11 de maio de 2017

TRANSformando o mundo: "22 segundos" de Eva Mejuto (presentación da obra e testemuño de Marcos Ceive).







Esta mañá tivemos unha actividade na biblioteca que nos ensinou o muito que aínda ten que mudar este mundo no que convivimos,  que serviu para reflexionar sobre a intolerancia, constatar que nos rodea (mesmo ás veces sen que sexamos conscientes dela) e que busca que espertemos e reaccionemos en contra. 

Todos tiñamos escoitado nos medios de comunicación sobre as persoas "TRANS" pero hoxe da man das palabras escritas por EVA MEJUTO, autora do libro "22 SEGUNDOS" e co testemuño de MARCOS CEIVE que vive en primeira persoa esa intolerancia da que falabamos, hoxe sentimos e vivimos con eles como sofre unha persoa que nace nun corpo diferente á súa identidade sexual; fomos Alex (protagonista de "22 segundos"), fomos Marcos e fixemos nosas as súas cicatrices.

" Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro. Comezou a transpirar unha suor fría que lle escorregou polas costas ata o van. Xa non había marcha atrás. Estaba decidido. (...) Eh... Mmm... Non sei por onde empezar. Polo principio, que diría o avó. Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Moito máis que falarlle a xente coñecida. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo."



Eva e Marcos aportáronnos toda información para coñecer como debemos actuar e tratar ás persoas TRANS, como sensibilizarnos coa súa opción, aprendemos a respectar e non mirar ao outro lado ante a intolerancia.

Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación. Moitas e moitos quedaron no camiño e outros marcharon, cambiaron de lugar para viviren unha nova vida, empezando de cero. Eu non quero fuxir a ningún sitio, quero vivir coa miña xente, no meu barrio, no meu país."


Agradecemos a Eva e a Marcos a súa xenerosidade ao compartir a súa intimidade connosco, ao Concello de Pontevedra que posibilitou este encontro e a tod@s os presentes porque sabemos que desde hoxe imos ser máis respectuosos e tolerantes.

Marcos, Eva,  a porta do noso club de lectura sempre estará aberta para que nos acompañedes e que nos axudedes a transformar o mundo.



Recomendámosvos a lectura da obra "22 segundos" de Eva Mejuto; de seguro que tod@s os lectores do noso club de lectura xa están desexando ter a lectura nas mans. 

(Fotografías de Beatriz Ciscar)


Ningún comentario:

Publicar un comentario