22 de marzo de 2018

"En un mismo barco", álbum ilustrado da autora mexicana MONIQUE ZEPEDA



"Pero la risa es el idioma que todos compartimos" somos iguais e somos diversos: en linguas, en cores, en paisaxes, en pensamentos e ideoloxías, en mundos... pero temos moitas cousas fermosas en común coma o riso, esta é a mensaxe que Monique Zepeda quere compartir con nós no seu álbum ilustrado "En un mismo barco".


Un libro para desfrutar da palabra e para namorarse da imaxe: as súas montaxes con pinzas de madeira, caixiñas, colares de contas, fotografías, grans de xudías, barquiñas de papel lévánnos de viaxe polo mundo aprendendo a riqueza da diversidade, da equidade, da tolerancia... e diso de ir polo mundo ben sabemos os galegos e as galegas.

As fotografías que acompañan as palabras da autora, case sentenzas sobre a igualdade que nos une suscitan en nós sentimentos, tenrura e emocións, responden a unha premisa clara: somos diversos e variados pero navegamos todos e todas no mesmo barco e para navegar precisamos do esforzo de todos e todas os mariñeiros e as mariñeiras. 

Texto e ilustración compleméntanse para chamar á reflexión "... en realidad el mundo es multicolor ", a fotografía  en sintonía co texto: múltiples pequenos personaxes de madeira de múltiples razas e múltiples miradas, a mirada de Monique Zepeda desde México. 

Escoitemos a interpretación que Noa, María, Lucas, Sabela e Nico, de 1º de ESO, fan de "En un mismo barco" :
"Moita xente pensa que os libros ilustrados son cousa de nenos pequenos, pero non sempre é así. Este libro é un gran exemplo desta teoría: nel amósase a igualdade e as diferenzas entre todos nós. Chamounos a atención a frase que di "Pero las ideas pueden ser una jaula. Y las jaulas... casi nunca son una buena idea" Tras moito cavilar, decatámonos de que simboliza as mentes pechadas, esas mentes que ao non crermos nas súas ideas, son  incapaces de aceptar as que proceden dos demais, cren que as súas ideas son sempre as correctas. Este álbum ilustrado é para nenos e para non tan nenos pois entre os adultos, as mentes pechadas abundan".




Páxina de Monique Zepeda:

http://www.moniquezepeda.com/es_ES/libros/

Ningún comentario:

Publicar un comentario