Ana Romaní acompañada polo seu editor, Antón Lopo, e acompañada por Susana Trigo presentaron na mañá de onte o seu último poemario "A desvértebra" na Libraría Paz de Pontevedra.
Para Antón Lopo, a poeta Ana Romaní é unha activista da propia poesía como transformadora da sociedade e nesta obra hai unha proposta de ironía, para Susana Trigo busca sacar a poesía do libro.
A desvértebra conxuga o texto co son, é un libro que toma unha dimensión diferente na súa oralidade, o poema coma escoita lectora e a escoita dálle unha nova dimensión ao poema.
Nas audiografías de Chus Silva e Ana Romaní, que acompañan a moitos dos poemas na rede, búscase a voz e o espazo exterior para o poema e ver como soa, non hai imaxe que o ilustre, trátase de oír, recuperar a oralidade da poesía.
Para Ana Romaní o libro é durísimo cun punto de ironía paródica que o libera, ten un final de apertura, reparador, de esperanza, de confianza no outro, do rozamento co outro.
Hai no poemario unha posta en cuestión dun sistema, a desvértebra, a descomposición, así no poema Arizona está a idea da simbiose e a colaboración, a sombra do ourizo é a nosa sombra e os ollos do verme son o noso verme.
O silencio (os espaxos en branco) procuran a respiración do poema, da páxina, procúrase levar o silencio ao que le. Están presentes tamén no poemario versos que se cortan, que se desprenden, todo está a caer.
Nesta obra hai algo de xogo irónico co lector (os apuntamentos a pé de páxina), hai algo de esculca, de investigación ("cando escribo non son consciente do que fago ata que o leo" di a poeta).
Un fermoso poemario cheo de sonoridade, de aliteracións, no que os xogos de palabras, o uso dos campos léxicos, as oposicións de termos, as anáforas, as ennumeracións curtas, xeneran unha musicalidade que escoitamos omnipresente en todos os poemas. O reto dunha lectura sen as directrices dos sinais de puntuación que favorece que cada lector escoite a súa propia melodía ao lelos.
Os esqueletes, os ósos, a vértebra e a desvértebra, os vermes as amebas, a presenza dos elementos da natureza, a dor e o corpo, o telúrico... vannos guiar por un mundo en descomposición ata que en "o xiro" poidamos atopar a esperanza na liberación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario