O terceiro Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil foi concedido por un xurado lector, sen dúbida, á novela de Lorena Conde, Velloucas e minchas que agora publica a editorial Cuarto de Inverno con ilustracións na portada de Blanca Vila.
A trama, unha aventura de verán moi achegada á nosa realidade, unha fermosa e tenra aventura que transcorre durante a visita que Sofía lle fai nas vacacións á súa avoa.
As nosas superheroínas nesta historia son as “velloucas” (a avoa, Lita e Gloria) e as “minchas” (Sofía -quen narra a historia xunto a un narrador omnisciente- Gabri e Antón), un gran equipo para loitar contra as inxustizas, para loitar pola igualdade e a inclusividade.
A lectura da novela transmite valores moi positivos: a solidariedade, a amizade, a importancia da familia, a inclusividade, a diversidade sexual, á volta ao mundo rural, a substantibilidade a través da agricultura, o desfrute das festas -tan de noso- como punto de encontro da veciñanza... e a omnipresenza do humor, a ironía, o gusto retranqueiro tan galego apoiado na linguaxe polos ditos, as frases feitas moi ao uso do galego cotián.
Desde o comezo sentimos empatía por Sofía (no “desterro” polo “suceso”...) mais a autora pon en valor a grandeza da terceira idade coas ricas personaxes da avoa e de Lita e Gloria, da terceira idade pero activas, acordes cos tempos (conectadas a interné, ao móbil), respectuosas e amables, agarimosas coa rapazada.
Os acontecementos encadéanse cun ritmo rápido que se nos inxecta en vea e non permite que abandonemos a lectura: personaxes novos, accións, acontecementos... vannos enganchando para coñecer máis en profundidade á sociedade de Veigamoa, os bos e os malos, os diversos, os tolerantes... e pouco a pouco, os lectores xa nos sentimos máis da vila, no seu día a día, mesmo bailando ao son da música das orquestras na verbena ou na sesión vermú das festas de verán.
A posta en valor das personaxes da terceira idade (que me achegaron de novo á marabillosa Rorita, a bisavoa de Clara en SuperUlex de Susana Aríns) á súa sabedoría, a calor e a tenrura que transmiten estas personaxes femininas que pensabamos perdidas e que gratamente volven estar presentes na historias da literatura xuvenil, que se visibilizan na actualidade e na modernidade, nas súas palabras, afeccións e modos de vivir, son fundamentais para recuperar un grupo socialmente... “esquecido”, “abandonado”, “minusvalorado”?
E a linguaxe, as escollas léxicas, os xiros, os ditos e frases feitas, as onomatopeias enriquecen a historia dándolle un ritmo áxil, vivo, coloquial nos diálogos e conversas dos personaxes pero moi rico na súa selección e uso, espontánea e ao tempo divertida.
Un pracer poder achegarse e gozar desta novela de Lorena Conde, moi recomendável de certo.
Superrecomendable para un club de lectura a partir de 12 anos.