Cando as miñas queridas Raíñas Magas puxeron este libro nas miñas mans, aínda faltaban un par de días para a noite de Reis, mais nos sei se foi polo atractivo do título (bestiario científico e de Anxos!) ou pola súa fermosa e suxerente portada (a figura co libro na man e o candil na outra que aporta á luz a uns tons de escuridade) foi pois que, non fun quen de resistirme e comecei xa a lectura que veño de rematar.
(Presentación do libro en Culturgal).
Desde o inicio conquistoume a ambientación (no 1933 todo está para mudar menos o mundo rural) a vestimenta, a descricións da casa do médico, os traballos do campo descritos pola voz narradora en primeira persoa, a de Susiño o protagonista desta apaixonante historia (ese Suso que con trece anos traballa a reo antes de ir á escola, quizais unha lembranza de Balbino, o noso neno labrego).
A doenza de Suso será o desencadeante da grande aventura que vai vivir, marchar da aldea a pasar o verán nun sanatorio a carón do mar; esta estancia vai reunilo con Tila, a outra protagonista, a que lle vai descubrir o bestiario (un caderno no que os naturalistas científicos tomaban nota das súas descubertas das criaturas marabillosas que habitan o mundo, según definición da propia novela).
A partir deste momento o mundo da realidade (as vivencias dos rapaces e rapazas na colonia-sanatorio de verán) e o do marabilloso (a procura dos e das personaxes marabillosas do bestiario por Anxos Nogueirosa) van ir da man en toda a novela, entrelazándose nunha estrutura moi ben urdida. A maiores a tipografía dos capítulos ( 14 reais, 5 marabillosos, estes últimos acompañados das suxerentes ilustracións de Rivas, e 1 mixto) é diferente na realidade e no libro científico polo que o lector sempre sabe por que mundo camiña.
O tema conmove e interesa desde o primeiro ao último e inesperado capítulo e a alternancia realidade-marabilloso axudada do método científico, dálle verosimilitude a unha historia que só na apariencia é fantástica.
A linguaxe é moi adecuada por clara e precisa, cunhas pinceladas líricas de cando en vez que axudan a crear o cadro da historia.
Os seres marabillosos protagonistas no caderno científico seguen a mellor tradición dese bestiario fantástico creado no seu momento por Cunqueiro, a mistura de trazos humanos e animais, presente xa na mitoloxía clásica.
A estrutura narrativa é coherente e a expectativa que se crea nos tres primeiros capítulos introdutorios non nos decepciona, imprime tensión ao relato que invita a non cesar a lectura ata o desenlace no capítulo final.
A época está moi ben ambientada e o autor aporta datos que axudan a encadrala nesa Galicia da preguerra onde a enfermidade e a fame facían moito dano á rapazada.
As ilustracións integran harmonicamente o texto coa imaxe, aportándolle ao lector unha pintura nítida que previamente foi deseñada na súa imaxinación polas palabras do autor.
O bestario científico de Anxos Nogueirosa é pois un libro moi especial, que nos conquista pola historia fermosamente tecida por Antonio M. Fraga, que nos leva do mundo real ao sempre impactante mundo do marabilloso, ás aventuras de Suso e Tila que nos crean espectación e desfrute, do texto e da imaxe.
(Presentación do libro en Culturgal).
Ningún comentario:
Publicar un comentario