27 de novembro de 2018

"Testigos de la verdad" de Aarón Fontán Alonso



 


Con só 17 anos, Aarón preséntanos a súa primeira novela "Testigos de la verdad", unha obra que acubilla acción, amor, amizade, solidariedade coa humanidade e uns grandes anseios de verdade e liberdade; parecen moitos temas para unha novela pero ao longo das súas 350 páxinas o escritor novel sabe conducirnos con gran axilidade por todos eles.

Un mundo nun futuro 300 anos máis aló, Europa destruída e unha América do Norte dominada pola tiranía. Protagonizada por un mozo adolescente de dezaseis anos, Tristán é apoiado polas súas incondicionais amigas Sara e Thalia; a novela levaranos polo camiño da loita pola liberdade e a verdade. Combinando futurismo e fantasía, nun mundo tecnoloxicamente avanzado pero corrompido polo desexo de poder e dominio, lémbranos a outra novelas xuvenís do xénero como "Los juegos del hambre".

O noso protagonista, Tristán é sensato e ousado, intelixente e sensible, sabe convencer das súas ideas libertarias e sabe amar á súa parella, ás súas amigas, á familia; combina as cualidades do heroe e do adolescente idealista pero cos pés na realidade, representa os valores do lider. 

A historia que se nos relata en "Testigos de la verdad"é trepidante, é tenra e romántica; acción e amor son quizais os elementos destacables da trama á par das reivindicacións de liberdade para gobernarse, para amarse, para obter unha igualdade económica na sociedade, para decidir.

O ritmo narrativo é moi rápido, non hai case descricións (pequenas pinceladas para ubicarnos nos lugares e ambientes) predominando os diálogos e a narración, a acción como elemento principal.

Identificamos aos personaxes nos seus roles narrativos por como actúan e polo que din ( son moi significativos por exemplo os discursos de Tristán). Exércitos en loita contra os propios cidadáns son presentados con trazos negativos fronte os positivos representados por Tristán, as súas amizades e familia, polos seus colaboradores.

Resúltannos tristemente familiares co noso mundo actual os discursos dos dirixentes das potencias (falsos e manipuladores), a historia falseada polos réximes dictatoriais, os avances tecnolóxicos utilizados para o control dos cidadáns... datos que conforman un relato pois dun futuro que non mudou as prácticas incorrectas e inxustas do presente.

A axilidade narrativa, os combates, as esceas amorosas, a amizade... de seguro van namorar a un público xuvenil desexoso de devorar aventuras con fondo, con un pouso na realidade.

Finalmente destacamos unha linguaxe correcta, cun vocabulario rico e adecuado ao lector; a sintaxe é sinxela, os períodos breves que facilitan a lectura e o avance rápido desta.

Sabemos que esta novela vai conquistar a moitos lectores xuvenís os cales vanlle pedir a Aarón que nos escriba unha segunda parte. Parabéns pois, para este escritor de curta idade pero coa mochila chea de grandes e fermosas historias.

4 de novembro de 2018

A FILLA DO MINOTAURO de MARILAR ALEIXANDRE.


"... o fundamental das historias é que sexan ben contadas. Que sexan inventadas ou verdadeiras non é o máis importante..."

E abofé que esta "historia de historias" está moi ben narrada. Cun título ben suxerente A filla do Minotauro, a autora ábrenos as portas á realidade e á fantasía, ás historias novas e ás historias moi vellas (de alá, da antigüidade), achéganos a personaxes creados e personaxes recreados,  a espazos do imaxinario grego e a espazos da Sicilia actual; todo ten o seu lugar neste fermoso relato de aventuras, de loitas pola xustiza e pola igualdade, esas loitas que, coma se cita no comezo da obra, aínda perdidas cen anos antes de comezalas non hai razón para non desenvolvelas.


Uns tempos e uns personaxes que se entrelazan na urda que ben podería ser a do tecido de Penélope, un cantar de cego que nos leva e nos trae do pasado remoto ao pasado máis recente, un periplo que semella un fermoso paseo pola xeografía siciliá e polas lendas de deuses e seres míticos, polas páxinas creadas por Homero (ou por unha muller siciliana) e aventuras, as aventuras de Miranda e Antelmo que loitan por preservar o legado, o legado da literatura oral, da arte e da ciencia contra a sempre cruel mafia siciliana.

Acción, narración e a fermosura da palabra, envólvennos desde as primeiras páxinas desta novela, para xoves e máis para adultos, na que se nos transmite a herdanza do aedo, do matemático, do historiador, con gran didactismo.

O valor da tradición literaria clásica, o amor e o respecto pola memoria, a feminidade e o feminismo son tamén trazos que nos enriquecen ao ensumirnos en "A filla do Minotauro".

Unha gran novela na que desfrutamos ao tempo da arte da palabra tecida con mestría por Marilar Aleixandre e do costume tan de noso como son as historias ben contadas.

 Imaxe relacionada
( Imaxes: "Ícaro en el corazón de Dédalo" de Gabriel Pacheco e "La fragua de Vulcano" de Velázquez)

12 de outubro de 2018

"O QUE SEI DO SILENCIO" ANDREA MACEIRAS.

" A liberdade é complicada, doe, xera conflitos"
” O acoso é un monstro silencioso e moi difícil de detectar precisamente
porque se agocha nas cousas máis pequenas"



O acoso entre adolescentes é o tema central desta nova novela de Andrea Maceiras; o silencio daqueles que son testemuñas desta situación convérteos en tan culpables coma os propios acosadores... Unha obra moi dura de vivir e difícil de contar, un tema tratado pola autora con grande sensibilidade e narrado con moita mestría.

"O que sei do silencio" é  testemuño, resulta exemplificante, facil de ler e  engaiólanos desde o seu comezo; o punto de vista narrativo innovador, a combinación dunha narradora en primeira persoa (protagonista e testemuña) coa técnica do blog (as entradas escritas pola voz narradora á par que agrupa un variado número de voces nos comentarios) enriquecen a perspectiva coa que nos presentan os feitos, conquistan aos e ás lectoras, lectores adolescentes pola introdución das novas tecnoloxías, as redes sociais tan populares entre eles e elas.
 Como as caixas chinesas de Cunqueiro, esta obra encadea novela, blog e contos dun xeito doado e atractivo. Os contos marabillosos protagonizados por príncipes e princesas, sereas, animais fantásticos, cunha estrutura clásica e valor alegórico, están ligados á temática central da narración, recuperan mitos e tradicións ao tempo que rompen os estereotipos.

 
Unha historia moi realista xa que logo reflexa o mundo dun centro ensino que non é outro que un modelo da sociedade actual, cos seus valores e cos seus defectos.
  
Un final moi lírico e didáctico: todos os problemas e os erros son superables grazas á reflexión, á decisión, ao perdón.
De certo que esta novela deixará un pouso profundo nos lectores e lectoras, axudaraos a mirar máis ao fondo das súas condutas; unha obra moi necesaria para achegarnos a un problema moi grave que nen pais, nen docentes, nen a rapazada sabe como enfocar e resolver. 


Con "O que sei do silencio" Andrea Maceiras volve amosarnos como, obra a obra, mellora a forza e a calidade da súa narrativa, situándoa nun dos chanzos máis altos da literatura infaltil e xuvenil galega.
 



Parabéns, Andrea.

11 de outubro de 2018

ANA PESSOA: MARY JOHN





" Qualquer día escrevo-te uma carta, um postal, um bilhete. No final vou assinar o meu nome. Sublinhar o meu nome assim:
Maria Joao"


Cando hai un par de meses Matilde, unha encantadora adolescente portuguesa (e gran lectora por certo) me recomendou Mary John e faloume de Ana Pessoa, non imaxinei que me ía namorar da prosa desta autora.

Con Mary John regresei ao mundo adolescente máis puro, as inquedanzas, as inseguridades, a busca de si propio. A protagonista desta fermosa novela debe trasladarse do seu mundo a unha cidade nova a causa do traballo da súa nai e escribe "uma carta, um postal, um bilhete" moi longo e espontáneo a Julio, o seu pirata, o seu amigo da nenez (talvez o seu namorado platónico) que queda atrás.

 
Novas amizades, nova escola, a descuberta do amor, do teatro, o mundo de Maria Joao cunha prosa moi fluída, áxil, chea de coloquialismos e xiros propios da idade que nos arrastra polas súas emocións, polas súas sensacións máis íntimas.


De Mary John a María Joao descorre unha lectura agradável que nos engancha ata o remate da novela.



" Conta-me a tua história.
Qual história
A tua. Quem és, de onde vens, o que fazes aqui.
Isso é uma história muito comprida.
Faz un resumo.
Eu fiz un resumo da minha vida e o Daniel fez um resumo da vida"


Unha atractiva edición a desta novela coas ilustracións de Bernardo P. Carvalho, azuis e brancas, coma as cores do mundo da protagonista.


IRIDIUM de Francisco Castro



" A ver como vos explico o segredo do meu éxito: a cousa é que teño un ollo dunha cor e o outro de outra"


Iris é unha rapaza especial por varias razóns: ten un ollo de cada cor e pola mala sorte, un cúmulo de malas sortes, sofre un Dano Cerebral Adquirido; unha moza coma outra da súa idade que desexa vivir, divertirse, amar e ser amada malia a súa doenza, e que nas redes sociais é unha raíña grazas ás súas fotos e a cor dos seus ollos.


A historia que nos relata Francisco Castro comeza cando Iris se incorpora de novo ao seu mundo adolescente e reencóntrase coas amizades, co día a día no que terá que convivir coas súas limitacións físicas.


Iridium achéganos ao mundo das persoas que sofren DCA e ao visibilizalas dirixen a nosa ollada lectora aos seus sentimentos, ao seu xeito de ver e asumir a vida tralo dano cerebral, a súa loita cotiá por integrarse nunha sociedade que volve a cara ante os seus problemas. Unha novela inclusiva que nos identifica con Iris pero que tamén nos describe o seu mundo adolescente, a música, o instituto, as amizades como Mario, o mozo disruptivo, diferente, rexeitado pola rapazada do instituto; ambos teñen moito en común, son seres illados nun entorno adolescente onde cada un deles e delas busca o seu espazo.

Uns diálogos áxiles, unha linguaxe moi en liña coa mocidade e co mundo das redes sociais fan desta novela unha lectura moi recomendable para toda a nosa rapazada de secundaria.

7 de outubro de 2018

"PALABRA DE BRUXA" de Andrea Barreira Freije.



" Confésome insumisa e ceibe das cadeas de deuses e homes" son palabras de Berenice, palabras de bruxa, porque as mulleres cando for libres son bruxas e ben caro que pagan a súa liberdade.


Con gran sensibilidade e unha fermosa prosa,  Andrea Barreira amósanos o mundo natural da súa protagonista, unha novela que nos mantén inquedas desde o comezo pois dalgunha maneira xa coñecemos o seu final e este coñecemento obriga á lectora a embebederse das palabras,  das pracenteiras descricións do mundo da natureza e dos sentimentos e pensamentos de Berenice, sentíndonos unha, identificándonos coa súa personalidade e enchéndonos da súa sabedoría. 

"Confeso non ser nin sentirme insignificante, menos válida, incapaz ou calquera outro termo absurdo que se vos pase pola cabeza polo feito de ser muller" e como deberon sufrir sempre as mulleres que así o sentiron, as bruxas que na historia  reivindicaron a igualdade...unha novela esta de profundas reflexións e reivindicacións de ser e vivir coma mulleres libres como a protagonista de Palabra de bruxa.

A lúa, o sol, a auga, o lume, o vento acompañan a Berenice ao longo da narración, a natureza viva da paisaxe propia cobra forza e enerxía para arroupar á bruxa, para coidala durante as torturas, os interrogatorios, as acusacións inmundas cara a muller que axudou e respondeu sempre aos seus amigos e veciños.


"A partir de agora resoarán as miñas verbas coma un eco eterno. Palabra de bruxa...Entón nunca máis foi posible o silencio" e ao longo de quince capítulos,cinco sesións de tortura e un epílogo, a autora consegue coas súas palabras que nos sintamos en comuñon coas da propia Berenice.

(E para sabermos algo mási das meigas galegas e dos seus aquelarres, este artigo de Biosbardia:
 https://biosbardia.wordpress.com/2018/10/10/a-eira-das-meigas-un-circulo-litico-a-traves-da-memoria/


13 de agosto de 2018

"O caderno vermelho da rapariga karateca" de Ana Pessoa. ( LIX portuguesa)


Unha menina que non é unha menina (quere ser unha karateca e gañar todos os campionatos do mundo) é N. (segunda letra do seu nome), que entra na papelería e merca unha postal dun coello (gosta de mercar postais de lugares, de castelos, de tranvías...) e un caderno vermello con  240 páxinas en branco ( para liberalo non sabe ben de que)... así se presenta a protagonista de "O caderno vermelho da rapariga karateka" de Ana Pessoa unha fermosa historia en primeira persoa que combina a técnica do diario persoal coa dos contos, un libro "altamente recomendável" pola FNLIJ do Brasil e "recomendado" por Ler + (Plano Nacional de Leitura portugués).


A historia de N, é fresca, cotiá á par que chea de imaxinación, o día a día da menina que nos amosa como pensa e vive na escola (o método científico, os diálogos na aula de Plástica ou a conversa sobre Deus), nos seus entrenamentos de Karaté e o seu mundo privado co seu amado caderno (o máis rico, cheo de imaxinación), que tamén é un coello, unha mosca... E tamén está Raul, o seu compañeiro na luta co que soña ter unha relación especial de sentimentos e karaté.

E están os contos que N. escribe no seu caderno, "História duma mosca que nao sabía quem era", "Histoória da personagem que queria ser pessoa".... tenros, íntimos, razoables, con moral final perfectamente encadeados coa trama central da novela.

Unha fermosa edición con ilustracións de Bernardo P. Carvalho que fan desta obra unha xoia que poñer nas inquedas mans de calquera adolescente... e máis alguns adultos e adultas... que se certo gozarán coma min desta lectura.


E para saber máis desta novela recoméndovos a recensión que dela fixo a escritora e segadora Susana Aríns:

http://www.asega-critica.net/2015/01/o-diario-que-e-um-passaro-que-e-um.html?m=1

25 de xullo de 2018

A marabillosa aventura de Jella Lepman: "Un puente de libros infantiles"



" ... Un bo día chamou á porta un coronel norteamericano... preguntou se ... estaría disposta a voar a Alemania... coma asesora para temas relacionados coa educación e cultura dos nenos e as mulleres alemás...
(...)
...Cada vez tiña máis claro  que non debía mirar atrás, senón afrontar o futuro pensando nos nenos... Finalmente aceptei... "

Así relata Jella Lepman no seu libro autobiográfico "Un puente de libros infantiles" ( Editorial Creotz. Vigo. 2017) como se embarcou nunha marabillosa  aventura ( sen por iso deixar de ser moi crúa, polo regreso á derruída Alemania de posguerra, para ela que, como alemá e xudía, volvía ao seu país) a cal  frutificou na posta en marcha da Exposición Internacional do Libro Infantil e Xuvenil ( Munich 1946), a primeira pedra que iniciaría un fermoso camiño pola mundo da lectura ( do desfrute e da formación a través das prácticas lectoras) para a creación da Biblioteca Internacional da Xuventude (Munich,1949) do IBBY (1953) e do premio Hans Christian Andersen.

Realmente resulta emocionante seguir a Jella Lepman, coas súas propias palabras, relatando as iniciativas e os esforzos para conquistar a autoridades europeas e americanas nun momento histórico no que a prioridade era recontruír a Europa, a Alemania destrozadas (non sentido físico e espiritual) pola Segunda Guerra Mundial.

Do relato de Jella deducimos que tan importante como reconstruír dos entullos era dar de beber nas fontes da imaxinación e da lectura aos nenos e nenas alemáns, reeducalos para que o nazismo non volvese rexurdir máis nunca.

Unha gran muller que con tesón e enerxía creou unha biblioteca nunha liña na que  a seguimos deseñando hoxe en día, centrada na lectura e na formación, o agasallo e apoio dos libros en tempos de crise como táboa de salvación.

Unha relato en clave autobiográfica que mesmo pode entenderse coma un rigoroso e ilusionante manual, imprescindible para a formación dun bo, dunha boa bibliotecaria.

Un pracer de lectura para todos e todas os que mediamos no mundo dos libros.

5 de xullo de 2018

"Xan do Arrabaldo" Fontoira Surís relata en clave de ficción a historia de A Moureira, o arrabaldo da vila de Pontevedra.

Adicado ás mulleres bravas do Barrio de San Roque: Marujita Lacana, Carmela a Pilota e Pilarín a dos Periódicos. Pola súa memoria e a xenerosidade de transmitilo á nova rapazada que estuda no barrio.


Coma acontece coa historia de todas as vilas, os arrabaldos son os grandes esquecidos das mesmas salvo ser o motor económico e social da súa evolución. Coa novela "Xan do Arrabaldo" Fontoira Surís achéganos en clave de ficción narrativa a historia da vila de Pontevedra, a dos traballadores, os comerciantes, os pescadores que realmente foron o impulso económico e social de cambio de "Pontus vetulus", da súa Moureira (topónimo relacionado coa salmoira, co salgado das sardiñas que aínda hoxe en día é lembrado pola memoria de moitas das veciñas do barrio de San Roque, a vella Moureira pontevedresa: véxase "os nomes con historia na sala de visitas deste blog").

Quero lembrar o comezo de "A saga fuga de JB" de Torrente Ballester cando as mulleres de A Moureira exclaman "Roubaron o corpo santo" e introdúcennos no mundo da confraría dos mareantes, ou o "Triángulo inscrito na circunferencia" de Víctor Freixanes arredor tamén deste mundo de mareantes pontevedreses (os pescadores e os navegantes de A Moureira).



E tras estas referencias literarias, Xanciño Neto "fillo dun atalieyro da Moureira" trasládanos ao ano 1476 "do Noso Señor" na vila de Pontevedra "atacada e cercada" na loita sucesoria entre Xoana a Beltranexa e Isabel a Católica ao reino de Castela.

Mais a loita é o marco referencial pois a historia de Xanciño é a historia de A Moureira: a pesca da sardiña, a salgadura para a súa conservación e o seu comercio, que serve de impulso económico para a vila, unha vila que vive de murallas adentro (burguesía, artesáns, nobreza) e que vive fóra de portas( pescadores, comerciantes e mesmo lugares de lecer e vida alegre).

Xanciño serve como personaxe guía que nos leva polas descricións detalladas dos costumes, das rúas, as vivendas, as crenzas, os traballos, os intercambios comerciais... e como navegante dános información das viaxes, das mercadorías, dos portos, dos navíos... xa que logo da grande riqueza económica do porto de A Moureira no século XV.

Quizais a trama estea a favor dos datos, dos detalles, mais as aventuras de Xanciño para entrar na vila sitiada, os seus tratos e amizade cos xudeus ( que xa foxen da expulsión), as aventuras marítimas polos máis importantes portos europeos da época, os amores dun navegante... van tecendo unha documentada e fermosa historia do esplendoroso pasado de A Moureira vella, do noso barrio de San Roque, sen esquecernos do grande aporte de léxico tradicional do ámbito da salgadura, navegación... que nos aporta a novela.

Sen dúbida unha novela enriquecedora para calquera lector e indispensable para a nosa rapazada do IES Sánchez Cantón, pois recupera a nosa identidade mariñeira e navegante, a nosa historia, non a máis coñecida de Pontevedra máis sen dúbida a máis popular e da que aínda quedan pegadas no barrio de San Roque. 



3 de xullo de 2018

Sobre mediación lectora e propostas de lectura.



Rematado o curso académico os mediadores de lectura, quen máis quen menos, vimos de compartir coa nosa rapazada as nosas propostas lectoras para o verán; apoiándonos nas novidades editoriais, as ofertas das librerías, as recomendacións que determinadas páxinas dixitais (as cales seguimos e coas que polo xeral compartimos gustos lectores), as apostas daqueles escritores dos que nos consta a súa calidade... elaboramos estas suxerencias que partillamos co noso alumnado e publicamos nos nosos blogues. 

A través da rede chega agora a nós un artigo que Luís Miguel Cencerrado publica en BiblogTecarios arredor deste tema " Conjugar el verbo recomendar en la biblioteca pública e escolar" para axudarnos a reflexionar sobre esta práctica que realizamos ás veces sen pararnos a meditar sobre a profundidade e o alcance da mesma.

Di Luís Miguel Cencerrado no seu post que " O noso labor de promoción de hábitos lectores debe asentarse firmemente sobre o valor e a riqueza das suxerencias de lectura que propoñemos", valor e riqueza dúas palabras cheas de sentido no noso traballo coma educadores e continúa " o valor das coleccións da biblioteca (...) dependerá fundamentalmente da calidade das lecturas e das informacións que conteñen os documentos que a conforman" outro dato a ter en conta cando realizamos non só a selección senón tamén as compras dos fondos para a nosa rapazada.

Sobre o desenvolvemento da práctica de propostas lectoras fai referencia a "tecer un bo ambiente de confianza, intercambio  e complicidade" cos lectores e non podo deixar de lembrar cando dalgún xeito rexeito a lectura dalgún alumno ou alumna (por consideralo sen valor, mesmo pouco recomendable para a súa formación) e non establecín esa previa complicidade, afinidade á que fai referencia Cencerrado o que convirte a miña recomendación en negación e non en valor.

Arredor da actualización constante que según Cenderrado require esta práctica en moitos casos resulta agotadora cando debes compaxinala coa preparación de clases, exames, proxectos... o que desde logo, son consciente, pode afectar á calidade, ao valor das miñas propostas lectoras, a ese "analizar, valorar e escoller" tan enriquecedor da práctica que cita Cencerrado.

Outro importante consello do articulista é que " esta función debe ser exercida co ánimo de compartir, sen imposicións e dogmatismos, de forma bidirecional e colaborativa" e tremo só de pensar nas ocasións nas que inconscientemente caín no dogmatismo e esquecín a bidirección das propostas.

Achega Cencerrado que o éxito no labor de análise e selección é "identificar o material que imos analizar, describir os elementos máis relevantes da obra e realizar a valoración dos mesmos".

Consellos de gran utilidade que complementan o seu artigo con unhas pautas a seguir cando lemos unha obra, cando a analizamos e cando a valoramos: constatamos a utilidade do emprego de fichas de análise adecuadas ao tipo de obras que son, xa que logo, perfectas para axudar á nosa reflexión sobre a lectura, achegarnos a determinados elementos da mesma e realizar unha valoración realizada coma lectores críticos e reflexivos.

Un artigo este de Luís Miguel Cencerrado que debemos ter moi en conta á hora de realizar e publicar as nosas recomendacións lectoras.

https://www.biblogtecarios.es/lmcencerrado/conjugar-el-verbo-recomendar-en-la-biblioteca-publica-y-escolar/


2 de xullo de 2018

"O exército de fume" Manuel Gago.


Comezamos as lecturas do verán con "O exército de fume" de Manuel Gago: historia, aventuras, un fermoso percorrido pola Galicia atlántica e do interior, de Londres a Madrid, collidos da man por un importante elenco de personaxes que moven a trama misturando, en palabras do autor, lenda, historia e ficción.

Ten pois esta novela todos os elementos para engancharnos desde o seu comezo, para enguedellarnos nas aventuras de Celia, Ramallo e moitos e moitas máis que conforman un "exército de fume", os que non están pero loitan pola liberdade.

 Unha guerra que non rematou (a nosa) e outra guerra en marcha (a mundial), 1942, de finais de abril a primeiros de xuño, un ritmo moi áxil case cinematográfico.

A diplomacia, a espionaxe, a loita, os heroes sen nome móvense pola novela con fluidez, sempre marcando un ideal, a resistencia ante a intolerancia e os abusos dos fascismos, a procura da xustiza para todos e todas.

Pequenas e moi fermosas descricións da paisaxe galega arroupan os feitos e axudan a situar ao lector nun mapa xeográfico moi concreto, xa que o autor nolo indica ao comezo de cada capítulo; personaxes presentados con pequenas pinceladas pero moi ben caracterizados polo que fan e din. O ambiente da Galicia na posquerra está moi ben recreado, a fame, o medo, as represalias e sobre todo o valor e a forza dese exército na escuridade ("de fume") que non se resigna a sentirse vencido.

Ten pois esta novela de Manuel Gago fondo e forma moi atractivos para gozar dunha animada e engailante lectura, para esvarar pola obra con pracer, engadindo a maiores valores formativos sobre a nosa historia, arte e como non podía faltar nas obras do autor, o fermoso imaxinario da nosa cultura.

Recomendo que acompañemos a Celia e a Ramallo, a Brais e a Emilio, a Charo, ao pintor de océanos e a Brendinger (estes dous últimos os meus preferidos) nesta aventura que puido acontecer na Galicia da posguerra e cumplimentemos este fermoso roteiro pola rica paisaxe da nosa xeografía coa que nos deleita esta novela.



(Urbano Lugrís, Vista de Vigo).





10 de xuño de 2018

"Amor por catro" Helena Villar Janeiro.



 Sentimentos e emocións cunha linguaxe ao servizo da beleza da palabra (o pouso da poeta), transmítenos Helena Villar Janeiro nestes catro relatos que teñen coma fío condutor o tema do primeiro amor (ese que a contratapa do libro define coma "amores que nos acompañarán na memoria para o resto das nosa vidas... Porque todos amamos").

Seique vai ser un libriño que vai "namorar", literalmente, á nosa rapazada polo tema (moi na liña das preferencias da adolescencia) mais tamén pola fermosura da palabra (coidada, escollida, colorida...) e polo encadre: o contexto das historias que nos relata a autora; Marrakhech e a praza de Jamaa al Fana para a historia de Iamal e Shama, o camiño de Santiago que favorece o encontro de Alicia e Jacques (Galahaz), Compostela e as vacacións de Nadal coma marco para o diario de Chus e o seu amoriño por Gustavo, e unha tenda benéfica para axudar a Fuco e a Maía na man de Loxa e Xelo e o seu soñado primeiro bico.

Fermosas historias de namorar nas que destacamos a mestría da presentación das mesmas e a lírica da linguaxe, a adxectivación, o colorismo que arroupan as palabras, a inocencia do amor primeiro e o achegamento á literatura e á cultura propia, de noso, tan alonxada hoxe en día da nosa rapazada.

Valores coma o respecto ás tradicións e aos maiores, a solidariedade, a aprendizaxe dos idiomas que achegan e a cultura, o esforzo e a superación, pairan nestes fermosos relatos que de certo vannos conquistar e namorar por vez primeira.

Realmente unha lectura gorentosa que crea imaxes que axudan ao desfrute da beleza das historias e do tratamento da palabra.


4 de xuño de 2018

Recomendacións lectoras que andan pola REDE, para degustar no verán 2018.

Novela histórica, vampiros, poemas grafiteiros, amor, relatos de medo, xornalismo e reflexión, novela negra, acción e heroísmo, unha "road movie"...

Petiscos lectores que saben a sangría, gazpacho, limonada... bebidas moi frescas para un caloroso verán lector.

27 de maio de 2018

MEDIADORES DE LECTURA: PÓNDOMOS EN VALOR.

VALLA COMA EXEMPLO:

En Pontevedra hai un club de lectura xuvenil, organizado polo Salón do Libro, do que formamos parte vari@s e variopintos MEDIADORES DE LECTURA: Libreir@s, profesores coordinadores de club de lectura escolares, profesionais dos medios de comunicación, representantes polític@s de cultura e dinamización lingüística, especialistas en xestión cultural, escritor@... 

Vai xa un curso no que nos levamos reunindo para falar de libros, compartir lecturas, experiencias lectoras con escritor@s de LIX coma Ledicia Costas, Manuel Lourenzo, Francisco Castro, María Reimóndez , Eva Mejuto... 

Cando saímos na prensa local valórase o encontro co escritor/-a e non se menciona o esforzo que os participantes realizamos para ler, compartir opinións, programar citas lectoras, reflexionar e matizar ideas, buscar xeitos de conquistar aos nos@s lector@s adolescentes, indagar sobre os autores e a súa obra, mesmo darlle mil voltas á selección de lecturas, literalmente "buscarnos a vida" para contactar e animar aos creadores a reunirse con nós... e sobre todo a paixón que poñemos na transmisión das lecturas (ás veces mesmo agotadoraaa...).

E a miña cuestión de hoxe vai nesta dirección: Que sería d@s escritor@s, das vendas editoriais, da formación de lectores críticos tan necesarios nesta sociedade das imaxes e da inmediatez, sen o labor d@s MEDIADORES DA LECTURA?

Fundamentalmente aportamos o noso amor polos libros e as lecturas, polos escritores, polas editoriais e polo futuro dun mundo de reflexión e pensamento: un lector/-a non pode ser conquistado polas palabras sen fondo, sen argumento, sen sentido, sen amor e nós mediamos para que sexa posible, real.

Ocupamos o noso lugar na cadea da lectura, coma diría Michelle Pettit somos os facilitadores da lectura e nós tamén poñemos o noso gran de area para MELLORAR O MUNDO.


  


26 de maio de 2018

"O xardineiro dos ingleses" de Marcos Calveiro.


Recuperamos nesta obra ao Marcos Calveiro de Festina lente ou de Settecento, o contador de historias que con arte sabe tecer fíos entre a realidade e ficción creando novelas que ao tempo desfrutamos e coas cales ampliamos os nosos coñecementos en literatura, en pintura, en historia... o Marcos Calveiro que namorou á rapazada con O pintor do sombreiro de malvas.

O xardineiro dos ingleses traslada ao lector á Vilagarcía da Primeira Grande Guerra  (1911 en concreto) e paséanos pola vila con gran minuciosodade ao par que nos relata a historia de Delia e os seus amigos James e Frizt (unha moza galega, un soldado alemán e un soldado francés en época de guerra mundial en Arousa Bay).

A descuberta do autor-personaxe-narrador dunha noticia nun xornal sobre a distinción británica a un veciño de Cea serve a Marcos Calveiro para tirar do fío narrativo e desenvolver a trama; este narrador-escritor-personaxe alterna cun narrador omnisciente para crear o nobelo entre o presente e o pasado, a historia de Delia e Edelmiro e a súa propia historia actual na pescuda de respostas ante a insólita distinción do goberno inglés.

Unha novela moi ben documentada en canto ás ubicacións espaciais onde acontece a trama (en gran parte da novela predominan a descrición e os datos sobre a acción e os diálogos) e en canto aos datos históricos e localizacións temporais (un arousán pode aprender con este libro moito da propia historia).

Un triángulo amoroso, aventuras, costumes, un fermoso retrato da Arousa, o amor filial de Edelmiro, a vinganza, a lealdade... mesmo historias de espias van conformando esta novela: " A Armada alemá xamais se rende (...) a inglesa tampouco (...) é o noso destino enfrontarnos sempre... " e o destino e os homes, as guerras dos homes marcarán as vidas de Delia e o seu fillo Edelmiro.

Na cuarta parte, Cinza do mar, encontrámonos cun personaxe moi especial, o mesmiño Federico García Lorca visita a Arousa coa súa compañia teatral, A Barraca,  e o seu encontro con Edelmiro achegaranos á obra do poeta. Mais non é Lorca o unico personaxe ilustre que nos visita en O xardineiro, na praia atoparémonos co gran pintor Sorolla que ao seu modo tamén participará na trama.

Na quinta e sexta partes Calveiro nos achega á nosa Guerra Civil, recuperando a Memoria Histórica que tan necesario é,  os asasinatos, abusos e represións denúncianse tamén nesta historia.

É pois, O xardineiro dos ingleses, unha novela moi completa, ben artellada a trama,documentada, cunha linguaxe clara e rica, que agradecerán todos e todas as arousás e por suposto os fieis seguidores da obra narrativa de Marcos Calveiro.


26 de abril de 2018

"Querido Tomás" Cinefórum con Uxía Blanco e Fina Casalderrey.


O martes pasado participamos nunha actividade de cinefórum a partir do visionado da curtametraxe "Querido Tomás" dirixido por Uxía Blanco (a nosa querida "Sempre Xonxa" e que tamén participa coma actriz) con guión de Fina Casalderrey (a nosa benquerida narradora e mestra, que tamén participa coma actriz).

A curta é unha adaptación a partir do texto da novela Querido Tomás de Xosé Neira Vilas (que tamén participa coma actor) e trata o tema da emigración coa visión dos que aquí quedaron.



A curtametraxe realizada cun orzamento moi precario recibiu, no Festival Internacional de Cinema Independiente de Braga (Bragacine), o premio á mellor interpretación.

En palabras da guionista "Das cartas de Teresa sácase a vida das súas palabras. Hai que quedar coa esencia da novela e renunciar a feitos que acontecen nela para adaptar a obra á duración da curtametraxe".

Unha excelente adaptación que soubo plasmar na pantalla a fermosura da historia e a riqueza expresiva da linguaxe de Neira Vilas.

Todos e todas saímos encantados da experiencia e desexando que a historia continuase.

Esta actividade está enmarcada dentro da programación do Salón do Libro.







22 de abril de 2018

23 de abril, Día do libro

Mañá celebraremos o Día do libro en moi boa compañía xa que como xa vén sendo habitual colaboraremos na lectura que organiza o IES José Zerpa de Santa Lucía de Tirajana en Gran Canaria.

Os nosos vídeos este ano, son un recitado de versos de Xohana Torres pois o tema da lectura deste ano é visibilizar ás mulleres escritoras.
Ademais da nosa rapazada,este ano tamén nos acompaña na lectura a marabillosa escritora mexicana Marta García Esperón que amablemente nos agasallou cun fragmento do seu libro Mi abuelo Moctezula, polo que a colaboración deste ano é internacional. 










8 de abril de 2018

Lecturas no "Día internacional do pobo xitano"


Neste 8 de abril,  queremos solidarizarnos co pobo xitano e en especial cos adolescentes, a través das lecturas; pensamos que as palabras dos escritores e escritoras que nolos achegaron son un medio óptimo para fomentar a inclusividade dos rapaces e rapazas xitanos  na nosa sociedade en xeral e na escola en concreto.

Palabras e versos para a igualdade, para a rapazada xitana que nas súas mans, sen sabelo, posúe a marabillosa chave da integración.

http://www.gitanos.org/8deabril/

Comecemos pois coas nosas recomendacións lectoras para o Día do Pobo Xitano:
  • "Pan con chocolate" de María Victoria Moreno, a nosa escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2018 preséntanos neste relato a Adonay e a Eva, dous adolescentes, unha nena loira e paia (o pan) e un neno calé (o chocolate) unidos por unha intensa amizade que lles dá forzas para enfrontar os desprezos e o racismo na escola. Un forte temporal arrasa as choupanas do arrabalde xitano da Quenlla que ben podería ser calquera dos míserentos poboados xitanos nas nosas cidades.  Os fortes sentimentos de Eva relátannos en primeira persoa as desgrazas deste pobo.


  • "Preciosa y el aire" de Federico García Lorca en "Romancero Gitano":
Su luna de pergamino
Preciosa tocando viene
por un anfibio sendero
de cristales y laureles (...)

E Preciosa, a xitaniña de Lorca fai que o vento se levante ao seu paso, que o mar frunce o seu rumor, que as oliveiras palidezan que a enchen de medo e fana correr...
  • Reina é a moza xitana que acompaña a Miguel en "Unha estrela no vento" a primeira das novelas de Ledicia Costas; o seu falar con gheada fai dela unha linda xitaniña galega que sufrirá o machismo da súa cultura e da súa familia. De novo a amizadeentre un rapaz paio e unha nena xitana e os inconvintes do cruce de razas e culturas.
  • "Os xitanos cesteiros" que Manuel Rivas nos presenta en "A boca da terra", os "Jiménez Camacho Manuel Montoya Antonio Camacho" que foron asasinados no 1936 por unha "brigada da noite":
 Hai un son en Lians.
E u é?
Son os pés que non queren pisar
E u é?
Son as follas que caen
no oco da guitarra
Son os nenos que piden 
un biscallo azul de azar.
E u é?
Son os anxos 
que chían polo buraco das balas
polo envés do matar (...) 

  • Margot, a mellor puta do Berbés que nos achega Inma López Silva en "Aqueles días en que eramos malas" tamén é muller e xitana polo que vai sofrer o abuso e o desprezo dos seus :" Aquel día, Margot ergueuse ansiosa. Non era felicidade o que sentía. Era expectación, nerviosismo. (...) Púxerona fermosísima, coas xoias da familia, co vestido con pedrería, os zapatos de medio tacón e uns bucles brillantes  que lle caían polo lombo deixando ver anacos da súa pel morena"...no día da súa voda, e só era unha nena.  
  • José Heredia Maya, poeta xitano na súa proposta para unha danza flamenca de arcanxos moremos canta en versos:
Jaleos
¿Que es lo que ha pasao?
que los gitanitos
que se han rebelao.
¡Eso no puede ser!
¿Qué es lo que ellos quieren?
que los gitanitos
tengan pan y aceite.
¡Eso no puede ser!
Quieren además 
que todos los hombres
seamos igual.
¡Eso no puede ser!
¡Qué barbaridad!

  • En "O sono traizoeiro" (conto finés) relátase "Hai xa douscentos anos unha xitana solteira chamada Ulla vivía no pobo de Rautalampi. Todos os labregos, terratenentes e servos a coñecían e querían moito. Ulla, ao igual que os demais xitanos de Finlandia, ía de vila en vila a cabalo, da casa dunha familia á doutra" (...) Naquela época a tradición obrigaba a que, se un xitano se namoraba apaixonadamente dunha xitana e quería casar con ela, tiña que collela pola forza, raptala ou secuestrala (...) 
mal lles debía ir pois ás xitanas finesas xa que logo a súa opinión non contaba...



  • Na voz da narradora mexicana María García Esperón, cheganos esta recomendación poética do escritor asturiano Aurelio González Ovies "Entre lirios":
Casi siempre era en mayo. Cuando estaban aún 
muy verdes las ciruelas
llegaba la estación de los gitanos.
Buscaban abrigo y extendían sus trastos
y sus lonas
donde sonaba el agua y asomaban los lirios.


Vaia este pequeno botón de mostra dos moitos exemplos que podemos atopar na literatura que nos valerán para VISIBILIZAR ao pobo xitano no seu DÍA, desde "La gitanilla" de Cervantes á prosa e a poesía contemporánea.

6 de abril de 2018

Natureza e aventuras: "O torques de ouro" de Lourdes Maceiras.



Aventuras, natureza, a terra, o aire, a auga e o lume e moitos animais (algúns deles fantásticos)  acompañando aos dous rapaces protagonistas, Olalla e Xiao na procura dun tesouro, un torques de ouro.

Este torques serve a autora, Lourdes Maceiras para facer realizar ao lector unha fermosa viaxe con Olalla e Xiao na que a súa procura se traducirá na búsqueda do coñecemento; a flora e especialmente a fauna cobra voz e protagonismo: toupas, bolboretas, lucecús, osos, pequenos vermes... todos eles amables, sabios e divertidos colaboran nesta viaxe polos elementos, por terra, mar e aire para lograr o tesouro.

Sabemos que "non hai tesouro sen esforzo", non hai aprendizaxe sen traballo e os nosos protagonistas son exemplo de perseverancia e insistencia, salvan obstáculos e conseguen o seu premio, crecen e fórmanse no seu percorrido.

Especial protagonismo o dos animais, sentimos empatía con todos eles, coa súa sabedoría e coa súa simpatía, un elenco moi especial que representa o máis selecto da fauna galega.

Unha obriña que nos conmove, interesa e divirte,  cuns diálogos moi áxiles que fan que a acción sexa rápida e nos axude a percibir os cambios de espazo e tempo. Unha estrutura  que organiza a secuencia narrativa dun xeito claro e ordenado: Unha introdución 
(O encontro), catro partes para o desenvolvemento da trama ( A terra, a auga, o aire e o lume) e o desenlace ( O torques).

Unha novela de aventuras, fantástica e ao mesmo tempo unha lección de bioloxía e natureza. De seguro que os rapaces e rapazas poderán desfrutar coa lectura desta obra e mesmo algúns descubrirán o amor pola natureza e a ciencia que tan ben nos transmite a autora. 

(imaxe: O torques de Burela).

25 de marzo de 2018

O KILYX DOS DEUSES de Nicanor Alonso Álvarez. Proposta de lectura.


Novela de aventuras e intriga que xira arredor do conflito do roubo dun "KILYX" sagrado, as cinzas dunha morta, unha seita ancestral e o mercado de obras de arte da Grecia clásica; un ou varios enigmas por resolver, aventuras e risco no camiño cara a verdade, arte e matemáticas, historia e filosofía e unha boa dose de mitoloxía enchen a novela protagonizada polo detective fracasado Nestor e por Helena especialista e tratante de arte grego.



Feitos históricos e outras realidades; desamor, soidade, medo e nostalxia son sentimentos que pairan no fondo da trama da novela, unha trama complexa e en certos momentos dificultosa para Nestor, o detective, e para o lector (desorientados ambos) á procura do espazo idóneo para depositar as cinzas dunha muller morta.

Unha ambientación moi rica, un percorrido por Grecia e os seus lugares emblemáticos e turísticos (Atenas, Delfos, Nauplia...) e pola Grecia clásica (templos, prazas, arte, matemáticas, filosofía, mitos...) ás veces parece que a trama é o pretexto para a realización desta viaxe artística, histórica, científica.

O tema clásico e as cuestións matemáticas quizais fan que esta novela non estea ao alcance de todos os públicos xa que logo predomine nela a intención divulgativa sobre o desfrute do lector: dirixida a un lector interesado na Cultura Clásica con maiúsculas, na arte, nos números e na filosofía.

O tráfico ilegal de obras de arte da Grecia clásica, as imitacións, apoian a intriga da obra, a acción e o risco"no gume da navalla".

Son os personaxes autónomos ou están ao servizo do culturalismo que enche toda a novela? Son moitos os interrogantes: O mundo dos soños, a adivinación, as premonicións, realidade e fantasía na mellor liña do imaxinario e da ideosincrasia galega trasladada á Grecia e ao oráculo de Delfos e ás mensaxes que nos chegan do Alén, por exemplo.

O espazo físico da Grecia xeográfica e o espazo simbólico que a rodea, o simbolismo relixioso (deuses e sacerdotisas), a mitoloxía (heroes e heroínas). 

O canon de beleza, o equilibrio, a busca da perfección dos arquitectos clásicos, para escultores e ceramistas... todo ten cabida nesta novela xunto as sentenzas, os aforismos e as citas no comezo de cada capítulo.



Outro valor a destacar é a linguaxe, un rexistro culto, un léxico rico non só polos helenismos senón tamén pola selección do léxico galego, os xiros idiomáticos e as frases feitas, os galicismos que apuntan a un autor que domina o rexistro literario e síntese moi cómodo no seu emprego.




Moi recomentable para o alumnado de 1º de bacharelato e para traballar interdisciplinarmente en Grego, Plástica, Matemáticas, Filosofía, Historia da Arte e Lingua Galega.