhas pequenas recicencias iniciais formamos os grupos "revoltos de clubs" e a falar de experiencias lectoras, de recomendacións... e por que será que todos ben se informaron do que comiamos nos clubs (roscas, empanadas,conguitos...):



E aínda queda maissssss? Pos si, quedaba a conferencia de César Mallorquí que nos falou de boas e de malas lecturas, da formación coma lectores, etc.

E coma todas as boas romaxes galegas, esta romaría lectora finalizou con música e baile, e con Xabier Díaz que nos axudou a ponderar o que é de noso, o que nos diferencia e identifica; non fomos quen de permanecer sentados no sillón e o corpo pediunos cantar, movernos, bailar... un fin de festa animado, eu diría glorioso para unha gran xornada lectora. 
E coma ben avaliou Alberto a actividade:


Algunhas fotiños máis, que moitas fixemos:




Grazas a todos e todas os organizadores que nos convidaron e permitiron facer realidade este soño lector.
Pois xa sabedes, coma din Sara, Angie e Esteban:



21 de xuño de 2017

Navegando polas lecturas de verán.

E vai de peixiños no mare, tedes que asociar os títulos das recomendacións de verán cos autores que aparecen ao final da publicación, moi sinxelo, tod@s son de moita actualidade e calidadeeee:

6 de xuño de 2017

Xogando coas lecturas.




O pasado martes na nosa reunión do club na biblioteca, esperábanos uha sorpresa: unha morea de sobres pechados  que no seu anverso tiñan unhas lendas e un puntiño de cores.



 Tralo desconcerto inicial  soubemos que os sobres contiñan a nosa próxima lectura que debiamos escoller despois de ler a lenda (breve adianto do argumento do libro) e decidir cal era o noso nivel lector : verde (avanzado) - amarelo (medio) - azul (iniciación).


Miramos, lemos, demos voltas e fialmente tod@s  tiñamos xa o noso sobre na man, chegou xa o momento de abrilo e descubrir cal era a lectura que seleccionaramos.


Tod@s quedamos encantados coa nosa escolla agás David pois é o lector máis avanzado do grupo e escollera unha obra de iniciación pero como estabamos na biblio tivo unha rápida solución, a profe buscoulle outra lectura para el moito máis axeitada.



Foi un xeito divertido de escoller a nosa novela.






11 de maio de 2017

TRANSformando o mundo: "22 segundos" de Eva Mejuto (presentación da obra e testemuño de Marcos Ceive).







Esta mañá tivemos unha actividade na biblioteca que nos ensinou o muito que aínda ten que mudar este mundo no que convivimos,  que serviu para reflexionar sobre a intolerancia, constatar que nos rodea (mesmo ás veces sen que sexamos conscientes dela) e que busca que espertemos e reaccionemos en contra. 

Todos tiñamos escoitado nos medios de comunicación sobre as persoas "TRANS" pero hoxe da man das palabras escritas por EVA MEJUTO, autora do libro "22 SEGUNDOS" e co testemuño de MARCOS CEIVE que vive en primeira persoa esa intolerancia da que falabamos, hoxe sentimos e vivimos con eles como sofre unha persoa que nace nun corpo diferente á súa identidade sexual; fomos Alex (protagonista de "22 segundos"), fomos Marcos e fixemos nosas as súas cicatrices.

" Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro. Comezou a transpirar unha suor fría que lle escorregou polas costas ata o van. Xa non había marcha atrás. Estaba decidido. (...) Eh... Mmm... Non sei por onde empezar. Polo principio, que diría o avó. Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Moito máis que falarlle a xente coñecida. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo."



Eva e Marcos aportáronnos toda información para coñecer como debemos actuar e tratar ás persoas TRANS, como sensibilizarnos coa súa opción, aprendemos a respectar e non mirar ao outro lado ante a intolerancia.

Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación. Moitas e moitos quedaron no camiño e outros marcharon, cambiaron de lugar para viviren unha nova vida, empezando de cero. Eu non quero fuxir a ningún sitio, quero vivir coa miña xente, no meu barrio, no meu país."


Agradecemos a Eva e a Marcos a súa xenerosidade ao compartir a súa intimidade connosco, ao Concello de Pontevedra que posibilitou este encontro e a tod@s os presentes porque sabemos que desde hoxe imos ser máis respectuosos e tolerantes.

Marcos, Eva,  a porta do noso club de lectura sempre estará aberta para que nos acompañedes e que nos axudedes a transformar o mundo.



Recomendámosvos a lectura da obra "22 segundos" de Eva Mejuto; de seguro que tod@s os lectores do noso club de lectura xa están desexando ter a lectura nas mans. 

(Fotografías de Beatriz Ciscar)


5 de maio de 2017

Roteiro "Rúas literarias de Pontevedra".

No marco do noso proxecto de aula-biblioteca, interdisciplinar (lingua galega e matemáticas) "Rúas literarias de Pontevedra" de 4º de ESO; despois de longas xornadas de traballo desde comezo de curso ( VII fases con diversas tarefas relacionadas coa escrita,  a literatura e as matemáticas, seguindo o método de aprendizaxe ABP e  tendo como un dos obxectivos a alfabetización mediática e informacional do alumnado) , estreamos o noso roteiro literario en primicia e versión reducida (pois só durará 30 minutos e comprenderá unicamente as rúas do centro da cidade),  colaborando co Servizo de Normalización Lingüística do noso Concello e coa cadea de radio Onda Cero para celebrar o "Ben veñas Maio".



O evento será o martes día 8 de maio ás 17.30, durará 30 minutos e o percorrido comezará na rúa Castelao, para continuar polas rúas Uxío Novoneyra, Filgueira Valverde, Amado Carballo, Antón Vilar Ponte e rematar na rúa Álvaro Cunqueiro (no caso de chegar o tempo será na coñecida como praza dos músicos), todos escritores moi significativos da literatura galega dos séculos XX e XXI (materia estudo no currículo de 4º de ESO).No noso percorrido estaremos acompañados pola xornalista Susana Pedreira.


Por parte do noso centro participaremos as profesoras coordinadoras do proxecto, tres alumnos de 4º C e tres alumnos de 4º D.

A ver como nos resulta a estrea, pois o 31 de maio realizaremos o roteiro completo, todo o alumnado e teremos como broche de ouro a presentación do poemario "Terraza" de Fran Alonso e unha acción poética no parque das Palmeiras.

Audio do roteirona aula virtual:
https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanchezcanton/aulavirtual2/mod/forum/discuss.php?d=9072


Ligazón ao audio en ONDA CERO:
http://www.ondacero.es/emisoras/galicia/pontevedra/pontevedra-en-la-onda_20170510591309950cf2a1da4826eca5.html



23 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO 2017: Compartimos a celebración colaborando co IES José Zerpa de Canarias.

A celebración do Día do libro deste ano é moi especial para nós pois despois de algúns anos volvemos compartir lecturas coa comunidade escolar do IES JOSÉ ZERPA de Santa Lucía de Tirajana (Gran Canaria).


Todos os anos nestas datas a biblioteca do IES José Zerpa organiza unha lectura continuada arredor dun autor (GLORIA FUERTES) este curso e pedíronnos a nosa colaboración; coma non podemos desprazarnos a Canarias (xa quixeramos) preparamos as nosas lecturas (bilingües en castelán e galego), grabámolas e alá foron pola rede para que mañá poidan proxectalas na súa actividade.


Esperamos que en anos vindeiros ou nós ou eles poidamos compartir de novo estas lecturas, xa non virtualmente senón presencialmente.



"FELIZ DÍA DO LIBRO" para eles e elas desde Galicia... e para todos e todas os membros dos clubs de lectura, e compracémonos con este fermoso poema de ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL que acompaña ao marcapáximas co que nos agasalla este ano a ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES:  



28 de marzo de 2017

Da palabra literaria á arte da imaxe: Carmen Pernas.




Esta mañá vivimos na biblioteca unha das experiencias lectoras máis gratificantes: o encontro con Carmen Pernas, a ilustradora do libro que estamos lendo no club de lectura "Icía quere cambiar o mundo" de Fina Casalderrey.

Emocionante poder ver os orixinais das ilustracións e moi enriquecedor que Carmen Pernas, "desde hoxe e para sempre a nosa ilustradora favorita", con todo o seu cariño, nos fora relatando como foi o proceso de creación, desde a lectura do texto, as conversas coa autora, as visitas ao Parlamento de Galicia para fotografar os espazos, as primeiras probas...

Marabilloso o comezo da idea (reproducida nun papel, unha servilleta nunha cafetería...), as imaxes que a man traspasa ao papel, retoques e máis retoques, modificar, correxir, o papel de cera, as cores (os azuis do mar, os verdes da natureza, a expresión e o movemento...),  repasar o texto e ir asociando as imaxes aos parágrafos, a simbiose da palabra e a imaxe.


Unha ardua tarefa antes de obter o produto final, o libro tal e como o desfrutamos hoxe en día.

Vaia por diante o noso agradecemento a Carmen por facernos un oco no seu traballo e compartir con nós a arte da imaxe, a súa arte..


25 de marzo de 2017

De roteiro literario por Pontevedra.

En imaxes:

Co Rovachol:
Con Benito Soto e Morning Star:





Creando historias no Salón do libro.


E chegamos ao Salón do libro e houbo que esforzarse e sacar o mellor da nosa creatividade a partir dos dados:


Daniel e Alejandro, sobre cumes e peras:

 

Jaime e Blanca, sobre cumes, peras e empresas:

 

Iago, Pili e Alberto, sobre cafés, cumes, peras e empresas:

 

COMPARTINDO PRÁCTICAS DE LECTURA EN PONTEVEDRA: ENCONTRO CLUBS DE LECTURA.

Pois xa foi; xa chegaron os mozos e mozas do club do Fernando Esquío de Neda e xa compartimos experiencias lectoras na cidade de Pontevedra; estamos no día de despois facendo avaliación do encontro de clubs de lectura que cremos que podemos resumir nunhas fermosas palabras:

"COMPARTIMOS" 

"NON HAI MELLOR APRENDIZAXE QUE A QUE SE REALIZA ENTRE IGUAIS" .


E entre lectores do norte e do sur da Galiza, adolescentes unidos nunha fantasía lectora arredor dunha cidade, Pontevedra, dun salón do libro "O mundo que queremos", dunha obra de teatro "Normas... de Sarabela teatro", dun roteiro literario: "A filla das ondas"(adaptación do libro de Fina Casalderrey) e dun bo rato entre compañeiros para comer un cacho de rosca ao tempo que falamos de lecturas... que máis lles imos pedir...



Rimos, falamos, aplaudimos, seguimos as pegadas literarias de Amado Carballo, de Paio Gomes Chariño, de Gonzalo Torrente Ballester, de Xosé Miranda, de CASTELAO... polas rúas da cidade fundada por Teucro, de Fernando Esquío na nosa biblioteca,  nas voces dos rapaces e rapazas de Neda, de Pontevedra.


As lectura tenderon os azos, os gonzos literarios e da amizade, o pracer de compartir xuntos os nosos versos e as nosas pegadas nas lousas de pedra da cidade dos limóns e sas laranxeiras.

"Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa"







19 de marzo de 2017

Encontro clubs de lectura: Pantasmas de Papel (IES Fernando Esquío de Neda) e Sala de lectura S.C. (IES Sánchez Cantón de Pontevedra).

Esta semana estaremos moi ocupados preparando o encontro co club de lectura do Fernando Esquío que nos visitará o venres 24. 

Polo de agora xa temos elaborado o programa e os materiais que imos ler no Roteiro literario  por Pontevedra que deseñamos coa fin de mostrarlles a nosa cidade a partir dunha selección de fragmentos do libro"A filla das ondas" de Fina Casalderrey e outros textos poéticos de poetas de noso como Amado Carballo ou Paio Gomes Chariño.



Na actividade participarán arredor de 60 rapaces e rapazas dos nosos clubs (1º,2º,3º e 4º de ESO).

PROGRAMA:
·       9.45.  Encontro clubs. Presentación.( Chegada a Capela de San Roque e acollida no IES Sánchez Cantón)
·       11.15  Teatro no Pazo da Cultura.
·       12.40  Visita ao Salón do libro.
·       13.30  Xantar de confraternización (zona da Illa das Esculturas).
·       15.00  Encontro lector.
·       17.00. Roteiro literario “A filla das ondas” polo centro histórico da cidade.
·       19.00 Despedida.
Generador de Códigos QR Codes

O martes teremos a reunión para puntualizar a organización de todas as actividades programadas. 

4 de marzo de 2017

Lecturas interdisciplinares: Icía quere salvar o mundo.


Como xa comentamos,  arredor da lectura deste obriña de Fina Casalderrey, imos completar a lectura con datos e actividades que ían implicar a outras materias: sociais, plástica, bioloxía...

Xa lemos que os nosos protagonistas realizan unha visita ao Parlamento de Galiza coa súa escola e que a partir daí xurde unha gran idea na cabeciña da nosa Icía...


A profesora Mª Luísa Aldao de Sociais foi a encargada de relacionar o libro co tema de "O Parlamento de Galiza" falándonos de:
  •  Historia do Antigo Reino de Galiza, o concepto de nación, o Estatuto de Autonomía de Galiza e o seu Parlamento(presentación anexa): 

  • Explicounos o funcionamento do Parlamento, o Pleno e a representación do pobo.
  • E a participación cidadá no Parlamento: 

Grazas a Luísa pola súa colaboración cos clubs de lectura.

Na seguinte sesión teremos o encontro con Carmen Pernas, a ilustradora do libro.

20 de xaneiro de 2017

Formación no IES Antonio Fraguas:“LECTURAS COMPARTIDAS PARA A FORMACIÓN E A CONVIVENCIA”

“LECTURAS COMPARTIDAS PARA A FORMACIÓN E A CONVIVENCIA”

Análise: Os 40 autores e autoras máis lidos nos Clubs de lectura no curso2015/16

A Asesoría das Bibliotecas Escolares Galegas vén de publicar no seu blog Ler en mancomún o listado dos autores e autoras máis lidos nos Clubs de lectura.
No listado de corenta escritores temos  24 autores de literatura galega (16 autores e 8 autoras) e se temos en conta que do resto do listado algúns dos autores coma René Goscinny, Dolores Redondo, R.J. Palacio.. teñen a súa obra publicada en galego concluímos pois cun dato moi positivo para a nosa literatura:  nos Clubs de lectura de Galicia lese maioritariamente en galego ( ao que favorece sen dúbida, que na convocatoria das axudas se regule a porcentaxe de inversión a realizar en obras na nosa lingua).

Destacan á cabeza2d3aa507bf87863432b710a73f444ba2 da lista o noso querido Agustín Fernández Paz (lido en 98 clubs) plaza que esperamos que se manteña no curso actual en homenaxe polo seu pasamento; o segundo posto e tamén por segundo ano atopamos á Ledicia Costas (a creadora de Escarlatina, coñecida en todos os coles galegos) e no terceiro posto fai presenza a poesía con Manuel María poeta a quen lle adicamos as Letras galegas no 2016.

Constatamos tamén a aplastante presenza de narradores fronte a só tres poetas (Manuel María, Berta Dávila e Carlos Negro) e catro autores de banda deseñada (O consagrado Goscinny, Miguel Anxo Prado e o autor de Maus, Spiegelman); decididamente, os nosos rapaces e rapazas len preferentemente narrativa polo que deberiamos meditar a opción de ampliar horizontes lectores e colocarlles entre as mans poemarios de calidade e do seu interés, e presentarlles a obra dos nosos ilustradores.
lecturas

17 de xaneiro de 2017

Primeira sesión de "Icía quere cambiar o mundo"


20170117_114604




















Con grande ilusión recibiron os nosos alumnos e alumnas do club de lectura de 1º de ESO o libro de lectura deste trimestre "Icía quere cambiar o mundo" de Fina Casalderrey, unha lectura na que imos ter moitos colaboradores: A profe Carmen Pernas ilustradora do libro, o profe Germán que vai levar a parte de medio ambiente e bioloxía, a profe Luísa que se ocupará da formación sociopolítica, a profe Rosa que se ocupará das medicións matemáticas e a profe Anxos que coordinará a lectura e ocuparase do asesoramento lingüístico e literario.



Encontro lector con Andrea Maceiras

20170117_12563020170117_134453

Esta mañá tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca á escritora Andrea Maceiras para encontrarse co alumnado dos clubs de lectura de 4º de ESO C e D que previamente tiñan lido e comentado a súa obra "Europa Express". Acompañounos tamén o profesor Anxo Guerra que xa compartira connosco algunha das sesións do club arredor desta novela.

Nun ambiente cómodo e agradable comezou a escritora poñendo en escea un "spin- off" sobre a obra, técnica narradora que consiste na recreación dunha escena ou duns personaxes a partir da obra narrativa.
20170117_130142


Despois desta fermosa lectura chegaron as preguntas do público, sobre a obra ( personaxes, argumento, creación), sobre a escrita, sobre os gustos da autora e os do alumnado... unha interesante, animada e formadora conversa da que relatora e público quedaron encantados.





Esperamos ler outras obras de Andrea Maceiras, das xa publicadas e das que veñen por publicar, gozar da súa lectura e poder compartilo coa nosa autora.
Que os gansos migratorios a acompañen nesta a súa viaxe polas nosas letras:
20170117_132604
O noso agradecemento á autora por acompañarnos, ao profe Anxo por compartilo con nós e a Bea de Edicións Xerais por facelo posible.


4 de xaneiro de 2017

“Ámote Leo A.” de Rosa Aneiros no club de lectura de 4º de ESO C.


Vistos os excelentes resultados de lectura das obras lidas no primeiro trimestre escollemos agora unha fermosa novela itinerante da autora Rosa Aneiros , que recibiu o Premio Irmandade do Libro ao Mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014: Ámote Leo A.
xg00202701

Ámote Leo A. Destino xalundes    é a primeira parte dunha triloxía na que Leo nos vai levar de percorrido polo mundo na súa viaxe de fin de estudos; con escasos medios económicos, que lle han de durar para toda a viaxe, e unha mochila na espalda visitaremos con ela países e cidades míticas de todo o mundo; as súas experiencias, positivas e negativas conformarán o relato desta marabillosa viaxe e intentaremos resolver o misterio da pintada que aparecerá nos lugares máis diversos: “Ámote Leo A.”. Non faltará nesta viaxe xeográfica unha linda viaxe pola literatura universal.



Preparade pois a mochila e collede os billetes que o noso vo está a punto de despegar… 

"Xa non estou aquí" de Iria Misa no club de lectura de 4ºde ESO D.

xg00248601


Presentamos a nova lectura que nos vai acompañar neste trimestre Xa non estou aquí de Iria Misa, obra pola que recibiu o premio Jules Verne de literatura xuvenil 2016.
A novela cóntanos a historia de Ánxela, unha adolescente, e do seu grupo de amigos que viven buscando o pracer polo pracer. A desaparición de Ánxela é o motor que provoca que todos vaian tirando do fío ata desfacer o nobelo que esconde a trama.
Os protagonistas son personaxes desarraigados, produto de familias rotas de clase media acomodada  que se sinten perdidos no mundo que viven. A amistade, a homosexualidade na adolescencia, o mundo das drogas, os riscos e as subidas de adrenalima son temas que pairan sobre a novela que presenta unha estrutura moi interesante que pon en  destaque a individualidade e o poder do grupo a través do narrador colectivo.
Unha crítica á sociedade do benestar que "perde de vista"aos seus fillos aos que non é quen de protexer.

"Icía quere cambiar o mundo" de Fina Casalderrey .Club de lectura de 1º de ESO.

20170104_190218


Comezamos este ano lector 2017 cunha nova lectura, abandonamos o mundo da fantasía para centrarnos en "salvar o mundo" como nos di o título desta novela da escritora galega Fina Casalderrey; a nosa protagonista Icía ante a posible desaparición do fermoso habitat no que vive ideará un plan para que coa forza da palabra, da palabra das xentes do pobo, os nosos políticos lexislen normas que sirvan para perservalo... pero non adiantemos acontecementos.


20170104_190459-1



Ecoloxismo e política, natureza, cooperación danse a man nesta fermosa historia que combina as palabras de Fina Casalderrey coas fermosas ilustracións de Carmen Pernas (a nosa admirada profe de Plástica), e estes serán os temas que centrarán as nosas conversas e as actividades que realizaremos a partir da lectura da novela.


Páxina da autora:
Dividiremos a lectura en tres períodos: 1ª,2ª e 3ª partes, 4ªe 5ªpartes e remataremos coa 6ª  e 7ª para finalizar a obra; entre lecturas iremos desenvolvendo as actividades e os encontros con persoas especializadas nos temas.