17 de maio de 2021

SIBILA de Rosa Aneiros.

 


Esta nova entrega de Rosa Aneiros para adultos, desde hai case dez anos sen publicar para este tramo de idade, achéganos a un mundo de ficción, o da Illa que pode semellar situarnos no futuro mais as claves que a definen ben poderían ser dun presente; como ben se di na contracapa da novela nela todo é ou non é, coma nun xogo de espellos que refliten a ficción á par que refliten a realidade,o mundo cotiá dos seres que habitan a Illa, a súa natureza e o seu mundo interior, o da protagonista, Sibila e a dos outros e outras.

O vento, a tempestade, a choiva, os lóstregos... son omnipresentes, expresan a ímpeto, a forza dos elementos e expresan as desacougantes vidas interiores e íntimas dos personaxes, a natureza que se revolve contra os feitos, contra a memoria, contra os medos, as xenreiras e as vontades.

Con Sibila coñecemos, nun imparable adiante e atrás, pensamentos, sentimentos, desexos, frustacións... os da protagonista e os das personaxes e vaise tecendo pouco a pouco a historia como unha tea, coma se dun quebracabezas ao que lle faltan pezas se tratase e que só se completará na parte final da novela. Con Sibila tiramos do fío do vestido de Amalia, comeremos o pan da fornada de Fina, veremos os lenzos de Aldara... envolveitos no urdido, da trama de Sibila.

Ornamentada a prosa con fragmentos moi líricos e descritivos que nos presentan os ambientes arrequecendo a linguaxe da novela, cunha chea de topónimos que reivindican a importancia do espazo na obra, os alcumes que identifican ou esconden as identidades, cun léxico moi saboroso, a lectura de Sibila envólvenos desde o comezo polo espazo case mítico que se nos presenta, pola forza interna dos personaxes e polo insospeitado dos acontecementos.

Unha novela intensa e suxerente que provoca no lector meditacións e inquedanzas arredor da idea do mundo que estamos a construír, que favorece a reflexión e a deliberación arredor do futuro da humanidade, da ética, do estado do benestar para todos e todas os que habitamos este mundo, Sibila, ambas, a novela e a a personaxe, incitará aos lectores e lectoras a meditar sobre a nosa condición de humanos ou inhumanos.

18 de abril de 2021

A desvértebra de Ana Romaní.

 


Ana Romaní acompañada polo seu editor, Antón Lopo, e acompañada por Susana Trigo presentaron na mañá de onte o seu último poemario "A desvértebra" na Libraría Paz de Pontevedra.

Para Antón Lopo, a poeta Ana Romaní é unha activista da propia poesía como transformadora da sociedade e nesta obra hai unha proposta de ironía, para Susana Trigo busca sacar a poesía do libro.

A desvértebra conxuga o texto co son, é un libro que toma unha dimensión diferente na súa oralidade, o poema coma escoita lectora e a escoita dálle unha nova dimensión ao poema.

Nas audiografías de Chus Silva e Ana Romaní, que acompañan a moitos dos poemas na rede, búscase a voz e o espazo exterior para o poema e ver como soa, non hai imaxe que o ilustre, trátase de oír, recuperar a oralidade da poesía.

Para Ana Romaní o libro é durísimo cun punto de ironía paródica que o libera, ten un final de apertura, reparador, de esperanza, de confianza no outro, do rozamento co outro.

Hai no poemario unha posta en cuestión dun sistema, a desvértebra, a descomposición, así no poema  Arizona está a idea da simbiose e a colaboración, a sombra do ourizo é a nosa sombra e os ollos do verme son o noso verme.

O silencio (os espaxos en branco) procuran a respiración do poema, da páxina, procúrase levar o silencio ao que le. Están presentes tamén no poemario versos que se cortan,  que se desprenden, todo está a caer.

Nesta obra hai algo de xogo irónico co lector (os apuntamentos a pé de páxina), hai algo de esculca, de investigación ("cando escribo non son consciente do que fago ata que o leo" di a poeta).


 

Un fermoso poemario cheo de sonoridade, de aliteracións, no que os xogos de palabras, o uso dos campos léxicos, as oposicións de termos, as anáforas, as ennumeracións curtas, xeneran unha musicalidade que escoitamos omnipresente en todos os poemas. O  reto dunha lectura sen as directrices dos sinais de puntuación que favorece que cada lector escoite a súa propia melodía ao lelos.

Os esqueletes, os ósos, a vértebra e a desvértebra, os vermes as amebas, a presenza dos elementos da natureza, a dor e o corpo, o telúrico... vannos guiar por un mundo en descomposición ata que en "o xiro" poidamos atopar a esperanza na liberación.


10 de abril de 2021

Susana Sanches Aríns presenta SuperUlex na libraría PAZ.

 


"Quixen escribir un libro onde houbera rapaces e rapazas que non se conformaran, que se revolveran ante as inxustizas" comenta Susana Sanches Aríns a creadora de SUPERULEX.

Pensar moi ben o que é a xustiza e o que é a vinganza é unha das reflexións que pairan pola novela: Clara, SuperUlex ten superpoderes e un mal uso destes pode levala da xustiza cara a vinganza; o superpoder da forza é moi perigoso e Clara ten que evitar caer no abuso.

Mais entre todos os superpoderes o máis forte é o da incomodidade, o de facer sentirse incómodo e Clara co seu disfraz rompe a comodidade no seu centro, fai espertar e reccionar aos compañeiros e compañeiras, e aos adultos; ata que me incomodo non me posiciono para mudar as cousas: Que pasaría se no noso centro aparecera unha alumna disfrazada de superheroína???

Realmente o poder de Clara é posicionarse, enfrontarse ás adversidades, ao que non lles gusta nin a ela nin aos amigos, amigas, compañeiros e compañeiras.

 


Ambas as protagonistas de SuperUlex Clara e a bis Rorita saben moito de posicionarse para  mudar o mundo, e vós????

 

( Fotografía de Helena Torres. Libraría Paz).




6 de decembro de 2020

VELENO DE TINTA IMPRESA de Xosé A. Neira Cruz.

 


 

Con este título tan suxerente, unha tinta impresa (a do xornal) que cativa e namora coma un veleno facéndose imprescindible e enchendo as horas vitais de Elvira Morales (a protagonista desta novela), chéganos esta nova publicación de Xosé A, Neira Cruz.

A medio camiño entre a crónica ( que non é porque non relata os feitos cronoloxicamente, de feito conta a historia en flash back ), a novela histórica (un retrato dunha época, dunha sociedade, dunha cidade – A Coruña- a principios do século XX, un mes de 1909), a obra literaria e xornalística (cunha importante aportación de datos – sobre o desenvolvemento da prensa e sobre o proceso de publicación da mesma- moi ben documentados, xa que logo está escrita por un xornalista) navega esta nova publicación do narrador.

Ao longo dun mes, cun tratamento temporal orixinal - comezo no remate da historia ( un capítulo), unha vista atrás (varios capítulos), unha nova incrusión no final (un capítulo) para regresar logo ao pasado (varios capítulos) e definitivamente ao final (un capítulo)- Neira Cruz relátanos a historia de Eva Morales, muller que reivindica o seu dereito a exercer unha profesión que ama, a de xornalista, nun mundo de homes nos comezos do século XX. Un contexto social e histórico moi realista: a oposición feminina dunha sociedade rancia, freando á liberación da muller, as reivindicacións das rapazas novas, estudiadas e feministas de ideoloxía, grandes e sonados personaxes da época compoñen un cadro moi completo de como respiraba e bulía a sociedade coruñesa dos primeiros anos do século XX.

Moi interesante resulta a descrición detallada do funcionamento estrutural e mecánico dun xornal da época, o emprego dos primeiros linotipos, a chegada das noticias á redacción, as probas de edición, a publicación, horas e horas emocionantes para Elvira e a súa compañeira Herminia; o traballo de recollida das novas, as entrevistas ( a quen, o porqué, o como, o cando, o onde... moi na liña das características dos textos xornalísticos) son os fíos que van tecendo a historia da protagonista.

Esta novela que recibiu o premio Ánxel Fole de Narración Curta 2019, é unha clara homenaxe aos homes e mulleres (destacadamente as mulleres) que a principios de século publicaban os xornais con moito esforzo e dedicación, que de certo amaban o seu traballo (o veleno) que pintaron con palabras e tinta o cadro social e a crónica de sucesos dun momento histórico.

 

A obra ten tamén o valor engadido de que polas súas páxinas camiñan personaxes de moita sona no momento como Emilia Pardo Bazán, o Príncipe Alberto de Mónaco, Carolina Otero “ A bela Otero”, Filomena Dato, a familia de Rosalía... que daquela tiñan presenza na crónica social, literaria e cultural da cidade.

(A escritora Marga do Val recolle na súa obra Carolina Otero os amores entre a Bella Otero e Alberto de Mónaco (pax. 107) biografía da artista que sería de moi interesante lectura para contextualizar a de Neira Cruz, ambas en clave feminina). 

 
 

Unha novela moi ao gusto dos amantes da historia dos medios de comunicación en papel, da crónica social e das curiosidades sociais, de lectura rápida e doada que nos traslada a un mundo moi ben retratado.



5 de decembro de 2020

"A MEMORIA DOS PAXAROS" de Teresa González Costa.

 


 

Simbolismo, mitoloxía e defensa do medio ambiente están moi presentes nesta novela de Teresa González da que de certo vai desfrutar un público xuvenil, que logo de lela, sentirase moito máis concienciado dos problemas que o noso habitat natural ten que afrontar hoxe en día para sobrevivir, e sobre todo os paxaros que son os protagonistas realmente desta narración.

Esta obra ten todos os elementos precisos para conquistar á nosa rapazada: unha historia de paxaros e humanos en clave mitolóxica, unha ficción mesturada coa realidade arredor da contaminación que pouco a pouco, inexorablemente, fai desaparecer día a día moitas especies avícolas que poboan o mundo natural.

Celeste, o seu amigo Marcos e un enigmático rapaz sen nome serán os encargados, xunto coas aves, de salvar ao pobo dos primeiros dun desastre ecolóxico que moito nos vai lembrar a recente catástrofe do Prestige nas nosas costas, cando o chapapote o inundou todo provocando a morte de animais mariños, aves... e da cal aínda non nos recuperamos.

Unha novela de lendas, de narracións orais, de acción, que nos vai pór en alerta de novo (cando xa esqueciamos o berro do “Nunca Máis”) para levantarnos e loitar pola conservación das especies e dos espazos naturais tan marabillosos do noso país.

A recuperación da MEMORIA “en feminino” tamén está presente nesta obra, a conservación da tradición oral transmitida de “nais a fillas” xeración a xeración; neste caso é a nai de Celeste a que lle vai narrando historias, “a memoria dos paxaros”, e a moza vai gardar coma un tesouro estas lendas, estes mitos cando a nai xa non a acompañe.

29 de novembro de 2020

"Velloucas e minchas" de Lorena Conde.


 

O terceiro Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil foi concedido por un xurado lector, sen dúbida, á novela de Lorena Conde, Velloucas e minchas que agora publica a editorial Cuarto de Inverno con ilustracións na portada de Blanca Vila.

A trama, unha aventura de verán moi achegada á nosa realidade, unha fermosa e tenra aventura que transcorre durante a visita que Sofía lle fai nas vacacións á súa avoa.

As nosas superheroínas nesta historia son as “velloucas” (a avoa, Lita e Gloria) e as “minchas” (Sofía -quen narra a historia xunto a un narrador omnisciente- Gabri e Antón), un gran equipo para loitar contra as inxustizas, para loitar pola igualdade e a inclusividade.

A lectura da novela transmite valores moi positivos: a solidariedade, a amizade, a importancia da familia, a inclusividade, a diversidade sexual, á volta ao mundo rural, a substantibilidade a través da agricultura, o desfrute das festas -tan de noso- como punto de encontro da veciñanza... e a omnipresenza do humor, a ironía, o gusto retranqueiro tan galego apoiado na linguaxe polos ditos, as frases feitas moi ao uso do galego cotián.

Desde o comezo sentimos empatía por Sofía (no “desterro” polo “suceso”...) mais a autora pon en valor a grandeza da terceira idade coas ricas personaxes da avoa e de Lita e Gloria, da terceira idade pero activas, acordes cos tempos (conectadas a interné, ao móbil), respectuosas e amables, agarimosas coa rapazada.

Os acontecementos encadéanse cun ritmo rápido que se nos inxecta en vea e non permite que abandonemos a lectura: personaxes novos, accións, acontecementos... vannos enganchando para coñecer máis en profundidade á sociedade de Veigamoa, os bos e os malos, os diversos, os tolerantes... e pouco a pouco, os lectores xa nos sentimos máis da vila, no seu día a día, mesmo bailando ao son da música das orquestras na verbena ou na sesión vermú das festas de verán.

A posta en valor das personaxes da terceira idade (que me achegaron de novo á marabillosa Rorita, a bisavoa de Clara en SuperUlex de Susana Aríns) á súa sabedoría, a calor e a tenrura que transmiten estas personaxes femininas que pensabamos perdidas e que gratamente volven estar presentes na historias da literatura xuvenil, que se visibilizan na actualidade e na modernidade, nas súas palabras, afeccións e modos de vivir, son fundamentais para recuperar un grupo socialmente... “esquecido”, “abandonado”, “minusvalorado”?

E a linguaxe, as escollas léxicas, os xiros, os ditos e frases feitas, as onomatopeias enriquecen a historia dándolle un ritmo áxil, vivo, coloquial nos diálogos e conversas dos personaxes pero moi rico na súa selección e uso, espontánea e ao tempo divertida.

Un pracer poder achegarse e gozar desta novela de Lorena Conde, moi recomendável de certo.

 Superrecomendable para un club de lectura a partir de 12 anos.



26 de outubro de 2020

As xeografías en verso de Alba Cid: "Atlas"


 Os ciclos poético-xeográficos estruturan Atlas, poemario primeiro de Alba Cid, un percorrido polos seis continentes (europeo, africano, americano, asiático, de Oceanía e Ártico) e un ensaio/ -s ("a tersura conta unha historia de ambicións delicadas") son as partes que o compoñen. Os lugares, a flora, as tradicións, os animais, a memoria... acompáñánnos nesta singradura en verso arredor do mundo sen abandonar o pouso e a visión dos elementos propiamente galega.

Musicalidade e sonoridade das palabras e dos sons, a voz poética lírica, descritiva e narradora ao tempo (das imaxes, das paisaxes, das cores, das sensacións, dos sons) pairan nos versos e acompáñannos nesta pracenteira viaxe polos ciclos xeográficos. Os tupiláns, as camelias, as garzas, as barcas, as pinturas en teas de araña, as columnas de palabras ("para recibir cargas, protexer o trenzado dos nervios, relatar en espiral..."), as cartas de nevegación ("todas as cousas se desprazan")... son eixes e motivos da nosa viaxe por Atlas.

As historias apócrifas, a memoria e os sentimentos arroupan o eu lírico do poemario, a lectura dos versos  transmite harmonía, suxire movemento, delicadeza;en Atlas fálanos a historia, a cultura, a natureza, os antergos e a sabedoría cal pinceladas dunha pintura, notas dunha partitura en palabras que incitan a ser admiradas e gozadas.

As referencias culturais en xeral e as literarias en particular deixan a súa pegada profunda nos poemas de Alba Cid, camiños bordados con palabras que nos conducen polo mapa do corpo ( "levo garzas simetricamente opostas sobre o peito") cara o noso destino lector: o desfrute dos versos de Atlas.


24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO .


Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

 

 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.


Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.




 

 Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade.




11 de outubro de 2020

"SuperUlex", a superoína toxo. Susana Sanches Aríns.

 


 

( A muller toxo; Toxo, nome científico: Ulex europaeus) 

Clara, a nosa SuperUlex (defínese a si mesma coma “Cardo. Tojo . Distante. Soberba”), vén de reincorporarse ao seu instituto (Liceo) tras recuperarse dunha leucemia que lle deixou unhas secuelas moi curiosas, uns superpoderes ( hipersensibilidade na pel, unhas forzas extraordinarias, un cabelo “ingovernável e crespo”) que van facer dela unha “superoína”.

Clara escribe en cadernos a súa vida, ela mora con a súa nai, a súa tía Susa e a súa especial e marabillosa bisavô Rorita ( confidente e unha das personaxes máis potentes da novela), nun mundo de mulleres; cando ela descobre os seus superpoderes decide utilizalos para combater a favor das boas causas: loitar contra os abusos e os acosos dos maus compañeiros, axudar aos animais confinados ou protexer o medioambiente... conxuntamente coa súa banda de compañeiros e compañeiras, a tropa fandanga. Porén ela tamén está á procura da súa identidade, do sentido da heroicidade: “ ... a heroicidade é exercer a dintinçao no reino da uniformidade...”

“ As superoínas também dubidam”

Mais esta novela de Susana Aríns non queda nos feitos, na superficie, senón que profundiza no día a día da protagonista, da súa familia, das súas amizades, nos seus sentimentos, as súas inseguridades, nas transformacións dos seus corpos e mentes adolescentes. Cunha gran sensibilidade, a autora nárranos por medio de pequenos capítulos, frases curtas e directas de doada lectura as aventuras do cotiá vividas pola rapazada da ESO do instituto de Clara, o choque entre os enfoques do mundo dos adultos e os puntos de vista dos e das adolescentes ( en moitos casos máis claros e xustos cós dos adultos)...

Destaca a descrición do mundo dos e das adolescentes polo que din, polo que pensan, polo que fan, a visión dos profes e do mundo estudantil, as súas mensaxes son claras e directas , pódense contrastar os personaxes positivos fronte aos negativos, nunha narración en 1ª persoa que enriquece moito o texto.

Unha novela dos superheroes da vida cotiá que deparará máis dunha sorpresa ao lector ou lectora, que se le con fluidez e pracer; unha obra narrativa esta da que gozaredes coa lectura, comentarédela entre vós, arredor da cal debateredes, mesmo vos posicionaredes os lectores e as lectoras xuvenís, de certo que non vos deixará indiferentes, que vos conmovorá e llela recomendaredes aos vosos e vosas colegas. Unha novela na que atopamos as pegadas da autora de LIX portuguesa Ana Pessoa e unha edición moi coidada coma a que xa nos teñen afeitas os editores de Cuarto de Inverno.


 

30 de agosto de 2020

Notas de lectura sobre "Dentro da literatura" de Suso de Toro

 Este ensaio é unha obra de autor, unha reflexión aberta e íntima sobre o acto literario e o proceso de creación do mesmo.

Partindo da propia experiencia, o autor fainos reflexionar sobre o proceso, sobre todas as facianas e ámbitos da creación literaria, desde a elaboración do texto ata a creación literaria efectiva nas mans do lector. Cunha linguaxe áxil, clara, sen conceptos literarios, pero con prácticas literarias é unha obra divulgativa da que desfrutará calquera amante da literatura sen precisar dunha formación específica nin especializada sobre o tema.

Suso de Toro achéganos á figura do autor, creador, do editor, do lector..., aos canons e ás diferentes valoracións da arte literaria nos distintos tempos e na historia da literatura. Mediante exemplificacións sobre a vida, obra e apreciacións literarias de grandes autores da literatura universal, pon sobre a mesa temas tan interesantes como o uso dunha lingua determinada para a creación literaria, o pouso literario da tradición.

O oficio do escritor, a súa carreira literaria, o peso da aceptación da súa obra pola crítica fan deste libriño (fermosamente editado) un estudo á man de calquera lector namorado dos libros e do mundo literario


Aprende Banda deseñada con Fiz de Kiko da Silva.

 

Esta obra de Banda Deseñada combina unha historia gráfica cun manual de aprendizaxe e dun xeito moi ameno e ao tempo rigoroso, ofrece ao lector un produto moi específico e ao tempo achegado a todo tipo de lectores.

O comic está moi ben estruturado, nas súas partes ou bloque temáticos combinándoas coa calidade do deseño das historias ao que Kiko xa nos ten afeitos.
Dobre importancia ten a mistura do xénero didáctico co xénero artístico ao tempo que pon en relevancia unha arte que, según Kiko nos ensina neste libro, por de curta idade foi considerada por moitos críticos coma unha arte menor.

Certamente aprendemos e desfrutamos mentres acompañamos a Fiz nas súas aventuras e podemos asegurar que despois de ler esta “historieta” estamos máis preparados para gozar, interpretar e valorar outras obras de BD.

"Un manual de comic en formato comic" do que gozarán lectores de todas as idades, imprescindible para atopalo na bibliotecas escolares para que a nosa rapazada “se enganche” a esta arte da Banda Deseñada.

Destaca pois polo seus valores artísticos, valores divulgativos e o desfrute na compaña de Fiz.

 

7 de abril de 2020

OS DÍAS FELICES DE BENVIDO SEIXAS de Eduard Velasco.



Bienvenido Seixas vive nun chalet en A Caeira, barrio residencial de Pontevedra e posúe un piso na Praza de A Ferrería, el non traballa, vive de rendas e o seu tempo transcorre do chalet ao iate, das copas á praia e ás festas cos amigos.

Mariña é unha intelectual, activista que serve copas nunha asociación sociocultural e ten unha ideoloxía política e social que rexeita a calquera que leve unha vida distendida, vanal e relaxada como Bienvenido.

Esta novela xoga cos estereotipos, coa esaxeración dos mesmos, cuns toques de comicidade e ao tempo de lirismo moi ben fiados.
 
Os azares da vida fan que os seus camiños se crucen e comecen unha relación; pero pode ser posible unha relación entre dous personaxes tan dispares?

Cunha posta en escea que ten moito de cinematográfica, moito de enredo e de comedia, o lector vaise deixando levar polas aventuras de Bienvenido, polos seus esforzos para conservar o amor de Mariña.

  
Situacións curiosas, divertidas das que o protagonista vai saíndo por casualidades e que van enredando a Mariña, e ao tempo a Bienvenido, nun mundo de ficción que ten moito do postureo tan frecuente na nosa sociedade, ese rol que asumimos no noso día a día e que en moitas ocasións non ten nada que ver coa nosa maneira real de ser e sentir a vida.

 
Unha prosa fluída e rica que nos leva e conquista ao longo desta historia que páxina a páxina vai roubando sorrisos no lector.




                                                             (A Caeira)

6 de abril de 2020

"OS CAMIÑOS DO VENTO" de Xavier Estévez.



Galicia é terra de vento e "os camiños do vento" traen ata nós a dous pequenos fuxindo da guerra, do medo, da fame, da soidade. 

Noutros tempos os galegos e as galegas fomos polo mundo buscando unha vida mellor, agora son outros e outras os que chegan ata nós desde os confíns do mundo, e debemos ser solidarios, acollelos con amistade e cariño;  esta é a mensaxe que nos transmite esta novela de Xavier Estévez a través do relato que nos narran, alternativamente, dous mozos galegos, Lucas e Sara.

Non podemos vivir illados, as fronteiras rómpense e desaparecen e unha chea de persoas percorren os camiños coa esperanza e o medo nos seus rostros; Yaram e Aisha atravesan media Europa ata a fin do mundo, Galicia, e nun porto de mar innomeado(que podería ser calquera pequena vila costeira galega) procuran unha vida en liberdade.

Unha novela para lectores a partir de 11 anos pero que pode ser lida por todos e todas pola fermosa historia de vida que relata, unha lección de solidariedade, un retrato da nosa realidade de cada día, un realidade que é para moitos e moitas moi cruel e a quen non lle podemos dar a espalda.

Destaca nesta novela a delicadeza no tratamento do tema, a riqueza no punto de vista grazas á alternancia de narradores (Lucas e Sara), ambos en primeira persoa e protagonistas, a contrución duns personaxes (Yaran e Aisha, as familias, o profesor...) moi verosímiles e cos que desde o comezo da novela sentimos empatía, a caracterización dos ambientes (no porto, na escola, nas casas).

Unha historia de lectura áxil, cunha linguaxe coidada e sen complicacións.

Un relato do noso mundo do século XXI, do bo e do malo, unha reflexión sobre a solidariedade e o acollemento, que nos vai axudar a escoller o noso propio camiño, porque como se di na novela "A vida enteira é unha viaxe. Unha aventura" e non sabemos onde nos levarán "os camiños do vento".

28 de agosto de 2019

"CONTA NOVE ESTRELAS" Andrea Maceiras lévanos de viaxe interestelar máis alá da Galaxia.


"Conta nove estrelas" novela gañadora do premio Lazarillo 2018, sorprende e engailoa: aventúranos a través das estrelas e planetas da Galaxia Oma, fainos vivir unha tenra e fermosa historia e como xa é frecuente con outras novelas da autora, namóranos coa súa escrita.

Un gran equipo conduce a nosa aventura intergaláctica: Quepi, unha curiosa rapariga co pelo cor turquesa, distinta, con moita sensibilidade e estrañas facultades, un bobó divertido, famento e diferente, un irmán protector e piloto de naves espaciais, Udai, van atraparnos na súa pequena pero intensa odisea na procura dun mundo marabilloso, que nos ensinará que na diversidade pode estar a orixe  dese mundo. Nunha paisaxe caracterizada con fermosas e relaxantes cores, a luz dos soles, os lagos e as rusgalias...

"Por unha vez na miña vida podería ser útil!" cavilou. " E así deixaría de ser a nena monstruosa e torpe coa que todos teñen que cargar!" Estes pensamentos de Quepi a moza protagonista amósannos como se poden sentir todos e todas, aqueles e aquelas que son diferentes, a súa baixa autoestima e esta aventura demostrará que na diversidade hai riqueza e encanto, hai beleza e bo corazón; 
" Por nada do Universo deixaría pasar a oportunidade de ser, por unha vez o diferente"  asegura Udai.

Esta novela contén todos os elementos dun periplo intergaláctico: Aventuras, naves espaciais, acción, moitas estrelas, aprendizaxe, divertimento, viaxes, concurso de talentos, tenrura e moita cor... turquesa,  que nos atrapan na lectura sempre co bo facer e crear de Andrea Maceiras.

Animádevos a coller un billete para esta viaxe a través das estrelas, con Quepi, con Udai e con Bobó, camiño da diversidade e dos sentimentos.

2 de maio de 2019

"DEFENSORES DE DRAGONES" novela fantástica de Esther Vázquez.



Esta primeira novela de Esther Vázquez é realmente unha obra novel moi engailante; eu non vos son moito de novelas fantásticas nen de dragóns pero teño que dicir que salvado o meu escepticismo inicial coa trama da novela, engancheime á historia e devoreina gustosamente para coñecer o seu desenlace.

É esta unha narración moi ben construída e coidada: a alternancia de narradores (en primeira persoa no diario, alternando coa omnisciencia e outros narradores protagonistas que contan candansúa historia propia) enriquece moito a obra; a trama está tratada con axilidade e acción, as descricións son ricas en detalles e permítennos imaxinar lugares, personaxes e seres míticos ( que ben poderían formar parte do noso imaxinario galego) polo que a fantasía nos conquista e a lectura consigue trasladarnos a escenarios e accións fantásticas moi ben relatadas pola autora. 

Os noso heroes, unha moza adolescente, un vello dragón mutilado, unha dragoa ferida, un neno enfermo e un pequeno gato non son precisamente o modelo de heroes épicos e por iso sentimos empatía con eles desde o inicio da historia, comprendemos os seus medos, dúbidas, sentimentos que os fan moi reais e os lectores sentímonos ao seu lado, sufrimos e emocionámonos coas súas aventuras.

O mundo do ioga, a meditación, o encontro da personaxe principal consigo mesma, a aceptación da súa propia identidade... son camiños que a autora nos fai recorrer sempre mediando entre a realidade e a fantasía.  

Realmente unha fermosa historia cun pé no mundo máxico e outro pé no mundo cotiá, unha novela de aventuras pero tamén de formación de personaxe, cunha linguaxe moi coidada e traballada.

Anímovos pois a convertirvos con Alexandra nunhas defensoras ou defensores de dragóns, de certo que non vos cansaredes de ler... e pediredes máis.

Os nosos parabéns a Esther Vázquez por esta estrea de calidade no mundo fantástico da literatura.







( Foto: Non é Parvus pero podería selo.....)

19 de marzo de 2019

"NO LABIRINTO DO VENTO" de MARINA COLASANTI.


Baixo o título xenérico de "O labirinto do vento" , neste volume reúnense dúas obras de contos da autora brasileira Marina Colasanti: "Unha idea completamente azul" e "Doce reis e a moza no labirinto do vento" que comprenden dez e trece contos respectivamente.

Marina Colasanti condúcenos con ambas obras de contos ao mundo do marabilloso e o fantástico, no que a maxia xorde da propia natureza e dos personaxes que os protagonizan; unha fermosa reelaboracion dos contos marabillosos poboados de reis, princesas, príncipes, unicornios, mozas costureiras e tecelás, xardineiros... que á par da  propia natureza, o vento, o mar, as roseiras, as buguinas, interactúan para relatarnos historias fantásticas tras as que se esconden mensaxes moi reais, exemplarizantes, que nos lembran que a liberdade da propia persoa ser debe ser respectada (os soños non se coutan,  os actos dos demais non se poden controlar, non recibimos amor sen aceptación nen escolla... como temas ás veces recorrentes nas historias).

A reelaboración que a autora brasileira fai dos contos tradicionais marabillosos a través das historias de rexios personaxes, nun mundo máxico no que paira a fantasía, busca simbolizar comportamentos humanos ( a busca do poder sobre o outro, a cobiza...), actuacións e valores intemporais e universais; a finalidade didáctica e de lecer do conto tradicional recuperado nuns contos marabillosos do século XXI, a formación e educación condutual do lector e da lectora ,,nenos e adolescentes, e a transmisión de  valores flúen ao longo destes relatos.


O poder da natureza omnipresente nos contos deléitanos á vez que nos proporciona ensinanzas e reflexións vitais e profundas para a convivencia entre os humanos; a sabedoria do vento, do mar, o xogo de imaxes no cristal e  no espello, os unicornios, as corzas, as sereas, as roseiras e os xardíns tecidos nos tapices delicadamente, os labirintos de buxo que esconden o camiño do propio futuro ( todos eles, as máis das veces, obxectos auxiliares na narración do conto e desencadeantes da acción) son só unha pequena mostra do valor simbólico, da riqueza do mundo que atopamos neste libro.

A estrutura dos relatos é sinxela, a presentación dos personaxes e feitos na que se crea espectación, o conflito e o seu desenvolvemento e o remate final (positivo ou negativo) que deixa ao lector desconcertado e esixe uns minutos de reflexión antes de proseguir con outro conto. Predomina nos relatos a narración e os diálogos son escasos, acción e brevidade, sintetismo e estilo directo fan que a lectura dos relatos sexa doada e áxil

Metáforas, símbolos e comparacións acompañando a unha linguaxe rica e elaborada: a adxectivación, as fermosas escollas léxicas suscitan en nós sentimentos, sensacións e conmóvenos. Descricións sintéticas mais intensas, con tres ou catro pinceladas líricas trasládannos a un mundo fermoso de fadas, princesas e de maxia. .

Son contos pois para ser lidos e desfrutados, non contados ou escoitados xa que precisan concentración e lectura entre liñas para seguir o fío das historias e pescudar entre os simbolismos na procura da mensaxe que se nos desexa transmitir, buscando un pouso de pracer lector e de reflexión sobre a propia vida.


20 de xaneiro de 2019

DE NOVELA XUVENIL, DIVERSIDADE SEXUAL e DIVERSIDADE DE XÉNERO.

No día de onte tiven a grande oportunidade de asistir á Xornada de Formación "A diversidade sexual nas aulas, materia pendente?" enmarcada no Programa do Concello de Pontevedra "Pinto e Maragota" pola diversidade sexual.
Na Xornada, de moito interés para o profesorado polo seu caracter divulgativo, porque se puxo sobre a mesa a necesidade urxente de tratar o tema nos centros e pola tenrura e afectividade que acompañou ás intervencións da rapazada.

 E reflexionando no día de despois quixera deixar neste blog unhas recomendacións de novelas xuvenís que tratan o tema, sexa porque relatan historias baseadas en casos reais ou porque os seus protagonistas pertencen ao colectivo LGTBI.
Na Xornada puidemos escoitar ás escritoras Eva Mejuto, María Reimóndez, Eli Ríos e Iria Misa que nos falaron das súas novelas:


22 segundos de Eva Mejuto preséntanos a historia da TRANSformación dunha nena que xa desde moi nova descobre que a súa identidade de xénero non é a mesma que á que ao seu corpo lle corresponde. Cun ritmo áxil a autora fai que nos sintamos na pel desta nena que empaticemos con ela e aprendamos a importancia que ten o RESPECTO cara aos diversos.

Fóra do normal de María Reimóndez relátanos a historia de André que vive en conflito co seu corpo e coa súa identidade; a historia de catro personaxes diferentes que dalgunha maneira son rexeitados polo resto dos adolescentes e como grazas aos lazos afectivos que os unen poderán SER.

DX de Eli Ríos é unha novela sen xénero, os personaxes protagonistas son eles ou elas según o lector desexe porque realmente para vivir o amor e o sexo non importa o carácter dos xenitais. Unha novela de acción, de fuxida, de ciencia e de tecnoloxía nun marco identitario asexuado no que os lectores escollemos o xénero... aínda que é precisa esa escolla?

Iria Misa falounos de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, a historia de Aine que con nove anos visita unha exposición e descobre que quere ser como ese personaxe musical que non é home nen muller, .

Nesa mesa de escritoras citouse tamén a xa unha obra clásica da literatura galega A semellanza de Maria Xosé Queizán, unha novela de 1988, pioneira no tema, nas palabras da autora "unha novela de identidade e busca da felicidade", que nos relata a historia de Juanjo que xa no primeiro capítulo da novela tas embadurnarse os labios coa barra de carmín da nai asegura:"Eu quería ser como mamá, tan guapo como mamá..." Non podemos esquecer que a obra de María Xosé Queizán sempre visibilizou ás persoas diversas no su xénero e nas súas prácticas sexuais, da mesma autora podemos achegar tamén Ten o seu punto a fresca rosa.

Sangue 12 de Cris Pavón onde a protagonista vampira é unha lesbiana, toda unha novidade no longo número de novelas de vampiros e certamente unha narración moi asisada, cunha inmellorable posta en escea da trama e cunha ambientación literaria marabillosa que nos achegará a Diodaty onde nos encontraremos con Lord Byron, Polidori e con Perci e Mary Shelley. O amor adolescente, lésbico e vampírico envólvennos nunha historia fermosa e delicadamente tratada que nos conquista desde o inicio.

Queremos destacar nesta selección a novela Testigos de la verdad do noso escritor máis novo en idade, Aarón Fontán; na súa novela, o heroe  protagonista é gay e tras un infeliz encontro amoroso no que é moi maltratado afectivamente pola súa condición homosexual finalmente consigue ser correspondido. As esceas amorosas están narradas con moita tenrura e sentimento polo que é unha novela que chegará a conmovernos fondamente.

Na súa intervención R. Lucas Platero (pedagogo e activista LGTBI) recomendou tamén na súa presentación algunhas lecturas para afondar no tema como: Llámame Paula, Tránsito, Soy Jazz entre outras.


E para rematar, que non pechar, estas recomendacións que citar un conto que coñecín a través de Juan Mata no seu facebook, trátase de Con tango son tres ( en galego)  que narra a historia real de dous pingüinos machos pais dunha cría femia do zoo de Central Park de Nova York, álbum censurado nas bibliotecas de Estados Unidos polo tema (sempre referenciando a Juan Mata). 
https://issuu.com/kalandraka.com/docs/tango-c/6

É un pracer que as miñas amigas e compañeiras colaboren para completar esta oferta lectora, así Marga Romero lémbrame Benquerida catástrofe de Teresa Moure sobre a reconstrución da identidade sexual.  

Paz Fernández Pereiro recoméndanos Todo isto che darei de Dolores Redondo onde atopamos nunha trama de intriga a un personaxe que vive en conflito coa súa identidade sexual; otras recomendacións súas son Normal, diferente de Kristina Dunker que afonda nunha relación entre Jam e Vera e no mundo das emocións e dos prexuízos e Do outro lado do espello de Jordi Sierra i Fabra que afonda no conflito do descubrimento da identidade sexual na adolescencia. 
O rapaz que nunca existiu de Sjon é unha obra moi crúa na que o protagonista ten que exercer a prostitución para sobrevivir ( podedes atopalo na nosa biblioteca).
Titiritesa, Un segredo no bosque e Montruo rosa son álbumes infantís aos que sempre podemos achegarnos con ollos adolescentes e mesmo adultos.
Paz fai referencia á seleccións de títulos do Salón do Libro:
  e da Asesoría de Bibliotecas Escolares que podemos consultar:


Imaxe relacionada


Jules Puerto recoméndanos en inglés Carry on de Rainbow Rowell ( Carry On is a ghost story, a love story, and a mystery. It has just as much kissing and talking as you'd expect from a Rainbow Rowell novel — but far, far more monsters) e Aristóteles y Dante descubren los secretos del universo de Benjamin Alire Sanz, a historia de amizade entre dous mozos na fronteira entre EEUU e México.


Eva Mejuto lémbranos o álbum ilustrado Piratas no recreo de Luz Beloso e Miguel Ángel Alonso Diz que aborda o tema da realidade trans.

En castelán temos tamén La carta de Ivy Aberdeen al mundo de Asheley Herring Blake, recomendado por Patricia de Lila de Lilith,  que según a a editorial "aborda a sexualidade desde una perspectiva realista e conmovedora".

Transbird de Rita Bailón Gijón e Nacho Donoso Bailón, tamén en castelán,  é a fermosa historia dun paxariño  que quedou illado e triste porque non podía voar; a busca da identidade propia. Podesdes atopalo na nosa biblioteca.

6 de xaneiro de 2019

O BESTIARIO CIENTÍFICO DE ANXOS NOGUEIROSA de Antonio M. Fraga e Ilustracións de Victor Rivas.


Cando as miñas queridas Raíñas Magas puxeron este libro nas miñas mans, aínda faltaban un par de días para a noite de Reis, mais nos sei se foi polo atractivo do título (bestiario científico e de Anxos!) ou pola súa fermosa e suxerente portada (a figura co libro na man e o candil na outra que aporta á luz a uns tons de escuridade) foi pois que, non fun quen de resistirme e comecei xa a lectura que veño de rematar.  


 (Presentación do libro en Culturgal).

Desde o inicio conquistoume a ambientación (no 1933 todo está para mudar menos o mundo rural) a vestimenta, a descricións da casa do médico, os traballos do campo descritos pola voz narradora en primeira persoa, a de Susiño o protagonista desta apaixonante historia (ese  Suso que con trece anos traballa a reo antes de ir á escola, quizais unha lembranza de Balbino, o noso neno labrego). 

A doenza de Suso será o desencadeante da grande aventura que vai vivir, marchar da aldea a pasar o verán nun sanatorio a carón do mar; esta estancia vai reunilo con Tila, a outra protagonista, a que lle vai descubrir o bestiario (un caderno no que os naturalistas científicos tomaban nota das súas descubertas das criaturas marabillosas que habitan o mundo, según definición da propia novela).
A partir deste momento o mundo da realidade (as vivencias dos rapaces e rapazas na colonia-sanatorio de verán) e o do marabilloso (a procura dos e das personaxes marabillosas do bestiario por Anxos Nogueirosa) van ir da man en toda a novela, entrelazándose nunha estrutura moi ben urdida. A maiores a tipografía dos capítulos ( 14 reais, 5 marabillosos, estes últimos acompañados das suxerentes ilustracións de Rivas, e 1 mixto) é diferente na realidade e no libro científico polo que o lector sempre sabe por que mundo camiña.

O tema conmove e interesa desde o primeiro ao último e inesperado capítulo e  a alternancia realidade-marabilloso axudada do método científico, dálle verosimilitude a unha historia que só na apariencia é fantástica.

A linguaxe é moi adecuada por clara e precisa, cunhas pinceladas líricas de cando en vez que axudan a crear o cadro da historia.

Os seres marabillosos protagonistas no caderno científico seguen a mellor tradición dese bestiario fantástico creado no seu momento por Cunqueiro, a mistura de trazos humanos e animais, presente xa na mitoloxía clásica.

A estrutura narrativa é coherente e a expectativa que se crea nos tres primeiros capítulos introdutorios non nos decepciona, imprime tensión ao relato que invita a non cesar a lectura ata o desenlace no capítulo final.

A época está moi ben ambientada e o autor aporta datos que axudan a encadrala nesa Galicia da preguerra onde a enfermidade e a fame facían moito dano á rapazada.

As ilustracións integran harmonicamente o texto coa imaxe, aportándolle ao lector unha pintura nítida que previamente foi deseñada na súa imaxinación polas palabras do autor.

O bestario científico de Anxos Nogueirosa é pois un libro moi especial, que nos conquista pola historia fermosamente tecida por Antonio M. Fraga, que nos leva do mundo real ao sempre impactante mundo do marabilloso, ás aventuras de Suso e Tila que nos crean espectación e desfrute, do texto e da imaxe.

(Presentación do libro en Culturgal).