Galicia é terra de vento e "os camiños do vento" traen ata nós a dous pequenos fuxindo da guerra, do medo, da fame, da soidade.
Noutros tempos os galegos e as galegas fomos polo mundo buscando unha vida mellor, agora son outros e outras os que chegan ata nós desde os confíns do mundo, e debemos ser solidarios, acollelos con amistade e cariño; esta é a mensaxe que nos transmite esta novela de Xavier Estévez a través do relato que nos narran, alternativamente, dous mozos galegos, Lucas e Sara.
Non podemos vivir illados, as fronteiras rómpense e desaparecen e unha chea de persoas percorren os camiños coa esperanza e o medo nos seus rostros; Yaram e Aisha atravesan media Europa ata a fin do mundo, Galicia, e nun porto de mar innomeado(que podería ser calquera pequena vila costeira galega) procuran unha vida en liberdade.
Unha novela para lectores a partir de 11 anos pero que pode ser lida por todos e todas pola fermosa historia de vida que relata, unha lección de solidariedade, un retrato da nosa realidade de cada día, un realidade que é para moitos e moitas moi cruel e a quen non lle podemos dar a espalda.
Destaca nesta novela a delicadeza no tratamento do tema, a riqueza no punto de vista grazas á alternancia de narradores (Lucas e Sara), ambos en primeira persoa e protagonistas, a contrución duns personaxes (Yaran e Aisha, as familias, o profesor...) moi verosímiles e cos que desde o comezo da novela sentimos empatía, a caracterización dos ambientes (no porto, na escola, nas casas).
Unha historia de lectura áxil, cunha linguaxe coidada e sen complicacións.
Un relato do noso mundo do século XXI, do bo e do malo, unha reflexión sobre a solidariedade e o acollemento, que nos vai axudar a escoller o noso propio camiño, porque como se di na novela "A vida enteira é unha viaxe. Unha aventura" e non sabemos onde nos levarán "os camiños do vento".
Ningún comentario:
Publicar un comentario