27 de novembro de 2018

"Testigos de la verdad" de Aarón Fontán Alonso



 


Con só 17 anos, Aarón preséntanos a súa primeira novela "Testigos de la verdad", unha obra que acubilla acción, amor, amizade, solidariedade coa humanidade e uns grandes anseios de verdade e liberdade; parecen moitos temas para unha novela pero ao longo das súas 350 páxinas o escritor novel sabe conducirnos con gran axilidade por todos eles.

Un mundo nun futuro 300 anos máis aló, Europa destruída e unha América do Norte dominada pola tiranía. Protagonizada por un mozo adolescente de dezaseis anos, Tristán é apoiado polas súas incondicionais amigas Sara e Thalia; a novela levaranos polo camiño da loita pola liberdade e a verdade. Combinando futurismo e fantasía, nun mundo tecnoloxicamente avanzado pero corrompido polo desexo de poder e dominio, lémbranos a outra novelas xuvenís do xénero como "Los juegos del hambre".

O noso protagonista, Tristán é sensato e ousado, intelixente e sensible, sabe convencer das súas ideas libertarias e sabe amar á súa parella, ás súas amigas, á familia; combina as cualidades do heroe e do adolescente idealista pero cos pés na realidade, representa os valores do lider. 

A historia que se nos relata en "Testigos de la verdad"é trepidante, é tenra e romántica; acción e amor son quizais os elementos destacables da trama á par das reivindicacións de liberdade para gobernarse, para amarse, para obter unha igualdade económica na sociedade, para decidir.

O ritmo narrativo é moi rápido, non hai case descricións (pequenas pinceladas para ubicarnos nos lugares e ambientes) predominando os diálogos e a narración, a acción como elemento principal.

Identificamos aos personaxes nos seus roles narrativos por como actúan e polo que din ( son moi significativos por exemplo os discursos de Tristán). Exércitos en loita contra os propios cidadáns son presentados con trazos negativos fronte os positivos representados por Tristán, as súas amizades e familia, polos seus colaboradores.

Resúltannos tristemente familiares co noso mundo actual os discursos dos dirixentes das potencias (falsos e manipuladores), a historia falseada polos réximes dictatoriais, os avances tecnolóxicos utilizados para o control dos cidadáns... datos que conforman un relato pois dun futuro que non mudou as prácticas incorrectas e inxustas do presente.

A axilidade narrativa, os combates, as esceas amorosas, a amizade... de seguro van namorar a un público xuvenil desexoso de devorar aventuras con fondo, con un pouso na realidade.

Finalmente destacamos unha linguaxe correcta, cun vocabulario rico e adecuado ao lector; a sintaxe é sinxela, os períodos breves que facilitan a lectura e o avance rápido desta.

Sabemos que esta novela vai conquistar a moitos lectores xuvenís os cales vanlle pedir a Aarón que nos escriba unha segunda parte. Parabéns pois, para este escritor de curta idade pero coa mochila chea de grandes e fermosas historias.

4 de novembro de 2018

A FILLA DO MINOTAURO de MARILAR ALEIXANDRE.


"... o fundamental das historias é que sexan ben contadas. Que sexan inventadas ou verdadeiras non é o máis importante..."

E abofé que esta "historia de historias" está moi ben narrada. Cun título ben suxerente A filla do Minotauro, a autora ábrenos as portas á realidade e á fantasía, ás historias novas e ás historias moi vellas (de alá, da antigüidade), achéganos a personaxes creados e personaxes recreados,  a espazos do imaxinario grego e a espazos da Sicilia actual; todo ten o seu lugar neste fermoso relato de aventuras, de loitas pola xustiza e pola igualdade, esas loitas que, coma se cita no comezo da obra, aínda perdidas cen anos antes de comezalas non hai razón para non desenvolvelas.


Uns tempos e uns personaxes que se entrelazan na urda que ben podería ser a do tecido de Penélope, un cantar de cego que nos leva e nos trae do pasado remoto ao pasado máis recente, un periplo que semella un fermoso paseo pola xeografía siciliá e polas lendas de deuses e seres míticos, polas páxinas creadas por Homero (ou por unha muller siciliana) e aventuras, as aventuras de Miranda e Antelmo que loitan por preservar o legado, o legado da literatura oral, da arte e da ciencia contra a sempre cruel mafia siciliana.

Acción, narración e a fermosura da palabra, envólvennos desde as primeiras páxinas desta novela, para xoves e máis para adultos, na que se nos transmite a herdanza do aedo, do matemático, do historiador, con gran didactismo.

O valor da tradición literaria clásica, o amor e o respecto pola memoria, a feminidade e o feminismo son tamén trazos que nos enriquecen ao ensumirnos en "A filla do Minotauro".

Unha gran novela na que desfrutamos ao tempo da arte da palabra tecida con mestría por Marilar Aleixandre e do costume tan de noso como son as historias ben contadas.

 Imaxe relacionada
( Imaxes: "Ícaro en el corazón de Dédalo" de Gabriel Pacheco e "La fragua de Vulcano" de Velázquez)