17 de maio de 2021

SIBILA de Rosa Aneiros.

 


Esta nova entrega de Rosa Aneiros para adultos, desde hai case dez anos sen publicar para este tramo de idade, achéganos a un mundo de ficción, o da Illa que pode semellar situarnos no futuro mais as claves que a definen ben poderían ser dun presente; como ben se di na contracapa da novela nela todo é ou non é, coma nun xogo de espellos que refliten a ficción á par que refliten a realidade,o mundo cotiá dos seres que habitan a Illa, a súa natureza e o seu mundo interior, o da protagonista, Sibila e a dos outros e outras.

O vento, a tempestade, a choiva, os lóstregos... son omnipresentes, expresan a ímpeto, a forza dos elementos e expresan as desacougantes vidas interiores e íntimas dos personaxes, a natureza que se revolve contra os feitos, contra a memoria, contra os medos, as xenreiras e as vontades.

Con Sibila coñecemos, nun imparable adiante e atrás, pensamentos, sentimentos, desexos, frustacións... os da protagonista e os das personaxes e vaise tecendo pouco a pouco a historia como unha tea, coma se dun quebracabezas ao que lle faltan pezas se tratase e que só se completará na parte final da novela. Con Sibila tiramos do fío do vestido de Amalia, comeremos o pan da fornada de Fina, veremos os lenzos de Aldara... envolveitos no urdido, da trama de Sibila.

Ornamentada a prosa con fragmentos moi líricos e descritivos que nos presentan os ambientes arrequecendo a linguaxe da novela, cunha chea de topónimos que reivindican a importancia do espazo na obra, os alcumes que identifican ou esconden as identidades, cun léxico moi saboroso, a lectura de Sibila envólvenos desde o comezo polo espazo case mítico que se nos presenta, pola forza interna dos personaxes e polo insospeitado dos acontecementos.

Unha novela intensa e suxerente que provoca no lector meditacións e inquedanzas arredor da idea do mundo que estamos a construír, que favorece a reflexión e a deliberación arredor do futuro da humanidade, da ética, do estado do benestar para todos e todas os que habitamos este mundo, Sibila, ambas, a novela e a a personaxe, incitará aos lectores e lectoras a meditar sobre a nosa condición de humanos ou inhumanos.

18 de abril de 2021

A desvértebra de Ana Romaní.

 


Ana Romaní acompañada polo seu editor, Antón Lopo, e acompañada por Susana Trigo presentaron na mañá de onte o seu último poemario "A desvértebra" na Libraría Paz de Pontevedra.

Para Antón Lopo, a poeta Ana Romaní é unha activista da propia poesía como transformadora da sociedade e nesta obra hai unha proposta de ironía, para Susana Trigo busca sacar a poesía do libro.

A desvértebra conxuga o texto co son, é un libro que toma unha dimensión diferente na súa oralidade, o poema coma escoita lectora e a escoita dálle unha nova dimensión ao poema.

Nas audiografías de Chus Silva e Ana Romaní, que acompañan a moitos dos poemas na rede, búscase a voz e o espazo exterior para o poema e ver como soa, non hai imaxe que o ilustre, trátase de oír, recuperar a oralidade da poesía.

Para Ana Romaní o libro é durísimo cun punto de ironía paródica que o libera, ten un final de apertura, reparador, de esperanza, de confianza no outro, do rozamento co outro.

Hai no poemario unha posta en cuestión dun sistema, a desvértebra, a descomposición, así no poema  Arizona está a idea da simbiose e a colaboración, a sombra do ourizo é a nosa sombra e os ollos do verme son o noso verme.

O silencio (os espaxos en branco) procuran a respiración do poema, da páxina, procúrase levar o silencio ao que le. Están presentes tamén no poemario versos que se cortan,  que se desprenden, todo está a caer.

Nesta obra hai algo de xogo irónico co lector (os apuntamentos a pé de páxina), hai algo de esculca, de investigación ("cando escribo non son consciente do que fago ata que o leo" di a poeta).


 

Un fermoso poemario cheo de sonoridade, de aliteracións, no que os xogos de palabras, o uso dos campos léxicos, as oposicións de termos, as anáforas, as ennumeracións curtas, xeneran unha musicalidade que escoitamos omnipresente en todos os poemas. O  reto dunha lectura sen as directrices dos sinais de puntuación que favorece que cada lector escoite a súa propia melodía ao lelos.

Os esqueletes, os ósos, a vértebra e a desvértebra, os vermes as amebas, a presenza dos elementos da natureza, a dor e o corpo, o telúrico... vannos guiar por un mundo en descomposición ata que en "o xiro" poidamos atopar a esperanza na liberación.


10 de abril de 2021

Susana Sanches Aríns presenta SuperUlex na libraría PAZ.

 


"Quixen escribir un libro onde houbera rapaces e rapazas que non se conformaran, que se revolveran ante as inxustizas" comenta Susana Sanches Aríns a creadora de SUPERULEX.

Pensar moi ben o que é a xustiza e o que é a vinganza é unha das reflexións que pairan pola novela: Clara, SuperUlex ten superpoderes e un mal uso destes pode levala da xustiza cara a vinganza; o superpoder da forza é moi perigoso e Clara ten que evitar caer no abuso.

Mais entre todos os superpoderes o máis forte é o da incomodidade, o de facer sentirse incómodo e Clara co seu disfraz rompe a comodidade no seu centro, fai espertar e reccionar aos compañeiros e compañeiras, e aos adultos; ata que me incomodo non me posiciono para mudar as cousas: Que pasaría se no noso centro aparecera unha alumna disfrazada de superheroína???

Realmente o poder de Clara é posicionarse, enfrontarse ás adversidades, ao que non lles gusta nin a ela nin aos amigos, amigas, compañeiros e compañeiras.

 


Ambas as protagonistas de SuperUlex Clara e a bis Rorita saben moito de posicionarse para  mudar o mundo, e vós????

 

( Fotografía de Helena Torres. Libraría Paz).




6 de decembro de 2020

VELENO DE TINTA IMPRESA de Xosé A. Neira Cruz.

 


 

Con este título tan suxerente, unha tinta impresa (a do xornal) que cativa e namora coma un veleno facéndose imprescindible e enchendo as horas vitais de Elvira Morales (a protagonista desta novela), chéganos esta nova publicación de Xosé A, Neira Cruz.

A medio camiño entre a crónica ( que non é porque non relata os feitos cronoloxicamente, de feito conta a historia en flash back ), a novela histórica (un retrato dunha época, dunha sociedade, dunha cidade – A Coruña- a principios do século XX, un mes de 1909), a obra literaria e xornalística (cunha importante aportación de datos – sobre o desenvolvemento da prensa e sobre o proceso de publicación da mesma- moi ben documentados, xa que logo está escrita por un xornalista) navega esta nova publicación do narrador.

Ao longo dun mes, cun tratamento temporal orixinal - comezo no remate da historia ( un capítulo), unha vista atrás (varios capítulos), unha nova incrusión no final (un capítulo) para regresar logo ao pasado (varios capítulos) e definitivamente ao final (un capítulo)- Neira Cruz relátanos a historia de Eva Morales, muller que reivindica o seu dereito a exercer unha profesión que ama, a de xornalista, nun mundo de homes nos comezos do século XX. Un contexto social e histórico moi realista: a oposición feminina dunha sociedade rancia, freando á liberación da muller, as reivindicacións das rapazas novas, estudiadas e feministas de ideoloxía, grandes e sonados personaxes da época compoñen un cadro moi completo de como respiraba e bulía a sociedade coruñesa dos primeiros anos do século XX.

Moi interesante resulta a descrición detallada do funcionamento estrutural e mecánico dun xornal da época, o emprego dos primeiros linotipos, a chegada das noticias á redacción, as probas de edición, a publicación, horas e horas emocionantes para Elvira e a súa compañeira Herminia; o traballo de recollida das novas, as entrevistas ( a quen, o porqué, o como, o cando, o onde... moi na liña das características dos textos xornalísticos) son os fíos que van tecendo a historia da protagonista.

Esta novela que recibiu o premio Ánxel Fole de Narración Curta 2019, é unha clara homenaxe aos homes e mulleres (destacadamente as mulleres) que a principios de século publicaban os xornais con moito esforzo e dedicación, que de certo amaban o seu traballo (o veleno) que pintaron con palabras e tinta o cadro social e a crónica de sucesos dun momento histórico.

 

A obra ten tamén o valor engadido de que polas súas páxinas camiñan personaxes de moita sona no momento como Emilia Pardo Bazán, o Príncipe Alberto de Mónaco, Carolina Otero “ A bela Otero”, Filomena Dato, a familia de Rosalía... que daquela tiñan presenza na crónica social, literaria e cultural da cidade.

(A escritora Marga do Val recolle na súa obra Carolina Otero os amores entre a Bella Otero e Alberto de Mónaco (pax. 107) biografía da artista que sería de moi interesante lectura para contextualizar a de Neira Cruz, ambas en clave feminina). 

 
 

Unha novela moi ao gusto dos amantes da historia dos medios de comunicación en papel, da crónica social e das curiosidades sociais, de lectura rápida e doada que nos traslada a un mundo moi ben retratado.



5 de decembro de 2020

"A MEMORIA DOS PAXAROS" de Teresa González Costa.

 


 

Simbolismo, mitoloxía e defensa do medio ambiente están moi presentes nesta novela de Teresa González da que de certo vai desfrutar un público xuvenil, que logo de lela, sentirase moito máis concienciado dos problemas que o noso habitat natural ten que afrontar hoxe en día para sobrevivir, e sobre todo os paxaros que son os protagonistas realmente desta narración.

Esta obra ten todos os elementos precisos para conquistar á nosa rapazada: unha historia de paxaros e humanos en clave mitolóxica, unha ficción mesturada coa realidade arredor da contaminación que pouco a pouco, inexorablemente, fai desaparecer día a día moitas especies avícolas que poboan o mundo natural.

Celeste, o seu amigo Marcos e un enigmático rapaz sen nome serán os encargados, xunto coas aves, de salvar ao pobo dos primeiros dun desastre ecolóxico que moito nos vai lembrar a recente catástrofe do Prestige nas nosas costas, cando o chapapote o inundou todo provocando a morte de animais mariños, aves... e da cal aínda non nos recuperamos.

Unha novela de lendas, de narracións orais, de acción, que nos vai pór en alerta de novo (cando xa esqueciamos o berro do “Nunca Máis”) para levantarnos e loitar pola conservación das especies e dos espazos naturais tan marabillosos do noso país.

A recuperación da MEMORIA “en feminino” tamén está presente nesta obra, a conservación da tradición oral transmitida de “nais a fillas” xeración a xeración; neste caso é a nai de Celeste a que lle vai narrando historias, “a memoria dos paxaros”, e a moza vai gardar coma un tesouro estas lendas, estes mitos cando a nai xa non a acompañe.

29 de novembro de 2020

"Velloucas e minchas" de Lorena Conde.


 

O terceiro Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil foi concedido por un xurado lector, sen dúbida, á novela de Lorena Conde, Velloucas e minchas que agora publica a editorial Cuarto de Inverno con ilustracións na portada de Blanca Vila.

A trama, unha aventura de verán moi achegada á nosa realidade, unha fermosa e tenra aventura que transcorre durante a visita que Sofía lle fai nas vacacións á súa avoa.

As nosas superheroínas nesta historia son as “velloucas” (a avoa, Lita e Gloria) e as “minchas” (Sofía -quen narra a historia xunto a un narrador omnisciente- Gabri e Antón), un gran equipo para loitar contra as inxustizas, para loitar pola igualdade e a inclusividade.

A lectura da novela transmite valores moi positivos: a solidariedade, a amizade, a importancia da familia, a inclusividade, a diversidade sexual, á volta ao mundo rural, a substantibilidade a través da agricultura, o desfrute das festas -tan de noso- como punto de encontro da veciñanza... e a omnipresenza do humor, a ironía, o gusto retranqueiro tan galego apoiado na linguaxe polos ditos, as frases feitas moi ao uso do galego cotián.

Desde o comezo sentimos empatía por Sofía (no “desterro” polo “suceso”...) mais a autora pon en valor a grandeza da terceira idade coas ricas personaxes da avoa e de Lita e Gloria, da terceira idade pero activas, acordes cos tempos (conectadas a interné, ao móbil), respectuosas e amables, agarimosas coa rapazada.

Os acontecementos encadéanse cun ritmo rápido que se nos inxecta en vea e non permite que abandonemos a lectura: personaxes novos, accións, acontecementos... vannos enganchando para coñecer máis en profundidade á sociedade de Veigamoa, os bos e os malos, os diversos, os tolerantes... e pouco a pouco, os lectores xa nos sentimos máis da vila, no seu día a día, mesmo bailando ao son da música das orquestras na verbena ou na sesión vermú das festas de verán.

A posta en valor das personaxes da terceira idade (que me achegaron de novo á marabillosa Rorita, a bisavoa de Clara en SuperUlex de Susana Aríns) á súa sabedoría, a calor e a tenrura que transmiten estas personaxes femininas que pensabamos perdidas e que gratamente volven estar presentes na historias da literatura xuvenil, que se visibilizan na actualidade e na modernidade, nas súas palabras, afeccións e modos de vivir, son fundamentais para recuperar un grupo socialmente... “esquecido”, “abandonado”, “minusvalorado”?

E a linguaxe, as escollas léxicas, os xiros, os ditos e frases feitas, as onomatopeias enriquecen a historia dándolle un ritmo áxil, vivo, coloquial nos diálogos e conversas dos personaxes pero moi rico na súa selección e uso, espontánea e ao tempo divertida.

Un pracer poder achegarse e gozar desta novela de Lorena Conde, moi recomendável de certo.

 Superrecomendable para un club de lectura a partir de 12 anos.



26 de outubro de 2020

As xeografías en verso de Alba Cid: "Atlas"


 Os ciclos poético-xeográficos estruturan Atlas, poemario primeiro de Alba Cid, un percorrido polos seis continentes (europeo, africano, americano, asiático, de Oceanía e Ártico) e un ensaio/ -s ("a tersura conta unha historia de ambicións delicadas") son as partes que o compoñen. Os lugares, a flora, as tradicións, os animais, a memoria... acompáñánnos nesta singradura en verso arredor do mundo sen abandonar o pouso e a visión dos elementos propiamente galega.

Musicalidade e sonoridade das palabras e dos sons, a voz poética lírica, descritiva e narradora ao tempo (das imaxes, das paisaxes, das cores, das sensacións, dos sons) pairan nos versos e acompáñannos nesta pracenteira viaxe polos ciclos xeográficos. Os tupiláns, as camelias, as garzas, as barcas, as pinturas en teas de araña, as columnas de palabras ("para recibir cargas, protexer o trenzado dos nervios, relatar en espiral..."), as cartas de nevegación ("todas as cousas se desprazan")... son eixes e motivos da nosa viaxe por Atlas.

As historias apócrifas, a memoria e os sentimentos arroupan o eu lírico do poemario, a lectura dos versos  transmite harmonía, suxire movemento, delicadeza;en Atlas fálanos a historia, a cultura, a natureza, os antergos e a sabedoría cal pinceladas dunha pintura, notas dunha partitura en palabras que incitan a ser admiradas e gozadas.

As referencias culturais en xeral e as literarias en particular deixan a súa pegada profunda nos poemas de Alba Cid, camiños bordados con palabras que nos conducen polo mapa do corpo ( "levo garzas simetricamente opostas sobre o peito") cara o noso destino lector: o desfrute dos versos de Atlas.


24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO .


Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

 

 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.


Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.




 

 Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade.