26 de maio de 2018

"O xardineiro dos ingleses" de Marcos Calveiro.


Recuperamos nesta obra ao Marcos Calveiro de Festina lente ou de Settecento, o contador de historias que con arte sabe tecer fíos entre a realidade e ficción creando novelas que ao tempo desfrutamos e coas cales ampliamos os nosos coñecementos en literatura, en pintura, en historia... o Marcos Calveiro que namorou á rapazada con O pintor do sombreiro de malvas.

O xardineiro dos ingleses traslada ao lector á Vilagarcía da Primeira Grande Guerra  (1911 en concreto) e paséanos pola vila con gran minuciosodade ao par que nos relata a historia de Delia e os seus amigos James e Frizt (unha moza galega, un soldado alemán e un soldado francés en época de guerra mundial en Arousa Bay).

A descuberta do autor-personaxe-narrador dunha noticia nun xornal sobre a distinción británica a un veciño de Cea serve a Marcos Calveiro para tirar do fío narrativo e desenvolver a trama; este narrador-escritor-personaxe alterna cun narrador omnisciente para crear o nobelo entre o presente e o pasado, a historia de Delia e Edelmiro e a súa propia historia actual na pescuda de respostas ante a insólita distinción do goberno inglés.

Unha novela moi ben documentada en canto ás ubicacións espaciais onde acontece a trama (en gran parte da novela predominan a descrición e os datos sobre a acción e os diálogos) e en canto aos datos históricos e localizacións temporais (un arousán pode aprender con este libro moito da propia historia).

Un triángulo amoroso, aventuras, costumes, un fermoso retrato da Arousa, o amor filial de Edelmiro, a vinganza, a lealdade... mesmo historias de espias van conformando esta novela: " A Armada alemá xamais se rende (...) a inglesa tampouco (...) é o noso destino enfrontarnos sempre... " e o destino e os homes, as guerras dos homes marcarán as vidas de Delia e o seu fillo Edelmiro.

Na cuarta parte, Cinza do mar, encontrámonos cun personaxe moi especial, o mesmiño Federico García Lorca visita a Arousa coa súa compañia teatral, A Barraca,  e o seu encontro con Edelmiro achegaranos á obra do poeta. Mais non é Lorca o unico personaxe ilustre que nos visita en O xardineiro, na praia atoparémonos co gran pintor Sorolla que ao seu modo tamén participará na trama.

Na quinta e sexta partes Calveiro nos achega á nosa Guerra Civil, recuperando a Memoria Histórica que tan necesario é,  os asasinatos, abusos e represións denúncianse tamén nesta historia.

É pois, O xardineiro dos ingleses, unha novela moi completa, ben artellada a trama,documentada, cunha linguaxe clara e rica, que agradecerán todos e todas as arousás e por suposto os fieis seguidores da obra narrativa de Marcos Calveiro.


26 de abril de 2018

"Querido Tomás" Cinefórum con Uxía Blanco e Fina Casalderrey.


O martes pasado participamos nunha actividade de cinefórum a partir do visionado da curtametraxe "Querido Tomás" dirixido por Uxía Blanco (a nosa querida "Sempre Xonxa" e que tamén participa coma actriz) con guión de Fina Casalderrey (a nosa benquerida narradora e mestra, que tamén participa coma actriz).

A curta é unha adaptación a partir do texto da novela Querido Tomás de Xosé Neira Vilas (que tamén participa coma actor) e trata o tema da emigración coa visión dos que aquí quedaron.



A curtametraxe realizada cun orzamento moi precario recibiu, no Festival Internacional de Cinema Independiente de Braga (Bragacine), o premio á mellor interpretación.

En palabras da guionista "Das cartas de Teresa sácase a vida das súas palabras. Hai que quedar coa esencia da novela e renunciar a feitos que acontecen nela para adaptar a obra á duración da curtametraxe".

Unha excelente adaptación que soubo plasmar na pantalla a fermosura da historia e a riqueza expresiva da linguaxe de Neira Vilas.

Todos e todas saímos encantados da experiencia e desexando que a historia continuase.

Esta actividade está enmarcada dentro da programación do Salón do Libro.







22 de abril de 2018

23 de abril, Día do libro

Mañá celebraremos o Día do libro en moi boa compañía xa que como xa vén sendo habitual colaboraremos na lectura que organiza o IES José Zerpa de Santa Lucía de Tirajana en Gran Canaria.

Os nosos vídeos este ano, son un recitado de versos de Xohana Torres pois o tema da lectura deste ano é visibilizar ás mulleres escritoras.
Ademais da nosa rapazada,este ano tamén nos acompaña na lectura a marabillosa escritora mexicana Marta García Esperón que amablemente nos agasallou cun fragmento do seu libro Mi abuelo Moctezula, polo que a colaboración deste ano é internacional. 










8 de abril de 2018

Lecturas no "Día internacional do pobo xitano"


Neste 8 de abril,  queremos solidarizarnos co pobo xitano e en especial cos adolescentes, a través das lecturas; pensamos que as palabras dos escritores e escritoras que nolos achegaron son un medio óptimo para fomentar a inclusividade dos rapaces e rapazas xitanos  na nosa sociedade en xeral e na escola en concreto.

Palabras e versos para a igualdade, para a rapazada xitana que nas súas mans, sen sabelo, posúe a marabillosa chave da integración.

http://www.gitanos.org/8deabril/

Comecemos pois coas nosas recomendacións lectoras para o Día do Pobo Xitano:
  • "Pan con chocolate" de María Victoria Moreno, a nosa escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2018 preséntanos neste relato a Adonay e a Eva, dous adolescentes, unha nena loira e paia (o pan) e un neno calé (o chocolate) unidos por unha intensa amizade que lles dá forzas para enfrontar os desprezos e o racismo na escola. Un forte temporal arrasa as choupanas do arrabalde xitano da Quenlla que ben podería ser calquera dos míserentos poboados xitanos nas nosas cidades.  Os fortes sentimentos de Eva relátannos en primeira persoa as desgrazas deste pobo.


  • "Preciosa y el aire" de Federico García Lorca en "Romancero Gitano":
Su luna de pergamino
Preciosa tocando viene
por un anfibio sendero
de cristales y laureles (...)

E Preciosa, a xitaniña de Lorca fai que o vento se levante ao seu paso, que o mar frunce o seu rumor, que as oliveiras palidezan que a enchen de medo e fana correr...
  • Reina é a moza xitana que acompaña a Miguel en "Unha estrela no vento" a primeira das novelas de Ledicia Costas; o seu falar con gheada fai dela unha linda xitaniña galega que sufrirá o machismo da súa cultura e da súa familia. De novo a amizadeentre un rapaz paio e unha nena xitana e os inconvintes do cruce de razas e culturas.
  • "Os xitanos cesteiros" que Manuel Rivas nos presenta en "A boca da terra", os "Jiménez Camacho Manuel Montoya Antonio Camacho" que foron asasinados no 1936 por unha "brigada da noite":
 Hai un son en Lians.
E u é?
Son os pés que non queren pisar
E u é?
Son as follas que caen
no oco da guitarra
Son os nenos que piden 
un biscallo azul de azar.
E u é?
Son os anxos 
que chían polo buraco das balas
polo envés do matar (...) 

  • Margot, a mellor puta do Berbés que nos achega Inma López Silva en "Aqueles días en que eramos malas" tamén é muller e xitana polo que vai sofrer o abuso e o desprezo dos seus :" Aquel día, Margot ergueuse ansiosa. Non era felicidade o que sentía. Era expectación, nerviosismo. (...) Púxerona fermosísima, coas xoias da familia, co vestido con pedrería, os zapatos de medio tacón e uns bucles brillantes  que lle caían polo lombo deixando ver anacos da súa pel morena"...no día da súa voda, e só era unha nena.  
  • José Heredia Maya, poeta xitano na súa proposta para unha danza flamenca de arcanxos moremos canta en versos:
Jaleos
¿Que es lo que ha pasao?
que los gitanitos
que se han rebelao.
¡Eso no puede ser!
¿Qué es lo que ellos quieren?
que los gitanitos
tengan pan y aceite.
¡Eso no puede ser!
Quieren además 
que todos los hombres
seamos igual.
¡Eso no puede ser!
¡Qué barbaridad!

  • En "O sono traizoeiro" (conto finés) relátase "Hai xa douscentos anos unha xitana solteira chamada Ulla vivía no pobo de Rautalampi. Todos os labregos, terratenentes e servos a coñecían e querían moito. Ulla, ao igual que os demais xitanos de Finlandia, ía de vila en vila a cabalo, da casa dunha familia á doutra" (...) Naquela época a tradición obrigaba a que, se un xitano se namoraba apaixonadamente dunha xitana e quería casar con ela, tiña que collela pola forza, raptala ou secuestrala (...) 
mal lles debía ir pois ás xitanas finesas xa que logo a súa opinión non contaba...



  • Na voz da narradora mexicana María García Esperón, cheganos esta recomendación poética do escritor asturiano Aurelio González Ovies "Entre lirios":
Casi siempre era en mayo. Cuando estaban aún 
muy verdes las ciruelas
llegaba la estación de los gitanos.
Buscaban abrigo y extendían sus trastos
y sus lonas
donde sonaba el agua y asomaban los lirios.


Vaia este pequeno botón de mostra dos moitos exemplos que podemos atopar na literatura que nos valerán para VISIBILIZAR ao pobo xitano no seu DÍA, desde "La gitanilla" de Cervantes á prosa e a poesía contemporánea.

6 de abril de 2018

Natureza e aventuras: "O torques de ouro" de Lourdes Maceiras.



Aventuras, natureza, a terra, o aire, a auga e o lume e moitos animais (algúns deles fantásticos)  acompañando aos dous rapaces protagonistas, Olalla e Xiao na procura dun tesouro, un torques de ouro.

Este torques serve a autora, Lourdes Maceiras para facer realizar ao lector unha fermosa viaxe con Olalla e Xiao na que a súa procura se traducirá na búsqueda do coñecemento; a flora e especialmente a fauna cobra voz e protagonismo: toupas, bolboretas, lucecús, osos, pequenos vermes... todos eles amables, sabios e divertidos colaboran nesta viaxe polos elementos, por terra, mar e aire para lograr o tesouro.

Sabemos que "non hai tesouro sen esforzo", non hai aprendizaxe sen traballo e os nosos protagonistas son exemplo de perseverancia e insistencia, salvan obstáculos e conseguen o seu premio, crecen e fórmanse no seu percorrido.

Especial protagonismo o dos animais, sentimos empatía con todos eles, coa súa sabedoría e coa súa simpatía, un elenco moi especial que representa o máis selecto da fauna galega.

Unha obriña que nos conmove, interesa e divirte,  cuns diálogos moi áxiles que fan que a acción sexa rápida e nos axude a percibir os cambios de espazo e tempo. Unha estrutura  que organiza a secuencia narrativa dun xeito claro e ordenado: Unha introdución 
(O encontro), catro partes para o desenvolvemento da trama ( A terra, a auga, o aire e o lume) e o desenlace ( O torques).

Unha novela de aventuras, fantástica e ao mesmo tempo unha lección de bioloxía e natureza. De seguro que os rapaces e rapazas poderán desfrutar coa lectura desta obra e mesmo algúns descubrirán o amor pola natureza e a ciencia que tan ben nos transmite a autora. 

(imaxe: O torques de Burela).

25 de marzo de 2018

O KILYX DOS DEUSES de Nicanor Alonso Álvarez. Proposta de lectura.


Novela de aventuras e intriga que xira arredor do conflito do roubo dun "KILYX" sagrado, as cinzas dunha morta, unha seita ancestral e o mercado de obras de arte da Grecia clásica; un ou varios enigmas por resolver, aventuras e risco no camiño cara a verdade, arte e matemáticas, historia e filosofía e unha boa dose de mitoloxía enchen a novela protagonizada polo detective fracasado Nestor e por Helena especialista e tratante de arte grego.



Feitos históricos e outras realidades; desamor, soidade, medo e nostalxia son sentimentos que pairan no fondo da trama da novela, unha trama complexa e en certos momentos dificultosa para Nestor, o detective, e para o lector (desorientados ambos) á procura do espazo idóneo para depositar as cinzas dunha muller morta.

Unha ambientación moi rica, un percorrido por Grecia e os seus lugares emblemáticos e turísticos (Atenas, Delfos, Nauplia...) e pola Grecia clásica (templos, prazas, arte, matemáticas, filosofía, mitos...) ás veces parece que a trama é o pretexto para a realización desta viaxe artística, histórica, científica.

O tema clásico e as cuestións matemáticas quizais fan que esta novela non estea ao alcance de todos os públicos xa que logo predomine nela a intención divulgativa sobre o desfrute do lector: dirixida a un lector interesado na Cultura Clásica con maiúsculas, na arte, nos números e na filosofía.

O tráfico ilegal de obras de arte da Grecia clásica, as imitacións, apoian a intriga da obra, a acción e o risco"no gume da navalla".

Son os personaxes autónomos ou están ao servizo do culturalismo que enche toda a novela? Son moitos os interrogantes: O mundo dos soños, a adivinación, as premonicións, realidade e fantasía na mellor liña do imaxinario e da ideosincrasia galega trasladada á Grecia e ao oráculo de Delfos e ás mensaxes que nos chegan do Alén, por exemplo.

O espazo físico da Grecia xeográfica e o espazo simbólico que a rodea, o simbolismo relixioso (deuses e sacerdotisas), a mitoloxía (heroes e heroínas). 

O canon de beleza, o equilibrio, a busca da perfección dos arquitectos clásicos, para escultores e ceramistas... todo ten cabida nesta novela xunto as sentenzas, os aforismos e as citas no comezo de cada capítulo.



Outro valor a destacar é a linguaxe, un rexistro culto, un léxico rico non só polos helenismos senón tamén pola selección do léxico galego, os xiros idiomáticos e as frases feitas, os galicismos que apuntan a un autor que domina o rexistro literario e síntese moi cómodo no seu emprego.




Moi recomentable para o alumnado de 1º de bacharelato e para traballar interdisciplinarmente en Grego, Plástica, Matemáticas, Filosofía, Historia da Arte e Lingua Galega. 




22 de marzo de 2018

"En un mismo barco", álbum ilustrado da autora mexicana MONIQUE ZEPEDA



"Pero la risa es el idioma que todos compartimos" somos iguais e somos diversos: en linguas, en cores, en paisaxes, en pensamentos e ideoloxías, en mundos... pero temos moitas cousas fermosas en común coma o riso, esta é a mensaxe que Monique Zepeda quere compartir con nós no seu álbum ilustrado "En un mismo barco".


Un libro para desfrutar da palabra e para namorarse da imaxe: as súas montaxes con pinzas de madeira, caixiñas, colares de contas, fotografías, grans de xudías, barquiñas de papel lévánnos de viaxe polo mundo aprendendo a riqueza da diversidade, da equidade, da tolerancia... e diso de ir polo mundo ben sabemos os galegos e as galegas.

As fotografías que acompañan as palabras da autora, case sentenzas sobre a igualdade que nos une suscitan en nós sentimentos, tenrura e emocións, responden a unha premisa clara: somos diversos e variados pero navegamos todos e todas no mesmo barco e para navegar precisamos do esforzo de todos e todas os mariñeiros e as mariñeiras. 

Texto e ilustración compleméntanse para chamar á reflexión "... en realidad el mundo es multicolor ", a fotografía  en sintonía co texto: múltiples pequenos personaxes de madeira de múltiples razas e múltiples miradas, a mirada de Monique Zepeda desde México. 

Escoitemos a interpretación que Noa, María, Lucas, Sabela e Nico, de 1º de ESO, fan de "En un mismo barco" :
"Moita xente pensa que os libros ilustrados son cousa de nenos pequenos, pero non sempre é así. Este libro é un gran exemplo desta teoría: nel amósase a igualdade e as diferenzas entre todos nós. Chamounos a atención a frase que di "Pero las ideas pueden ser una jaula. Y las jaulas... casi nunca son una buena idea" Tras moito cavilar, decatámonos de que simboliza as mentes pechadas, esas mentes que ao non crermos nas súas ideas, son  incapaces de aceptar as que proceden dos demais, cren que as súas ideas son sempre as correctas. Este álbum ilustrado é para nenos e para non tan nenos pois entre os adultos, as mentes pechadas abundan".




Páxina de Monique Zepeda:

http://www.moniquezepeda.com/es_ES/libros/

18 de marzo de 2018

"Mi abuelo Moctezuma" de María García Esperón: A LIX mexicana vennos visitar no marco do Salón do Libro.

Grazas á organización do Salón do Libro, chegou ás nosa mans o libro "Mi abuelo Moctezuma" da autora mexicana María García Esperón:




Un grande pracer poder coñecer a LIX que se fai en México e que curiosamente pode ter moitos contactos coa nosa LITERATURA XUVENIL GALEGA, pola mistura de linguas e culturas (a de distintos pobos indíxenas coma os aztecas, dos nahuas, mazahas e outros pobos indíxenas do país) minorizadas pola presión da lingua dominante, o español, polas lendas, polas premonicións, polo imaxinario no que se mestura historia-realidade-fantasía entre outros contactos.




Pero deixemos falar aos personaxes:
  • Isabel: "Lo realmente esencial es tratar de comprender nuestro propio destino".
  • Francisco: " Había caído allí, como los fríjoles del juego de patolli, que era el preferido de Moctezuma"
  • Clemente Zubirú: " Mi tesoro son los libros"
  • Norberto: "Quiero ser quien custodie ese pedazo de tradición de mi pueblo"
Dous adolescentes, un erudito e un segurata protagonizan esta aventura arredor de libros, historia, códices, mitos e cristianismo... acompañados doutros personaxes coma o propio Moctezuma, traidor do seu pobo por razóns que se nos relatan na carta/códice que escribe á súa filla Isabel; a Madre Asunción que desexa perservar "tantos libros valiosos de los antigos mexicanos" coma outros que "perecieron en las hogueras de la intolerancia"...
A demonoloxía, os deuses indíxenas fronte aos deuses critiáns, "dúas concepcións do mundo diferentes, dúas maneiras de entender a beleza".

Misterio, acción, aventuras, premonicións e profecías: " El destino es un espejo negro, a sangre y a fuego, a agua y a palabra", os cometas no ceo coma sinal de "la próxima destrucción de tu reinado y del fin de nuestros dioses" a desaparición dun pobo, dunha cultura e dunha lingua, a perda da identidade do propio pobo mexicano.



Tras a lectura desta fermosa novela esperamos con moita impaciencia a visita da súa autora para compartir con ela historias do seu país e do noso país, de linguas indíxenas, de culturas e de tradicións.



"El Salón del Libro Infantil y Juvenil de Pontevedra 2018 tendrá como país invitado a México.
Es un honor para mí formar parte de la Delegación mexicana que asistirá durante el mes de abril a un encuentro cultural de gran riqueza. La buena voluntad y el entusiasmo de las organizadoras llena estos días previos al encuentro de calor humano y mucha ilusión por conocer, conversar, leer, releer, pasear y dejarse envolver por la magia de Galicia."