Recuperamos nesta obra ao Marcos Calveiro de Festina lente ou de Settecento, o contador de historias que con arte sabe tecer fíos entre a realidade e ficción creando novelas que ao tempo desfrutamos e coas cales ampliamos os nosos coñecementos en literatura, en pintura, en historia... o Marcos Calveiro que namorou á rapazada con O pintor do sombreiro de malvas.
O xardineiro dos ingleses traslada ao lector á Vilagarcía da Primeira Grande Guerra (1911 en concreto) e paséanos pola vila con gran minuciosodade ao par que nos relata a historia de Delia e os seus amigos James e Frizt (unha moza galega, un soldado alemán e un soldado francés en época de guerra mundial en Arousa Bay).
A descuberta do autor-personaxe-narrador dunha noticia nun xornal sobre a distinción británica a un veciño de Cea serve a Marcos Calveiro para tirar do fío narrativo e desenvolver a trama; este narrador-escritor-personaxe alterna cun narrador omnisciente para crear o nobelo entre o presente e o pasado, a historia de Delia e Edelmiro e a súa propia historia actual na pescuda de respostas ante a insólita distinción do goberno inglés.
Unha novela moi ben documentada en canto ás ubicacións espaciais onde acontece a trama (en gran parte da novela predominan a descrición e os datos sobre a acción e os diálogos) e en canto aos datos históricos e localizacións temporais (un arousán pode aprender con este libro moito da propia historia).
Un triángulo amoroso, aventuras, costumes, un fermoso retrato da Arousa, o amor filial de Edelmiro, a vinganza, a lealdade... mesmo historias de espias van conformando esta novela: " A Armada alemá xamais se rende (...) a inglesa tampouco (...) é o noso destino enfrontarnos sempre... " e o destino e os homes, as guerras dos homes marcarán as vidas de Delia e o seu fillo Edelmiro.
Na cuarta parte, Cinza do mar, encontrámonos cun personaxe moi especial, o mesmiño Federico García Lorca visita a Arousa coa súa compañia teatral, A Barraca, e o seu encontro con Edelmiro achegaranos á obra do poeta. Mais non é Lorca o unico personaxe ilustre que nos visita en O xardineiro, na praia atoparémonos co gran pintor Sorolla que ao seu modo tamén participará na trama.
Na quinta e sexta partes Calveiro nos achega á nosa Guerra Civil, recuperando a Memoria Histórica que tan necesario é, os asasinatos, abusos e represións denúncianse tamén nesta historia.
É pois, O xardineiro dos ingleses, unha novela moi completa, ben artellada a trama,documentada, cunha linguaxe clara e rica, que agradecerán todos e todas as arousás e por suposto os fieis seguidores da obra narrativa de Marcos Calveiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario