" A liberdade é complicada, doe, xera conflitos"
” O acoso é un monstro silencioso e moi difícil de detectar precisamente
porque se agocha nas cousas máis pequenas"
O acoso entre adolescentes é o tema central desta nova novela de Andrea Maceiras; o silencio daqueles que son testemuñas desta situación convérteos en tan culpables coma os propios acosadores... Unha obra moi dura de vivir e difícil de contar, un tema tratado pola autora con grande sensibilidade e narrado con moita mestría.
"O que sei do silencio" é testemuño, resulta exemplificante, facil de ler e engaiólanos desde o seu comezo; o punto de vista narrativo innovador, a combinación dunha narradora en primeira persoa (protagonista e testemuña) coa técnica do blog (as entradas escritas pola voz narradora á par que agrupa un variado número de voces nos comentarios) enriquecen a perspectiva coa que nos presentan os feitos, conquistan aos e ás lectoras, lectores adolescentes pola introdución das novas tecnoloxías, as redes sociais tan populares entre eles e elas.
Como as caixas chinesas de Cunqueiro, esta obra encadea novela, blog e contos dun xeito doado e atractivo. Os contos marabillosos protagonizados por príncipes e princesas, sereas, animais fantásticos, cunha estrutura clásica e valor alegórico, están ligados á temática central da narración, recuperan mitos e tradicións ao tempo que rompen os estereotipos.
Unha historia moi realista xa que logo reflexa o mundo dun centro ensino que non é outro que un modelo da sociedade actual, cos seus valores e cos seus defectos.
Un final moi lírico e didáctico: todos os problemas e os erros son superables grazas á reflexión, á decisión, ao perdón.
De certo que esta novela deixará un pouso profundo nos lectores e lectoras, axudaraos a mirar máis ao fondo das súas condutas; unha obra moi necesaria para achegarnos a un problema moi grave que nen pais, nen docentes, nen a rapazada sabe como enfocar e resolver.
Con "O que sei do silencio" Andrea Maceiras volve amosarnos como, obra a obra, mellora a forza e a calidade da súa narrativa, situándoa nun dos chanzos máis altos da literatura infaltil e xuvenil galega.
Parabéns, Andrea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario