4 de novembro de 2018

A FILLA DO MINOTAURO de MARILAR ALEIXANDRE.


"... o fundamental das historias é que sexan ben contadas. Que sexan inventadas ou verdadeiras non é o máis importante..."

E abofé que esta "historia de historias" está moi ben narrada. Cun título ben suxerente A filla do Minotauro, a autora ábrenos as portas á realidade e á fantasía, ás historias novas e ás historias moi vellas (de alá, da antigüidade), achéganos a personaxes creados e personaxes recreados,  a espazos do imaxinario grego e a espazos da Sicilia actual; todo ten o seu lugar neste fermoso relato de aventuras, de loitas pola xustiza e pola igualdade, esas loitas que, coma se cita no comezo da obra, aínda perdidas cen anos antes de comezalas non hai razón para non desenvolvelas.


Uns tempos e uns personaxes que se entrelazan na urda que ben podería ser a do tecido de Penélope, un cantar de cego que nos leva e nos trae do pasado remoto ao pasado máis recente, un periplo que semella un fermoso paseo pola xeografía siciliá e polas lendas de deuses e seres míticos, polas páxinas creadas por Homero (ou por unha muller siciliana) e aventuras, as aventuras de Miranda e Antelmo que loitan por preservar o legado, o legado da literatura oral, da arte e da ciencia contra a sempre cruel mafia siciliana.

Acción, narración e a fermosura da palabra, envólvennos desde as primeiras páxinas desta novela, para xoves e máis para adultos, na que se nos transmite a herdanza do aedo, do matemático, do historiador, con gran didactismo.

O valor da tradición literaria clásica, o amor e o respecto pola memoria, a feminidade e o feminismo son tamén trazos que nos enriquecen ao ensumirnos en "A filla do Minotauro".

Unha gran novela na que desfrutamos ao tempo da arte da palabra tecida con mestría por Marilar Aleixandre e do costume tan de noso como son as historias ben contadas.

 Imaxe relacionada
( Imaxes: "Ícaro en el corazón de Dédalo" de Gabriel Pacheco e "La fragua de Vulcano" de Velázquez)

Ningún comentario:

Publicar un comentario