24 de setembro de 2017

CURSO ESCOLAR 2017/18: Arroupad@s coas palabras de Mª Victoria Moreno.


O noso proxecto lector vai estar arroupado este curso pola escritora Mª Victoria Moreno: a lectura das súas novelas e a investigacións sobre a súa vida e obra.

As Letras Galegas 2018 van estar adicadas a esta gran muller que viviu, creou, foi docente...  soñou nas rúas da nosa cidade.

22 de xuño de 2017

Avaliándonos

X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA



Aquí estamos, mergullándonos na grande festa da lectura que se celebrou en Compostela co gallo do décimo aniversario do programa de clubs de lectura, a X XORNADA DE CLUBS DE LECTURA.


Relatarémosvos un pouquiño do que fixemos e das actividades nas que participamos:
O noso submariño partiu de Pontevedra cunha pequena representación de todos os nosos clubs (Nubes de palabras) do IES Sánchez Cantón. Iamos un pouco nerviosos por que Alberto Freire de 1º ESO ía participar ante un auditorio de 1200 persoas (mocidade, profes e profas, asesores, mesmo políticos) conxuntamente con outras catro rapazas e da man de Óscar López nun obradoiro sobre como realizar un programa sobre libros. Levabamos preparada a nosa parte da tarefa grazas ao traballo da rapazadado club de 4º ESO C; foi unha magnífica experiencia e cónstanos que Alberto frotou na "nube de palabras" durante toda a xornada.


Rematada esta experiencia lectora, separámonos para asistir aos distintos obradoiros que se nos ofertaron: manga, dobraxe, grafitti, banda deseñada... que ilusionados estabamos cando nos reencontramos e canto nos tivemos que contar:



Un xantar de película... camións de burguers, ensaladas, churrasco, polbo, empanada... para repoñer forzas que aínda nos esperaban moitas emocións lectoras.
Retomamos as sesións co encontro de clubs de lectura, correspondeunos reunirnos con clubs de Catoira, Ferrol, Sarria, Ourense e Mos; tras unhas pequenas recicencias iniciais formamos os grupos "revoltos de clubs" e a falar de experiencias lectoras, de recomendacións... e por que será que todos ben se informaron do que comiamos nos clubs (roscas, empanadas,conguitos...):



E aínda queda maissssss? Pos si, quedaba a conferencia de César Mallorquí que nos falou de boas e de malas lecturas, da formación coma lectores, etc.

E coma todas as boas romaxes galegas, esta romaría lectora finalizou con música e baile, e con Xabier Díaz que nos axudou a ponderar o que é de noso, o que nos diferencia e identifica; non fomos quen de permanecer sentados no sillón e o corpo pediunos cantar, movernos, bailar... un fin de festa animado, eu diría glorioso para unha gran xornada lectora. 
E coma ben avaliou Alberto a actividade:


Algunhas fotiños máis, que moitas fixemos:




Grazas a todos e todas os organizadores que nos convidaron e permitiron facer realidade este soño lector.
Pois xa sabedes, coma din Sara, Angie e Esteban:



21 de xuño de 2017

Navegando polas lecturas de verán.

E vai de peixiños no mare, tedes que asociar os títulos das recomendacións de verán cos autores que aparecen ao final da publicación, moi sinxelo, tod@s son de moita actualidade e calidadeeee:

6 de xuño de 2017

Xogando coas lecturas.




O pasado martes na nosa reunión do club na biblioteca, esperábanos uha sorpresa: unha morea de sobres pechados  que no seu anverso tiñan unhas lendas e un puntiño de cores.



 Tralo desconcerto inicial  soubemos que os sobres contiñan a nosa próxima lectura que debiamos escoller despois de ler a lenda (breve adianto do argumento do libro) e decidir cal era o noso nivel lector : verde (avanzado) - amarelo (medio) - azul (iniciación).


Miramos, lemos, demos voltas e fialmente tod@s  tiñamos xa o noso sobre na man, chegou xa o momento de abrilo e descubrir cal era a lectura que seleccionaramos.


Tod@s quedamos encantados coa nosa escolla agás David pois é o lector máis avanzado do grupo e escollera unha obra de iniciación pero como estabamos na biblio tivo unha rápida solución, a profe buscoulle outra lectura para el moito máis axeitada.



Foi un xeito divertido de escoller a nosa novela.






11 de maio de 2017

TRANSformando o mundo: "22 segundos" de Eva Mejuto (presentación da obra e testemuño de Marcos Ceive).







Esta mañá tivemos unha actividade na biblioteca que nos ensinou o muito que aínda ten que mudar este mundo no que convivimos,  que serviu para reflexionar sobre a intolerancia, constatar que nos rodea (mesmo ás veces sen que sexamos conscientes dela) e que busca que espertemos e reaccionemos en contra. 

Todos tiñamos escoitado nos medios de comunicación sobre as persoas "TRANS" pero hoxe da man das palabras escritas por EVA MEJUTO, autora do libro "22 SEGUNDOS" e co testemuño de MARCOS CEIVE que vive en primeira persoa esa intolerancia da que falabamos, hoxe sentimos e vivimos con eles como sofre unha persoa que nace nun corpo diferente á súa identidade sexual; fomos Alex (protagonista de "22 segundos"), fomos Marcos e fixemos nosas as súas cicatrices.

" Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro. Comezou a transpirar unha suor fría que lle escorregou polas costas ata o van. Xa non había marcha atrás. Estaba decidido. (...) Eh... Mmm... Non sei por onde empezar. Polo principio, que diría o avó. Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Moito máis que falarlle a xente coñecida. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo."



Eva e Marcos aportáronnos toda información para coñecer como debemos actuar e tratar ás persoas TRANS, como sensibilizarnos coa súa opción, aprendemos a respectar e non mirar ao outro lado ante a intolerancia.

" Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación. Moitas e moitos quedaron no camiño e outros marcharon, cambiaron de lugar para viviren unha nova vida, empezando de cero. Eu non quero fuxir a ningún sitio, quero vivir coa miña xente, no meu barrio, no meu país."


Agradecemos a Eva e a Marcos a súa xenerosidade ao compartir a súa intimidade connosco, ao Concello de Pontevedra que posibilitou este encontro e a tod@s os presentes porque sabemos que desde hoxe imos ser máis respectuosos e tolerantes.

Marcos, Eva,  a porta do noso club de lectura sempre estará aberta para que nos acompañedes e que nos axudedes a transformar o mundo.



Recomendámosvos a lectura da obra "22 segundos" de Eva Mejuto; de seguro que tod@s os lectores do noso club de lectura xa están desexando ter a lectura nas mans. 

(Fotografías de Beatriz Ciscar)


5 de maio de 2017

Roteiro "Rúas literarias de Pontevedra".

No marco do noso proxecto de aula-biblioteca, interdisciplinar (lingua galega e matemáticas) "Rúas literarias de Pontevedra" de 4º de ESO; despois de longas xornadas de traballo desde comezo de curso ( VII fases con diversas tarefas relacionadas coa escrita,  a literatura e as matemáticas, seguindo o método de aprendizaxe ABP e  tendo como un dos obxectivos a alfabetización mediática e informacional do alumnado) , estreamos o noso roteiro literario en primicia e versión reducida (pois só durará 30 minutos e comprenderá unicamente as rúas do centro da cidade),  colaborando co Servizo de Normalización Lingüística do noso Concello e coa cadea de radio Onda Cero para celebrar o "Ben veñas Maio".



O evento será o martes día 8 de maio ás 17.30, durará 30 minutos e o percorrido comezará na rúa Castelao, para continuar polas rúas Uxío Novoneyra, Filgueira Valverde, Amado Carballo, Antón Vilar Ponte e rematar na rúa Álvaro Cunqueiro (no caso de chegar o tempo será na coñecida como praza dos músicos), todos escritores moi significativos da literatura galega dos séculos XX e XXI (materia estudo no currículo de 4º de ESO).No noso percorrido estaremos acompañados pola xornalista Susana Pedreira.


Por parte do noso centro participaremos as profesoras coordinadoras do proxecto, tres alumnos de 4º C e tres alumnos de 4º D.

A ver como nos resulta a estrea, pois o 31 de maio realizaremos o roteiro completo, todo o alumnado e teremos como broche de ouro a presentación do poemario "Terraza" de Fran Alonso e unha acción poética no parque das Palmeiras.

Audio do roteirona aula virtual:
https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanchezcanton/aulavirtual2/mod/forum/discuss.php?d=9072


Ligazón ao audio en ONDA CERO:
http://www.ondacero.es/emisoras/galicia/pontevedra/pontevedra-en-la-onda_20170510591309950cf2a1da4826eca5.html



23 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO 2017: Compartimos a celebración colaborando co IES José Zerpa de Canarias.

A celebración do Día do libro deste ano é moi especial para nós pois despois de algúns anos volvemos compartir lecturas coa comunidade escolar do IES JOSÉ ZERPA de Santa Lucía de Tirajana (Gran Canaria).


Todos os anos nestas datas a biblioteca do IES José Zerpa organiza unha lectura continuada arredor dun autor (GLORIA FUERTES) este curso e pedíronnos a nosa colaboración; coma non podemos desprazarnos a Canarias (xa quixeramos) preparamos as nosas lecturas (bilingües en castelán e galego), grabámolas e alá foron pola rede para que mañá poidan proxectalas na súa actividade.


Esperamos que en anos vindeiros ou nós ou eles poidamos compartir de novo estas lecturas, xa non virtualmente senón presencialmente.



"FELIZ DÍA DO LIBRO" para eles e elas desde Galicia... e para todos e todas os membros dos clubs de lectura, e compracémonos con este fermoso poema de ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL que acompaña ao marcapáximas co que nos agasalla este ano a ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES:  



28 de marzo de 2017

Da palabra literaria á arte da imaxe: Carmen Pernas.




Esta mañá vivimos na biblioteca unha das experiencias lectoras máis gratificantes: o encontro con Carmen Pernas, a ilustradora do libro que estamos lendo no club de lectura "Icía quere cambiar o mundo" de Fina Casalderrey.

Emocionante poder ver os orixinais das ilustracións e moi enriquecedor que Carmen Pernas, "desde hoxe e para sempre a nosa ilustradora favorita", con todo o seu cariño, nos fora relatando como foi o proceso de creación, desde a lectura do texto, as conversas coa autora, as visitas ao Parlamento de Galicia para fotografar os espazos, as primeiras probas...

Marabilloso o comezo da idea (reproducida nun papel, unha servilleta nunha cafetería...), as imaxes que a man traspasa ao papel, retoques e máis retoques, modificar, correxir, o papel de cera, as cores (os azuis do mar, os verdes da natureza, a expresión e o movemento...),  repasar o texto e ir asociando as imaxes aos parágrafos, a simbiose da palabra e a imaxe.


Unha ardua tarefa antes de obter o produto final, o libro tal e como o desfrutamos hoxe en día.

Vaia por diante o noso agradecemento a Carmen por facernos un oco no seu traballo e compartir con nós a arte da imaxe, a súa arte..