27 de novembro de 2016

Encontro lector en Librería Paz


club-de-anxos-7-copy


 No día de onte os alumnos e alumnas do club de lectura de 4º de ESO C e D e a súa coordinadora tivemos o pracer de ter o noso encontro lector co escritor e editor Francisco Castro para compartir ideas e comentarios sobre o seu libro "Tes ata as dez" e nesta ocasión mudamos de espazo e fomos ata o delicioso marco da Librería Paz. Rodeados de libros, falamos co escritor da súa obra, dos personaxes, da trama, do marco histórico mais tamén da vida, da situación das mulleres na sociedade (na franquista da novela e na actual) e da importancia da lectura para aprender a pensar.

club-de-anxos-12-crop-copyclub-de-anxos-2-copy


Os chic@s puideron compartir co autor as súas opinións sobre a obra e aclarar moitas preguntas arredor da mesma. As  respostas de Francisco Castro foron densas, amables e soubo achegarse ás inquedanzas dos adolescentes, aconsellalos e compartir con eles. 







Logo do encontro, grazas a amabilidade de Librería Paz, puidemos visitar os fondos de Banda Deseñada e Manga, literatura fantástica e literatura xuvenil, curioseamos, falamos de lecturas, ulimos e tocamos os libros ... un pracer facelo en boa compañía.

 Encontro lector na Libreria Paz on PhotoPeach



Fotografías de Helena, Librería Paz.

Reproducimos agora un artigo do autor sobre a novela:

O FRAGMENTO MÁIS CITADO DE ‘TES ATA AS 10’

FRANCISCO CASTRO·

XOVES, 16 DE MARZO DE 2017

En todas as novelas hai un fragmento que, polo que sexa, ás lectoras e lectores lles gusta especialmente. Este que aquí vos deixo é sen dúbida o máis citado, fotografado, compartido... É un dos textos que Toni, o protagonista da novela, atopa e que escribiu seu pai.
 
“As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber –téñoo oído así un cento de veces- murmurios que provocan furados no medio do peito polo que vai entrar, e aniñar, un monte de delicia.
Dicía Wittgenstein que as palabras son figuras da realidade. Dicía Nietzche que se queriamos entender algo había que investigar a orixe das palabras que usamos para nomear as cousas. Sei que as dúas ideas son certas. Nacemos, e o que nos chega do exterior son, ademais de tactos, sabores e sensacións térmicas, palabras, fonemas que aínda non comprendemos -hai quen pasa pola vida e nunca os comprende-, pero arrolan ou desesperan. Namorándonos das palabras. Lemos libros procurando as palabras que nos leven a mundos máis afastados, ao País das Marabillas de Alicia. Algúns náufragos constrúen illas de palabras e aí son os Reis Magos do universo, bufóns e poetas, cíclopes dun só ollo feito de semánticas que saen quen sabe de onde. Palabras, verbas, as miñas, nesta fala de ceo, salitre, chuchameles, alacráns, montañas, leite de vaca, preamar, lueiro, fentos, aloumiños, corazón, pel, poros, mamilas, chocolate, beixos ás agachadas nun bar que ese serán abriu só para ti e para min. Coas palabras dígoo todo. Coas palabras doulle corda ao reloxo do planeta. Coas palabras sento nas nubes, mergúllome no teu escote e navégasme entre as coxas. Palabras. Estou feito de palabras. Morarei e morrerei dentro delas, ben tapado, espero, por unha ortogramática corpórea de pel amada.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario